Esixen a retirada dos recortes impostos desde Madrid, invadindo competencias da Xunta de Galiza, e que o goberno galego non os aplique

Miles de persoas percorren Compostela en defensa da Sanidade e o Ensino públicos

Agardábase multitudinaria e cumpríronse os prognósticos. Miles de persoas, chegadas de toda Galiza, sumáronse en Compostela á manifestación en defensa da Sanidade e do Ensino públicos. Ao remate, na praza da Quintana, Uxía Senlle e María Xosé Silvar, Sés, puxeron a música, xunto con Patricia Vázquez e Xurxo Souto, que foron os encargados de levar o acto de clausura. Un pai, en representación da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público e Manuel Martín, portavoz da Plataforma SOS Sanidade Pública deron lectura aos manifestos. Con toda rotundidade e contundencia, as persoas asistentes proclamaron que “O público é servizo; o privado, beneficio”.

 

Con esta mobilización ambas as plataformas convocantes denuncian as medidas de recorte impostas polo goberno central, coa complicidade da Xunta de Galiza. O portavoz da Federación das ANPAS de Ferrol, foi o encargado de dar lectura ao manifesto da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, que confluíu na mobilización con SOS Sanidade Pública, para alertar do perigo de camiñar cara a privatización deste servizo fundamental.

No manifesto saliéntase que só a través do ensino público se poden minorar as diferencias sociais e formar ás xeracións do futuro nos valores da liberdade, da igualdade, dos dereitos humáns e da democracia. “O ensino non é unha mercadoría, nunca pode ser medido con criterios de rendibilidade económica, a súa oferta e calidade debe estar garatirda para todas e todos independentemente da procedencia socioeconómica ou xeográfica de cada quen”, proclama o texto.

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público denuncia que os recortes suporán incrementar as ratios de alumnos por aula; impor unha xornada lextiva semanal mínima; non substituír o profesorado de baixa; eliminar o requisito de ofertar dúas modalidades de bacharelato; adiar a implantación de ciclos de formación profesional e o incremento das taxas universitarias. Medidas que provocarán un incremento do fracaso escolar e o despedimento de máis de 2.000 profesores e profesoras.

Ante isto, ao comezo da manifestación e en declaracións á prensa, o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, exixiu “un cambio na política educativa galega” e a retirada do decreto lei 14/2012 que o ministerio acaba de aplicar e que invade as competencias de Galiza na materia. Por iso demandou da consellaría de Educación e do goberno galego que “recurra este decreto e que non o aplique”.

Pola súa banda Suso Seixo, secretario xeral da CIG, subliñou que é fundamental saír á rúa a defender os servizos públicos e a denunciar que “mentres o goberno recorta recursos para servizos básicos para a poboación, non hai problema despois en proporcionarlle os recursos que sexan necesarios aos bancos, con cargo aos fondos públicos, para axudarlles a saír dun pozo no que se meteron eles, froito das súas políticas especulativas”.

Desde SOS Sanidade Pública afirman que os cambios introducidos no sistema sanitario público atentan contra a universalidade, a accesibilidade, a equidade e o carácter redistributivo da Sanidade Pública, e supoñen o inicio dunha contrarreforma sanitaria.

No manifesto, ao que deu lectura o portavoz, Manuel Martín, denúnciase que o Partido Popular acaba así co sistema sanitario universal como un dereito básico da cidadanía e introduce un modelo de aseguramento no que para ter dereito á asistencia sanitaria, no marco da Sanidade Pública, hai que ser “asegurado”,deixando fóra aos que non reúnan esa condición.

Cos recortes introducidos, exclúese da atención sanitaria aos inmigrantes non regularizados, malia ser un colectivo en diminución pola crise, realizar un escaso uso dos servizos e un reducido gasto sanitario. Por iso denúnciase que a desculpa do “turismo sanitario” non pode xustificar a perda do carácter universal do dereito á asistencia sanitaria. De feito, lémbrase que tamén deixa fóra aos maiores de 26 anos que non teñan “cotizado”.

A contrarreforma sanitaria reduce a oferta de servizos da sanidade pública, crea tres grupos de servizos e introduce o copago (repago) en servizos esenciais como a prestación farmacéutica, a prestación ortoprotésica, a prestación con produtos dietéticos e o transporte sanitario non urxente. Crea, ademais, unha Carteira común de servizos accesorios, que pode ser financiada co copago ou a través de aseguradoras privadas.

SOS Sanidade Púbica alerta de que os recortes nos servizos afectarán especialmente ás mulleres e o estabelecemento dun sistema de copagos, aos pensionistas e enfermos crónicos, dificultando o acceso a medicacións e prestacións sanitarias indispensáabeis para a súa saúde, converténdose nun novo imposto á enfermidade.

Ademias inclúese un novo“medicamentazo” xa que anuncia a retirada das prestacións farmacéuticas da carteira básica, incrementando o copago, e retira medicamentos moi usados do financiamento público.

Incorre ademais en intromisións graves nas competencias da Xunta de Galicia, limitando a súa capacidade de organización da asistencia sanitaria, tal e como recolle o Estatuto de Autonomía. Cambia as condicións laborais do persoal da sanidade pública, diminuíndo o seu número e precarizando as súas condicións de traballo, coa conseguinte perda de calidade no servizo prestado. Xunto a isto, privatiza a xestión de áreas sanitarias, hospitais e centros de saúde, encarecendo o servizo e empeorando a súa calidade.

María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde valorou moi positivamente a manifestación e lembrou que “só coa mobilización seremos quen de frear estas políticas”. Alén diso, lembrou que o Partido Popular é só un “xestor provisional” dos servizos públicos e que estes “non son da súa propiedade”. Por iso, dixo, “non teñen ningún dereito a privatizalos e agasallalos aos seus amigos”. Xunto a isto, advertiu, “non imos parar até conseguir que se garanta o mantemento da sanidade público universal, gratuíta e de calidade”.

Volver