Éxito rotundo da xornada de folga das traballadoras das escolas infantís de 0 a 3 anos en demanda dun convenio digno

Malia os servizos mínimos abusivos e as ameazas das empresas un 80% das educadoras infantís que traballan en centros privados ou de xestión indirecta do país, e que maioritariamente non chegan ao SMI, secundaron o paro.

  • A xornada de folga estivo acompañada dunha manifestación nacional que saíu da Alameda compostelá e acabou cunha concentración diante da sede da Confederación de Empresarios de Galiza. Se na vindeira semana non hai ningún avance, despois das nove reunións que tiveron lugar hai máis dun ano para a negociación do XIII convenio dun dos sectores máis precarizados tanto no eido do ensino como en xeral, ameazan con novas accións de protesta.
  • Precisamente desde a CIG-Ensino seguiremos esixindo que as negociacións sexan no ámbito galego, dado que como se pode ver noutros sectores canta maior proximidade maiores posibilidades de mellorar as condicións salariais e laborais da clase traballadora.

Máis do 80% das arredor de 2000 traballadoras das 200 escolas infantís que ou ben son de carácter privado ou de xestión indirecta (isto é, concesións públicas a empresas privadas) secundaron hoxe a xornada de folga de 24 horas ante o inmobilismo e o desprezo da patronal despois de levar máis dun ano negociando o XIII que rexe este sector, que é un dos máis precarizados de todos. Nestes momentos, e malia enorme responsabilidade e transcendencia social que ten o traballo deste persoal, a maior parte das traballadoras non acada o SMI no seu salario e leva acumulada unha perda de poder adquisitivo nestes anos que precisamente non pode ser recuperada pola paralización destas negociacións.

Tal e como se recolle no manifesto conxunto que leron as representantes das traballadoras as táboas salariais vixentes actualmente son do ano 2021 e as patronais negan a necesidade de incrementar o diferencial salarial para as educadoras infantís e opóñense a aprobar unhas novas táboas salariais equilibradas, dignas e xustas para todo o sector.

No caso concreto das que prestan servizos en centros de xestión indirecta (maioritariamente en escolas municipais) esta situación causoulles un gran prexuízo ao impedirlles asinar e beneficiarse dunhas táboas salariais vinculadas aos pregos de condicións dos últimos concursos públicos. “Exiximos, con urxencia, un cambio de rumbo que garanta o futuro do sector e valore o labor socioeducativo que realizamos e que se nos recoñezan os dereitos laborais e sociais que nos negan sistematicamente, sobre todo no ámbito dos permisos e da conciliación”, insistiron no manifesto.

Ao rematar a manifestación alertaron de que se na semana que vén non hai ningún avance na mesa negociadora que está programada continuarán con máis forza as xornadas de mobilizacións e de folga. Neste sentido, a CIG-Ensino seguirá a esixir un convenio de ámbito galego como única solución para poder negociar condicións dignas de traballo, tal e como se pode comprobar estes días polas mobilizacións e acordos acadados noutros sectores, dado que a maior proximidade (a nivel provincial e galego) é o que permite unha maior presión.

Volver