Gran participación do alumnado con música e baile na cita do Correlingua en Compostela
Malia que houbo uns instres pasados por auga, a marcha e a festa estiveron presentes tamén con forza na actividade celebrada na capital galega.
Centos de rapaces e rapazas, incluído alumnado de Infantil, percorreu esta mañá o casco histórico compostelán facendo desta marcha reivindicativa polo galego, con pancartas, cabezudos e berros de "Na casa, na escola, bota a lingua fóra", unha atracción máis para a súa poboación e sobre todo para turistas. A festa comezou e rematou con moita música e baile, neste caso protagonizada non só pola banda participante no concerto, senón por alumnado e profesorado de varios centros que subiron ao palco da música a cantar e tocar as nosas pezas tradicionais.
A edición deste ano do Correlingua en Compostela estivo amenizada musicalmente por profesorado e alumnado, nomeadamente dos centros de Pontecarreira, Boqueixón e Zas que desde primeira hora xa se lanzaron a tocar pandeiretas e gaitas e a acompañar estas improvisadas actuacións con bailes e cánticos do lema "Na casa, na escola, bota a lingua fóra". O percorrido polo casco histórico de Santiago transcorreu entre os disparos fotográficos de habitantes e turistas e rematou no mesmo punto de onde saíra, a Alameda. Alí, nun palco centenario volveu haber actuacións musicais por parte de alumnado e profesorado dos distintos centros participantes, a lectura do manifesto a cargo de estudantes do IES Félix Muriel de Rianxo, a animación a cargo de Fran Rei e a actuación musical do grupo Cuarta Xusta que fixo saltar e bailar até os máis pequerrichos e pequerrechiñas.
Foi unha xornada festiva e emotiva a partes iguais pero na que estivo presente en todo momento o obxectivo desta actividade: reivindicar o dereito a vivir, estudar, xogar e medrar en galego; o dereito e o orgullo de ter lingua e cultura propia e de transmitila xeracionalmente e o dereito a que o ensino non siga sendo un elemento desgaleguizador e mesmo hostil á nosa lingua, sobre todo desde a aprobación do Decreto do Plurilingüismo coa chegada do PP á Xunta no ano 2010.
Alumnado desde infantil ata secundaria marchou con enerxía e con moita orixinalidade polas rúas de Compostela como se pode ver nas imaxes axuntas.
A creatividade dos centros participantes: CPI DOS DICES (Rois) – IES XULIÁN MAGARIÑOS (Negreira) – IES LELIADOURA (Ribeira) – CPI Ponte Carreira (Frades) - IES PLURILINGÜE FONTEXERIA (Muros) - CPI Antonio Orza Couto (Boqueixón) - CPI de Zas - IES Félix Muriel (Rianxo), foi tamén un punto destacado deste ano. Camisetas, chapas, pancartas, cartelaría e moitos máis materiais personalizados con lemas a prol do galego puideron verse polo centro da capital galega, o cal demostra que esta iniciativa non se centra só no día da propia actividade senón que se traballa a súa participación de xeito transversal ao longo de todo o curso. Igualmente moito profesorado participante tarareaba as cancións do grupo Cuarta Xusta, un dos gañadores do certame Cantalingua deste ano, que son parte da banda sonora de moitos centros escolares hoxe en día.
Esta semana foi moi intensa e aínda quedan unhas poucas paradas do Correlingua. Monforte, Lourenzá e A Estrada serán as últimas vilas ás que chegará unha actividade que, 21 anos despois da súa posta en marcha, segue a ser máis necesaria ca nunca ante a emerxencia lingüística que estamos a vivir, que denuncian continuamente as entidades organizadoras (A Mesa pola Normalización Lingüística, A AS-PG e a CIG-Ensino) e que ratifican os datos estatísticos de continua perda de falantes e de relevo xeracional.