Educación segue sen aprobar os currículos de Ciclos de FP que empezaron a impartirse neste curso escolar

A Consellaría utiliza os currículos para recortar os equipamentos mínimos recollidos na normativa estatal e empraza a que se adquira este material a conta dos orzamentos dos centros

A CIG-Ensino denuncia que despois de mes e medio de iniciado o curso a Consellaría de Educación continúa sen aprobar os currículos de diferentes ciclos formativos que se implantan neste curso. Isto provoca que o profesorado teña que remitirse á normativa estatal ou aos borradores dos currículos para facer as programacións xerais de curso ou planificar a materia, por non ter a Consellaría feito os deberes a tempo.

A esta falta de previsión e planificación, que mostra a desidia da Administración educativa galega, súmase que soamente fai uso das competencias para recortar. Así, por exemplo,  podemos comprobar como no ciclo superior de Administración e Finanzas a Consellaría aproveita o desenvolvemento do currículo para reducir os espazos formativos mínimos en referencia ao número de alumnado por curso. Neste caso, a normativa estatal esixe unha aula de administración e xestión de 100 metros cadrados para 30 alumnas/os ou 75 para 20, e a normativa galega redúcea a 90 metros cadrados para 30 e de 60 para 20 alumnos/as.

Máis grave, se cabe, é o caso dos equipamentos mínimos. No caso deste ciclo, a Consellaría de Educación xa non recolle a necesidade de ter 30PCs instalados en rede e un máis para o docente, senón que fala en xeral de “equipamentos mínimos informáticos e audiovisuais”, sen garantir, deste xeito, un ordenador por alumna/o, como está a acontecer en diferentes centros.  Tampouco se recollen para este Ciclo de Administración e Finanzas outros equipamentos mínimos, que si figuran na normativa estatal e que o alumnado ten que aprender a manexar (scanner, terminal de  punto de venta, fotocopiadora ou centraliña telefónica, entre outros) ou outros de apoio á práctica docente como canón e pantalla de proxección ou pizarra electrónica

IES Leliadoura de Riberia

Tal é o caso do IES Leliadoura de Ribeira  que, neste inicio de curso, está a padecer a falta dos equipamentos necesarios pola falta de dotación de medios informáticos nas aulas de ciclos, especialmente no 2º curso do Ciclo Medio de Xestión Administrativa, carencias que levaron a comunidade educativa a mobilizarse durante a pasada semana con paros na hora do recreo.  Neste curso, a Consellería incrementou o número máximo de alumnado por aula ata 30 prazas en todos os ciclos formativos. Pero este incremento de alumnado por aula non veu acompañado do equipamento informático necesario, problemática que lle afecta tamén a moitos outros centros. Malia as demandas do centro, a Consellaría non só non enviou os equipamentos necesarios senón que  o emprazou a adquirilos cos orzamentos do propio IES.

A CIG-Ensino esixe a publicación inmediata dos currículos do ciclos LOE que se están a implantar este curso, co mantemento dos equipamentos mínimos establecidos na normativa estatal. A CIG-Ensino denuncia o abandono e o desinterese da Consellaría de Educación e esixe que atenda as demandas dos centros e os dote dos equipamentos necesarios.

Achegamos nesta ligazón documento cos Espazos e equipamentos mínimos do CS de Administración e Finanzas recollidos na normativa estatal publicada no BOE -pax 1 e 2 do documento que enviamos- e os recollidos no Anexo II do Borrador do currículo da Consellaría de Educación  -páxina 3-.

Volver