Información da terceira reunión do grupo de traballo da LOSU no Ministerio

O luns 4 de marzo tivo lugar a terceira reunión do Grupo de Traballo do desenvolvemento da LOSU no que o Ministerio deu datos sobre as prazas que se convocarán dentro do Programa INTEGRA.

O luns 4 de marzo tivo lugar a terceira reunión do Grupo de Traballo do desenvolvemento da LOSU no que o Ministerio deu datos sobre as prazas que se convocarán dentro do Programa INTEGRA.

O Secretario Xeral de Universidades, J.M. Pingarrón, expuxo o cálculo cos datos que eles teñen (SIIU) sobre necesidades docentes que xera a merma docente do PDI asociado porque entende que son máis favorábeis que os que achegaron as universidades. A previsión do Programa INTEGRA é de 4200 prazas e estiman que é unha cifra razoábel porque é superior á oferta conxunta que teñen anualmente as universidades. A planificación sería a seguinte: no 1º ano 1364 prazas, no 2º ano 1400 prazas e no 3º e 4º ano 700 prazas cada un. Non obstante engade o propio Secretario Xeral que a estimación real de necesidades serían dunhas 5036 prazas coincidindo cos datos que dá a CRUE.

O Ministerio propón para Galiza 130 prazas, cun custe por contrato de 41.937 euros e cun total de algo máis de 5 millóns de euros de gasto. O Ministerio di que a implantación do programa durará 4 anos pero o financiamento pola súa parte será polos 6 primeiros anos de contrato. Proponse que o cofinanciamento do programa polas CCAA sexa mediante un convenio plurianual entre o Ministerio e cada Universidade e, no seu caso, outro das CCAA coas súas Universidades. O Ministerio sufragará a súa parte e, por outra banda, di que este ano as CCAA tiveron un incremento importante na transferencia que reciben (+14%) e que tamén teñen que cumprir o mandato da LOSU do umbral do PIB para gasto universitario.

A CIG-Ensino preguntou se se van abordar co apoio do Ministerio outras prioridades da LOSU como o envellecemento do cadro de persoal ou a precarización a través doutras figuras (ex. interinos de substitución) porque podería darse a circunstancia de que as universidades que fixeron máis axustes e non recorreron a esas figuras se vexa prexudicadas neste reparto.  Pingarrón contestou que agora só é un programa para corrixir os cambios de dedicación temporal dos asociados, visitantes e axudantes, pero que as universidades poderán tomar as decisións que estimen oportunas coas prazas que lles financien en canto a política de persoal que decidan coa asignación ás distintas áreas. A posteriori pode haber outras convocatorias ou debates pero tamén apunta que no caso de que se abran outros debates tamén poden preguntarlle ás universidades cantos profesores están por debaixo das 120h. para ter a radiografía total.

Criticouse tamén o feito de non enviar a documentación acorde á orde do día da reunión, como os criterios de reparto tidos en conta aos que en numerosas ocasións fixo mención Pingarrón.

Apuntar tamén que é un dato positivo que confirmen o que xa o Ministro Escrivá dixo no seu momento de que o vindeiro ano non haberá taxa de reposición.

Informacións concretas:

  • Dáse por feito que se solucionará o problema da compatibilidade de docentes substitutos que hoxe teñen que renunciar a contratos laborais por non ser compatíbeis, perpetuando a precariedade á que están sometidos. Segundo o Ministerio habería que modificar a Lei de Incompatibilidades (como se fixo no seu momento co profesorado asociado) ou ben introducir unha modificación da LOSU que engada unha disposición con este trámite. En todo caso din que será dentro da Lei de Orzamentos como solucionen isto nun primeiro momento.
  • Está previsto que sexa no mes de maio cando se publique no BOE a lei de ensinanzas artísticas superiores que inclúe a transitoriedade da LOSU en canto á aprobación dos novos estatutos das universidades (que pasan a 3 anos para a súa aprobación) e levar a xuño de 2028 a adaptación das estruturas dos cadros de persoal do profesorado como tope máximo.

Volver