Éxito na terceira xornada de folga nas escolas infantís privadas malia os servizos mínimos abusivos

A Consellaría de Política Social decretou uns servizos mínimos abusivos para os centros privados, que até agora non tiñan obriga de manter un mínimo de persoal traballando.

Malia os impedimentos da patronal e da propia administración que exerce como se o fose a terceira xornada de folga das traballadoras das escolas infantís privadas e de xestión indirecta -etapa 0-3- está rexistrando un seguimento de arredor do 80%. O responsábel do sector da CIG-Ensino, Henrique García, explica que estes servizos mínimos -iguais aos impostos para as escolas do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar de xestión privatizada- xa foron denunciados por abusivos, ao limitar o exercicio do dereito fundamental á folga das traballadoras. Sinala que, ademais, o impacto desta medida nos centros das empresas privadas é maior porque "a diferenza das escolas do Consorcio ou das municipais de xestión indirecta, teñen as ratios ao límite e carecen de persoal de apoio".

A CIG-Ensino denuncia que, na práctica, a Consellaría (coa escusa de que é a administración galega quen financia este servizo) está impedindo que máis do 70% das traballadoras e traballadores destes centros poidan secundar a folga", en palabras de García. Acusa á conselleira de Política Social de "asumir o rol de patronal" e avanza que, de non mudar os servizos mínimos de cara á folga do día 15, "ademais de dirixirnos á sede da patronal para reclamar un convenio digno, teremos que dirixirnos tamén á Xunta de Galiza para reclamar os dereitos das traballadoras". 

Neste senso, subliña o profundo malestar xerado entre as profesionais destes centros ao coñeceren o decreto de servizos mínimos, que afonda no cabreo pola última proposta da patronal na reunión do 2 de novembro. En lugar de avanzar nun incremento salarial xusto que permita recuperar o poder adquisitivo e nunhas condicións que recoñezan a profesionalidade do sector, a patronal estatal "quere seguir mantendo a precariedade retributiva e afondar na involución de dereitos sociais e laborais do persoal".

O representante da CIG-Ensino incide en que o convenio colectivo estatal de centros de asistencia e escolas infantís é dos máis precarios de todos os existentes a día de hoxe na ensinanza en xeral: cunhas táboas conxeladas dende 2021, que xa quedaron por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional e cos dereitos laborais e sociais ao nivel do Estatuto das persoas traballadoras.

"Unhas condicións para nada acordes co traballo  que desenvolven, a formación que se lles exixe e a responsabilidade que teñen que asumir estas profesionais no seu día a día, e nas que subxace unha discriminación ao colectivo polo mero feito de ser maioritariamente feminino. "Coa súa loita -matiza García- as traballadoras tamén están reivindicando unha ensinanza de calidade nesta etapa 0-3 para as crianzas e a dimensión educativa da súa profesión". Así o expresaban as propias educadoras no comunicado redactado por elas e lido ao final das tres concentracións celebradas na Coruña, en Vigo e en Santiago: "a principal finalidade da nosa actividade non é entreter ou vixiar as crianzas, senón potenciar as súas capacidades para que o seu progreso psicomotriz, afectivo, intelectual e social alcance o avance máis amplo posíbel e as prepare para as próximas etapas".

Nova xornada de folga o día 15

O próximo 15 de novembro terá lugar o 4º día de folga e para ese día está convocada unha manifestación nacional en Santiago de Compostela, que sairá da Alameda, parará diante da Confederación de Emprearios de Galiza na Rúa do Vilar e rematará na Praza de Praterías coa lectura dun manifesto.

A vindeira reunión da comisión de negociación (a número 12) terá lugar o 24 de novembro e de non mudar a patronal na súa posición, as organizacións sindicais avaliarán un novo calendario de accións e de mobilizacións.

A CIG-Ensino segue a defender un Marco Galego de Negociación porque "para acadar un convenio digno a negociación ten que estar próxima aos centros de traballo, evitando un marco estatal que xa ten demostrado que só serve para retroceder en dereitos ou para acadar, no mellor dos casos, melloras absolutamente afastadas das demandas do persoal". 

Volver