Información da reunión da Mesa de Universidades para fixar un (novo) calendario de negociación do Estatuto do PDI

O Ministerio rectifica logo da queixa da CIG e coloca o sindicato maioritario en Galiza en pé de igualdade cos demais sindicatos ao ser central sindical máis representativa

O propósito da reunión celebrada na sede do Ministerio de Universidade era única e exclusivamente dar a coñecer un (novo) calendario de reunións e plan de traballo para elaborar o Estatuto do PDI, que terá rango de Lei e non de Real Decreto como estaba previsto na lexislatura anterior. Isto vai implicar unha xestión máis complexa se cabe na que, ademais da fase de negociación sindical, tamén haberá negociacións coas CCAA e, pos suposto, todo supeditado ao que poida pasar finalmente no trámite parlamentario no Congreso.

Na intervención inicial do secretario xeral de Universidades fixo mención a decisión de darlle entrada á CIG no grupo de traballo de desenvolvemento da LOSU (con sindicatos, CRUE e CCAA), en resposta ao escrito da central sindical criticando a súa exclusión das dúas primeiras reunións. A CIG-Ensino amosou a súa satisfacción pola rectificación do Ministerio que, en resposta a un escrito de queixa remitido á ministra, denunciou a exclusión arbitraria da CIG do grupo de traballo de desenvolvemento da LOSU, sendo como é sindicato máis representativo. 

Na rolda de intervencións dos diferentes sindicatos formuláronse cuestións que que debían ser debatidas nesta mesa, tanto no Estatuto como fóra del.

CIG

Intervención da CIG-Ensino

Unha auténtica Mesa de Negociación 

Demandamos que o Ministerio de Universidade manteña o compromiso anterior de crear oficialmente a Mesa Sectorial e que trate o tema co Ministerio de Función Pública para que, tal e como propuxo a CIG hai xa meses, se modifique o EBEP para crear a Mesa. 

Con todo, solicitamos que, mentres iso non sexa unha realidade, o Ministerio considere estas reunións, de facto, como Mesa de Negociación, asumindo o Regulamento negociado e pactado hai meses. O Ministerio está de acordo, así como os demais sindicatos, e remitirán novamente o texto aprobado. 


Un debate global e conxunto sobre o futuro Estatuto do PDI 

Parécenos correcta a decisión do Ministerio de deixar de lado a negociación parcial do Estatuto, pasando agora a un debate sobre o texto na súa integridade. Demandamos que a documentación se remita con suficiente antelación e nunca con menos de sete días. O Ministerio informa de que se parte de cero na negociación e de que non será a Mesa sindical o único foro de negociación xa que CCAA ou as propias universidades tamén terán os seus propios ámbitos de traballo sobre o futuro texto, entre outras cuestións porque as CCAA deben aprobar as súas propias leis universitarias e será precisa unha coordinación co avance do Estatuto. 

O Ministerio vai convocar a seguinte reunión da Mesa para o debate xa dunha proposta de borrador do Estatuto para o 13 de marzo. Prevese, en principio, unha reunión mensual até o mes de xuño. 

Tendo en conta os diferentes actores que van entrar en xogo (sindical, institucional…) esta proposta parece pouco realista. Para evitar problemas legais co mandato da LOSU do prazo para ter listo o Estatuto vai introducirse unha modificación da Lei nunha emenda a incorporar noutra Lei.  


 Queixas pola actuación da ANECA na xestión dos sexenios e na proposta de criterios de acreditación sen previo debate cos sindicatos 

Presentamos as nosas queixas sobre a actuación da ANECA tanto no tema dos sexenios como na proposta de criterios de acreditación para PTU e CU. Consideramos que o Ministerio e a ANECA deberían ter presentado as súas propostas nesta Mesa para, posteriormente, sometelas a exposición pública, algo que, de seguro, podería ter reducido o malestar causado. Constatouse, ademais, que a ANECA non está a dar resposta ás propostas que se lle remiten. A CIG-Ensino remitirá, pese a todo, unha batería de alternativas aos criterios de acreditación para eliminar uns criterios que consideramos altamente preocupantes.

Temas que deben ser incorporados ao debate na Mesa de Universidades: 

Hai cuestións relevantes que deben tratarse nesta Mesa, ben para a súa incorporación ao Estatuto como para solucionar problemas provocados polo propio Ministerio, pola inacción de administracións autonómicas, como no caso da Xunta, ou pola xestión dalgunhas universidades. Destacamos: 

  • Actualización das retribucións do PDI, que parten dunha normativa obsoleta pre LOU.
  • Combater a precariedade, garantindo que todo o persoal docente e investigador de calquera categoría (predoutoral, posdoutoral, etc…) teña dereito a trienios (algo que coas iniciativas da CIG xa se conseguiu en Galiza), tamén con independencia da administración na que se traballase antes.
  • Seguridade xurídica para o cobro das subas salariais a todas as figuras de contratación laboral.
  • Estender o dereito a sexenios e quinquenios para todas as categorías temporais de PDI Laboral.
  • Analizar e resolver os problemas que se poidan estar a producir coa nova figura de profesorado substituto, evitando que se converta nunha nova modalidade de precarización e abuso de temporalidade. 

Flexibilidade na aplicación de cambios da LOSU para o PDI 

O Ministerio vai aproveitar o debate parlamentario do proxecto de lei de ensinanzas artísticas superiores, xa no Congreso, para incorporar unha serie de medidas transitorias que garantan que determinados cambios que afectan á carga docente do PDI poidan estenderse no tempo. Así: 

  • posibilitar que os actuais contratos de profesorado asociado se renoven nas condición actuais.
  • ampliar un curso a posibilidade de manter, como máximo, as actuais normas de adicación docente de cada universidade que, por suposto, poderán ser negociadas no ámbito da súa autonomía, xa cuns novos criterios. 

En resposta á cuestión que se formulou sobre a diferenza existente entre o profesorado axudante doutor pre LOSU e pos LOSU, o secretario xeral indicou que nada impide que cada universidade negocie a modificación dos contratos anteriores e que, caso de non o facer, manterían as condicións anteriores.

Volver