Educación incluirá algunhas propostas da CIG-Ensino no texto final da convocatoria de oposicións

O sindicato celebra as modificacións que lle trasladou a subdirección xeral mais bota de menos outras melloras que propuxo e quedarán fóra da orde

A Consellaría de Educación vén de comunicarlle á CIG-Ensino que introducirá algúns cambios no texto final da convocatoria de oposicións docentes que, como se avanzou na Mesa Sectorial, está prevista para o día 15 de febreiro.

Os dous principais cambios responden a propostas do sindicato na negociación da orde e que suporán melloras tanto á hora de non perder prazas, que doutro xeito ficarían desertas, como na maior facilidade para a tramitación da documentación para a baremación de méritos na fase de concurso.

Acumulación das prazas da quenda de discapacidade cando se supere o 3% do total das prazas ofertadas

A proposta inicial da Consellaría ía máis alá do que fixa a Lei do Emprego Público de Galiza e as sentenzas que fixaron que en convocatorias previas Educación non cumpría correctamente coa norma. Así, no borrador do texto figuraba que non se acumularían as prazas á quenda libre.

Unha das propostas que presentou a CIG-Ensino na Mesa Sectorial foi que no caso de que o total das prazas que foran cubertas por persoas con discapacidade alcanzasen  o 3% das prazas totais, o resto das que quedasen sen cubrir se acumularían á quenda libre.

Esta medida, segundo a comunicación que nos traslada a Consellaría, vai incorporarse á convocatoria.

Presentación de méritos ante o tribunal do persoal aspirante

A outra proposta da CIG-Ensino aceptada pola administración é que o persoal aspirante pola quenda libre ou de persoas con discapacidade que teña que presentar méritos perante o tribunal (quen supere a primeira proba no sistema de ingreso, a proba na promoción interna ou a primeira parte da proba para inspección) non terá que achegar xustificación de servizos prestados se traballou para a Consellaría nin daquelas actividades de formación que consten na base de datos do profesorado.

Outras temas apuntados polo sindicato que van modificar son:

  • Actualización do Anexo VI (proba práctica) na especialidade de Operacións e Equipamentos.
  • Corrección de erros por falta de actualización coa normativa vixente (como competencias clave e non base en Infantil).

Educación manterá a proba práctica no cambio de especialidade en FP

A CIG-Ensino lamenta que non se atenda a nosa proposta de regular o sistema selectivo para cambiar de especialidade do mesmo xeito que se fai para o cambio de corpo nas especialidades vinculadas á FP. Así, quen se presente para cambiar de especialidade desde Servizos á Comunidade a Intervención Sociocomunitaria (da mesma familia profesional) terá que facer proba práctica cando até agora neste mesmo caso mais con cambio de corpo, estaba exento desa parte da oposición. Unha decisión que, a todas luces, non ten lóxica ningunha.

Tampouco mudará a Consellaría a limitación de puntuación de mestrados e doutoramentos (só se puntúa un co argumento de que cada mestrado chega ao tope da puntuación de 1 punto) cando o que propoñía a CIG-Ensino é que se puidesen puntuar máis mestrados ou doutoramentos, sempre dentro do tope de puntuación do apartado; unha medida que, por certo, aplicou no 2023 o Ministerio xunto con 13 CC.AA.

Volver