Educación nega a atención educativa domiciliaria a alumnado que por motivos de saúde non pode asistir ao centro docente durante un período prolongado

A CIG-Ensino ten constancia da negativa por parte da Consellaría a alumnado da provincia de Lugo

A Consellaría de Educación, facendo uso de normativa publicada para paliar os posíbeis contaxios durante a época da pandemia, está derivando a atención que precisa o alumnado que non pode asistir aos centros educativos a unha atención virtual, ligada aos equipos AVA (Atención Virtual do Alumnado).

Desde a CIG-Ensino esiximos que se nomee profesorado de atención domiciliaria para atender estes casos, xa que é o profesorado de atención educativa domiciliaria quen elabora e coordina, xunto co profesorado titor e o departamento de orientación, un programa individualizado de atención educativa ao alumno ou alumna durante o tempo en que non pode asistir ao centro, e estabelece todos os axustes precisos para a correcta adecuación ás circunstancias do alumnado así como o desenvolvemento das competencias clave e das materias instrumentais que garanten o retorno á actividade educativa sen interferencia no proceso da recuperación do alumnado.

Desde o sindicato temos claro que a atención virtual é unha posibilidade que pode ser solicitada polas familias, pero non debe nin pode ser a solución xeral para todos os casos de alumnado que non pode asistir aos centros educativos, xa que pode crear un grave prexuízo na atención ao alumnado para o que a atención virtual non é unha opción. Consideramos que a presencialidade no ensino público é a maior garantía na igualdade de oportunidades e na atención á diversidade, polo que o ensino presencial debe ser unha prioridade para a atención do alumnado que se atopa nunha situación de vulnerabilidade por motivos de saúde.

Por todo isto a CIG-Ensino esixe unha rectificación inmediata da forma de actuar da Consellaría, nomeando inmediatamente o profesorado de atención domiciliaria necesario.

 

Volver