Educación inclúe no “Acordo de renuncias” duplicar a contía das axudas por gastos de formación cando este ano só gastou o 5,65% desta partida

A CIG-Ensino critica “o cinismo” da administración após resolver a convocatoria de 2023 na que só 27 docentes en toda Galiza se viron beneficiados por unha Orde na que quedaron 94.346 euros sen gastar.

O sindicato critica a hipocrisía da administración por vender como mellora das condicións laborais docentes medidas que se revelan como “inútiles” e pregúntalle a que vai destinar a cantidade que quedou sen gastar este curso e que previsiblemente volverá quedar na súa práctica totalidade remanente o vindeiro, malia que incrementen os fondos. A CIG-Ensino solicita que se modifique o contido da Orde, para que se adecúe ás necesidades formativas do profesorado, e que a partida sobrante se destine a aumentar as licenzas por formación.

Se o “Acordo de renuncias” ten moitísimos elementos criticábeis ao respecto de non responder ás demandas do sistema público nin do profesorado, sobre todo na baixada de ratios, na recuperación do horario lectivo, na eliminación da burocracia e na distribución lineal da suba retributiva, hai outras medidas que, como criticou no seu día a CIG-Ensino, se revelan totalmente “inútiles”. É o caso do compromiso de duplicar os fondos destinados ás Axudas por reintegro por gastos de formación, unha convocatoria anual que conta cunha partida de 100.000 euros e que, ano tras ano, queda na súa práctica totalidade sen gastar. O pasado luns a Consellaría fixo pública a relación de persoas beneficiarias no ano 2023. Tan só 27 docentes, de máis de 31.000 que forman o seu cadro de persoal, recibirán beneficios por esta Orde ;  un total de 5.653,76€. É dicir, quedaron sen gastar 94.346,24 euros. 

Cómpre sinalar que esta Orde regula os requisitos que hai que cumprir para que a Consellaría sufrague gastos de matrícula e de desprazamento para realizar actividades de formación que teñen que estar homologadas por entidades educativas. Desde a CIG-Ensino levamos reclamando nos últimos anos que os criterios incluídos nesta Orde se adecúen ás necesidades formativas do profesorado, que son moitas e moi diversas, e que cada ano ten que buscarse a vida para formarse fóra dos plans formativos da Consellaría, fóra do horario lectivo e con entidades que moitas veces non contan coa homologación das administracións. Así pois, o sindicato considera que o anuncio de duplicar, a 200.000 euros, os fondos desta partida o vindeiro ano é “outro brinde ao sol” que non vai ter ningún efecto real sobre as condicións laborais docentes e propón, como xa fixo durante a falsa negociación do acordo, que ademais de revisar o texto da convocatoria, se destinen os fondos sobrantes aos Plans de Formación Permanente do Profesorado nos propios centros e ás licenzas de formación retribuídas, evitando que estas últimas non queden desertas como tamén aconteceu o pasado ano, amparándose na desculpa de que os proxectos presentados polo profesorado participante non posuían unha calidade mínima. Así mesmo, pídelle á Consellaría que dea explicacións expresas de a onde se van destinar os remanentes deste ano porque “o que está claro é que o profesorado precisa formación constante, que efectivamente a realiza e que gasta diñeiro en facela pola súa conta, polo que esta Orde é necesaria pero que á vista está que non funciona”.

CIG-Informa axudas gastos formacion sen gastar

Documento


Volver