Educación pretende modificar os criterios de admisión de alumnado para beneficiar os centros privados concertados

A CIG-Ensino presentou no Consello Escolar 32 emendas ao borrador de decreto para garantir a igualdade de oportunidades do alumnado entre outras cuestións

A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación pretende modificar os criterios de admisión de alumnado nos centros públicos e privados concertados cun obxectivo claro que non é outro que o de beneficiar o ensino privado concertado. A CIG-Ensino presentou no Consello Escolar 32 emendas ao borrador de decreto. Coa súa proposta, a Consellaría de Educación, en lugar de mellorar a normativa actual para facer do ensino público un servizo para todos, avanza na súa privatización e lexisla para o ensino privado e concertado.

Unha das novidades que introduce o borrador presentado, cunha calculada ambigüidade, é que abre a porta a conceder ata dous puntos do baremo polo expediente académico, un criterio que no anterior decreto estaba limitado unicamente ao acceso ao Bacharelato. Tamén se introduce a posibilidade de que o centro, de xeito arbitrario, poida outorgar 1 punto. Este cambio supón romper a igualdade de criterio e vai servir para que os centros concertados, diante dunha mesma puntuación, poidan optar polo alumnado que prefiran.

Por outra banda, o borrador de decreto non garante o dereito que debe ter calquera persoa a escolarizar os seus fillos ou fillas nun centro público. “Pode darse a circunstancia –explica Anxo Louzao, Secretario Nacional da CIG-Ensino-  que un rapaz ou rapaza teña que cursar os seus estudos nun centro privado concertado que teña un ideario contrario ao ensino laico no que a súa familia o/a quere escolarizar”. A CIG-Ensino tamén denuncia que non se prohiban os concertos cos centros que segregan o alumnado por razóns de xénero e se facilite a escolarización en centros con idearios retrógrados.

Ademais, coa nova normativa, os concertados van ter tamén novos mecanismo para desbotar, con maior facilidade, o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. Ata o de agora, os centros reservaban, ata o remate do prazo de matrícula, o 15% das prazas por unidade para estes rapaces/as e agora fíxase un mínimo do 10%. Tamén desaparece do decreto a referencia de que “coa finalidade de asegurar a calidade educativa para todos/as, a cohesión social e a igualdade de oportunidades, a Consellaría competente en materia de educación, garantirá unha adecuada e equilibrada escolarización do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo nos centros públicos e nos centros privados concertados”.

O borrador tampouco establece normas que imposibiliten na práctica que as actividades extraescolares sexan un criterio discrecional que determine a escolla e a matricula. Ao tempo, reláxase a normativa de cumprimento dos criterios de baremación, ao deixar de considerar o incumprimento do decreto como causa “grave” para retirarlle o concerto a un centro.

En definitiva, para a CIG-Ensino o que se pretende é facilitar que a ordenación do sistema educativo nos grandes núcleos de poboación se faga en función dos intereses do ensino privado concertado, deixando o público como subsidiario, cando debería ser ao revés. Por esta razón, a CIG-Ensino presentou 32 emendas para que se garanta a igualdade de oportunidades e para que os criterios sexan transparentes e permitan a escolarización nun ensino público e laico.

Volver