Importante participación nas concentracións en defensa do ensino público e en contra dos recortes

No interior da nova podes ver dúas galerías de fotos das concentracións

Amosouse, unha vez máis, que tanto o profesorado como moitos pais e nais non están dispostos a aceptar que se continúe atacando ao ensino público. Desde a CIG-Ensino continuaremos actuando en contra desta política educativa neoliberal do PP que ten como prioritario recortar os servizos públicos, cando estes son a única garantía para facilitar a igualdade social e conseguir a igualdade de oportunidades.. Por iso temos convocado a todo o profesorado a un referendo para o día 25 de outubro co obxecto de seguir amosando o total rexeitamento aos recortes da consellaría de educación no ensino público

Perto de 9000 persoas participaron hoxe nas 11 concentracións que tiñamos convocado a CIG-Ensino e outras organizacións sindicais e que se levaron a cabo en Galiza en defensa do ensino público e en contra dos recortes en Educación. Nestas concentración deuse lectura dun manifesto (achégase) e coreáronse diferentes consignas como: Conselleiro trapalleiro, conselleiro dimisión, temos razón , alto a esta agresión, ensino público de calidade, negociación e non imposición, Vázquez dimite, o ensino non te admite...

A  asistencia a estas concentracións, en palabras do Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, son “ unha evidencia máis do rexeitamento do profesorado, pais e nais e estudantado á política educativa do PP, asentada nos recortes permanentes no ensino público concretados, entre outras cuestións, na redución de máis de 1.000 profesores/as neste curso, na insuficiencia de profesorado  para a  atención  ás necesidades educativas especiais, na falta de prazas de Educación Permanente de Adultos e Formación Profesional, e na falta de recursos para a atención á diversidade. A todo isto hai que lle engadir a pretensión da Xunta de reducir en 23 millóns de euros a partida destinada ao persoal da Consellaría de Educación para o ano 2012, o que suporá  600 docentes menos para o ano 2012”.

Estamos comprobando como a imposición de maior carga lectiva para o profesorado está provocando un deterioro na calidade do ensino Público. Así son numerosas as necesidades educativas que hoxe non poden ser atendidas, máis de 700 profesores/as imparten materias das que non son especialistas e máis de 150 teñen que realizar as prácticas en especialidades diferentes ás que aprobaron na oposición. Mentres isto sucede, a Consellaría continúa gobernando para agrandar e ampliar  os desvíos de diñeiro público cara o ensino privado concertado que percibe 250 millóns de euros, incrementa as unidades concertadas en detrimento da ampliación de unidades comprometidas nos centros públicos, percibe unha extra, a maiores dos concertos, de 220.000 € e recibe outras axudas, por vía indirecta, como, por exemplo, do programa de centros plurilingües e o proxecto Abalar. Todos os recortes que se están a practicar afectan única e exclusivamente á pública. 

Galería de Fotos

Todo isto amosa, segundo Anxo Louzao, que non estamos ante un problema económico como se nos pretende facer crer, senón ante unha decisión política de favorecer o privado en detrimento do público. Como é posíbel que soamente haxa que “optimizar os recursos”, como di o Conselleiro, no ensino público? A que obedece que si se poidan seguir incrementando os concertos na privada? 

Todas as medidas que está levando a cabo  a Consellaría  implican destrución de emprego. Veñen asociadas de campañas de  descrédito do profesorado e da  constante actitude autoritaria   do conselleiro quen,despois de catro manifestacións multitudinarias, dúas folgas secundadas maioritariamente polo profesorado, de concentracións nos centros, dun paro de media hora en todos os centros e de numerosas acción nos centros,  continua sen retirar a orde de incremento do horario lectivo e da obriga de que o profesorado custodie o alumnado  transportado.

Número de asistentes ás diferentes concentracións:

  • Santiago, 700 
  • A Coruña, 1.000
  • Lugo, 600
  • Ourense, 1300
  • Pontevedra, 1.000
  • Vigo, 2.000
  • Ferrol, 600
  • Vilagarcía, 400
  • A Guarda, 400.
  • Foz, 500.

Manifesto:

En defensa do ensino público. Contra os recortes en Educación 

Hoxe, 18 de outubro, estamos a celebrar concentracións ao longo de todo o país en defensa do ensino público e contra os recortes en Educación. Estas concentracións en que está chamada a participar o conxunto da comunidade educativa: alumnado, pais e nais e profesorado, reclaman un cambio da política educativa e da actitude da Consellaría de Educación e queren trasladarlle ao goberno galego a mensaxe de que rexeitamos os recortes no ensino público e as políticas de privatización dun servizo público esencial.

A imposición do incremento do horario lectivo do profesorado, que a Consellaría se negou a negociar, vai impedir ou deteriorar a realización das actividades necesarias para manter os niveis de calidade do ensino público: as dinamizacións da biblioteca, recursos TIC, convivencia escolar, mellora da calidade educativa, dinamización de programas internacionais, etc. Isto irá en detrimento do ensino público, que non contará co abano de recursos que a anterior xornada permitía. En Primaria, as persoas que aprobaron as oposicións, fan practicas nunha especialidade distinta da que aprobaron, o que é máis grave aínda, en prazas de PT, AL e orientación. En Secundaria, esta imposición xa provocou que se incrementase o número de profesorado que ten que impartir materias das que non é especialista con claras consecuencias na calidade que presta a educación pública. Así mesmo, impídense os desdobres e os agrupamentos flexíbeis, faltan prazas de Educación Permanente de Adultos e Formación Profesional, son moitos os alumnos/as que non poden cursar as optativas desexadas e a atención á diversidade e ás necesidades educativas especias non están completamente garantidas.    

Este curso iniciouse cunha redución de máis de 1000 profesores, pese a que hai máis alumnado escolarizado, así como a masificación das aulas, por iso é que reclamamos a retirada de todas as normas e instrucións que os provocaron, ademais das citadas, a orde pola que se modificaron os cadros de persoal e as consecuencias do Decreto polo que se transformaron en CIFP varios centros de Secundaria, que se traduciron na perda de miles de postos escolares e na perda de centos de unidades educativas. Tamén as instrucións polas que se esixiu dos centros a eliminación dos desdobres impoñendo as rateos máximas de alumnado por aula, sen atender as necesidades educativas que poidan existir. En definitiva, rexeitamos todas estas medidas porque foron o instrumento utilizado pola Consellaría de Educación para reducir a dotación de profesorado nos centros escolares. 

O motivo real que leva á Consellaría de Educación a impoñer estas medidas non é outro que continuar desmantelando os servizos públicos, co obxecto de avanzar na súa privatización. Trátase dunha directriz que veu aplicando xa no pasado curso, ao deixar de realizar moitas das substitucións necesarias e ao recortar profesorado nos centros. Falan de “xestionar de xeito eficiente os recursos” da Consellaría, mais este argumento non se sostén se consideramos que se tiran libros de texto polo único delito de estar en galego ou se invisten cantidades importantes de diñeiro de todos nós en propaganda innecesaria e perniciosa. Polo tanto,  recortan no ensino público, pero sempre coa única intención de desprestixialo en favor do privado, aínda que neste último se segregue alumnado por razón xénero. 

Todas estas medidas comportan non só a redución dos cadros de persoal nos centros, tamén o deterioro na calidade do ensino e na atención á diversidade, e, finalmente, a destrución de emprego. Para acometer este ERE encuberto, a Consellaría de Educación realiza unha campaña de desprestixio da función docente, enviando unha mensaxe de descrédito do profesorado á sociedade, actitude que, por outro lado, é unha norma para esta Consellaría co seu Conselleiro á fronte, xa que reiteradamente se vén negando a atender as demandas dos centros de máis profesorado. A isto hai que sumarlle as deficiencias na prestación dos servizos complementarios, nomeadamente a negativa a facerse cargo do funcionamento dos comedores escolares. 

En canto á vixilancia do alumnado transportado, a Consellaría de Educación non  busca solucións á problemática actual, que non é outra que reducir os tempos mortos de espera do alumnado. Pouco lle importa que o alumnado chegue aos centros moito antes do inicio da actividade lectiva con tal de aforrar liñas de autobuses. Cómpre aclarar que este mecanismo só vai en beneficio das empresas privadas do transporte escolar que pretenden así incrementar as dobraxes das liñas para reducir autobuses, mentres manteñen os ingresos que perciben da Consellaría. A vixilancia do alumnado transportado vailles permitir modificar os horarios á súa conveniencia, impondo o horario de apertura dos centros, como xa está a suceder, e tempos de espera do alumnado inxustificábeis. A solución non é impor a función de coidado do alumnado ao profesorado, senón ter liñas suficientes para que o alumnado non teña que madrugar máis nin esperar tempos inadecuados ao comezo das clases. En todo caso, é incongruente que esta función vaia en detrimento da dedicación do profesorado ás funcións pedagóxicas.

Saiba o señor Conselleiro que o conxunto da comunidade educativa considérase agredida polos continuos atropelos contra o ensino público e rexeita que pretenda manipular a opinión pública a través dos medios de comunicación, usando a prensa, a radio ou a televisión para enviar mensaxes falseadas da realidade, así como a páxina web da consellaría con fins partidistas. Vostede, que xa tiña pouco, vén de perder todo o seu creto como Conselleiro. Con este proceder e estes ataques ao ensino público, o mellor servizo que lle pode facer á educación galega é dimitir. O ensino galego non merece un conselleiro que falta á verdade, despreza e insulta o profesorado e non lle importa a calidade do ensino público.

O Presidente Núñez Feijoo e o Conselleiro de Educación deben saber que non imos parar de mobilizarnos até conseguir parar esta agresión sen precedentes, porque calquera recorte que se produza no ensino público é un recorte das prestacións sociais necesarias, moi especialmente en tempos de crise, e porque o Ensino é un dereito, un dereito de todas e todos, que os gobernos teñen a obriga de garantir nas mellores condicións posíbeis. Só a través do ensino público se poden minorar as diferenzas sociais e se poden formar as xeracións do futuro nos valores da liberdade, da igualdade, dos dereitos humanos e da democracia. Por iso, o ensino nunca pode ser medido con criterios de rendibilidade económica, e a súa oferta e calidade debe estar garantida para todas e para todos, independentemente da procedencia socioeconómica ou xeográfica.

 

Galiza, 18 de outubro de 2011

 

En defensa do ensino público e da súa calidade, non aos recortes en Educación

Importante participación nas concentracións en defensa do ensino público e en contra dos recortes

Volver