Homenaxe a Anxo Louzao

Sábado 30 de setembro ás 14 horas

Após 16 anos como cabeza visíbel e secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao vén de deixar esta responsabilidade a finais do pasado curso académico. Os seus compañeiros e compañeiras queren renderlle unha agarimosa homenaxe pola súa inquebrantábel defensa do ensino público e da clase traballadora nunha traxectoria á que agardamos que só poña punto e aparte.

A federación que el coordinou e á que pertence desde a súa fundación organiza un acto en Compostela en recoñecemento á súa loita incansábel por liberar a nación galega, por defender a nosa lingua e por loitar contra o capitalismo neoliberal e as políticas privatizadoras no ensino e no resto de sectores socioeconómicos de Galiza. Unha figura que sempre considerou a defensa dos intereses do profesorado como unha batalla máis dentro da loita da clase traballadora e que, nas súas propias palabras, “non estivo aquí para que lle pasaran a man polo lombo”.

Precisamente ese “teimar polo noso, por Galiza e o seu pobo”, é unha das características que moitas persoas veñen destacando da súa personalidade e da súa traxectoria desde que se soubo da súa decisión de xubilarse.

sábado, 30 de setembro ás 14 horas, teremos unha oportunidade de amosarlle ese recoñecemento en persoa nun acto aberto ao que podedes asistir inscribíndovos antes do vindeiro mércores 27 na seguinte ligazón.

Volver