17 de maio: concentración no Obradoiro

Queremos galego (plataforma da que forma parte a CIG-Ensino) convoca concentración na praza do Obradoiro para o 17 de maio

A plataforma cidadá, composta por máis de 500 entidades, recorda que “para reverter a situación da lingua galega os éxitos na denuncia internacional teñen que se seguir acompañando da mobilización social para mudar a política lingüística” e anuncia unha concentración en Compostela o Día das Letras.
 

Representantes da xestora da plataforma cidadá Queremos Galego, entre eles o noso Secretario Nacional, Suso Bermello, da que forman parte máis de 500 entidades sociais e culturais do país, anunciaron esta mañá unha concentración na praza do Obradoiro o vindeiro 17 de maio ao mediodía. “Os éxitos na denuncia da situación da lingua galega teñen que ir acompañados da mobilización social para revertela e mudar a política lingüística da Xunta e do Estado”, recordou o voceiro da plataforma, Macos Maceira. Por iso, animan as persoas interesadas na defensa da lingua a reservar a súa praza na concentración, que levará por lema Queremos vivir en galego, inscribíndose nesta ligazón

A organización distribuirá o espazo entre as primeiras persoas que se inscriban, mantendo a distancia de seguranza e cumprindo todas as medidas de seguranza sanitaria.

“Desde decembro do 2019 até hoxe contamos cun informe da ONU e dous do Consello de Europa que recollen o que vimos denunciando: que o marco legal para o ensino non respecta a Carta Europea das Linguas, que na xustiza non se garante o uso do galego en calquera proceso ou as dificultades para a atención na administración pública” salientou Maceira na presentación pública da actividade.

Dende a plataforma salientaron que a sociedade galega mantivo este ano a súa mobilización, con centos de iniciativas para gañar novos espazos para o galego ou evitar retrocesos noutros. Destacaron a Inicitiva Xabarín, que chega ao Parlamento con máis de 33.000 sinaturas para garantir a posibilidade de gozar de contidos audiovisuais en galego, nomeadamente para a infancia e a mocidade. “Temos, por tanto, un 17 de maio para celebrar os pequenos pasos e para reclamar avances nos que a administración da Xunta e do Estado teñen xa que atender as demandas da sociedade galega e das institucións internacionais” asegurou o voceiro de Queremos Galego.

A reinvidicación é “queremos vivir en galego“. “Queremos vivir en galego con toda liberdade, con total normalidade, sen límites, sen coaccións e sen exclusións”, explicaron.

“Podermos usar e dispor da nosa lingua en todo e para todo, un dereito humano recollido na declaración universal dos dereitos humanos, o pacto internacional dos dereitos civís e políticos ou a Carta Europea das linguas, mais que para o galego aínda temos que conquistar día a día”, concluíron.

Volver