Educación estrea lexislatura e ano aplicando novos recortes para a promoción do galego polos Equipos de Normalización dos centros educativos

A Consellaría mantén unha redución de medio millón de euros para proxectos de fomento do uso do galego

A Consellaría inicia lexislatura e inaugura o ano 2013 aplicando novos recortes para a promoción da nosa lingua por parte dos Equipos de Normalización dos centros educativos que este ano verán recortadas tanto as partidas destinadas aos proxectos de innovación en normalización lingüística, como as destinadas a proxectos de fomento do uso do galego dos centros educativos.

En contra do sentido común, das demandas do profesorado e da CIG-Ensino a Consellaría de Educación volve publicar a convocatoria destas dúas ordes, fundamentais para a realización de proxectos de normalización e, por tanto, para o fomento do uso da nosa lingua, cando xa está iniciado o segundo trimestre, polo que, mesmo en contra do título da convocatoria, malamente se poderán pór en práctica neste curso 2012-2013, pois con moita sorte non se coñecerá o resultado dos proxectos premiados nin a contía coa que contarán os equipos antes do inicio do terceiro trimestre.

Por outro lado, fieis ás súas prácticas escurantistas volven a non publicar a convocatoria dos proxectos de innovación no DOG, polo que o profesorado debe pescudar na rede para saber da súa publicación. Hai que sinalar tamén que coa falta de pluralidade que caracteriza a esta Consellaría, establecen que as comisións que realizarán a adxudicación estarán integradas ao 100% por representantes da Consellaría e persoas por eles designadas.

Proxectos de fomento do uso do galego dos centros de titularidade pública

Esta orde publícase hoxe 14 de xaneiro e o prazo de presentación de proxectos remata o vindeiro 15 de febreiro.

Nesta convocatoria a Consellaría mantén unha redución de medio millón de euros nesta partida, pois fronte aos 800.000 € que se lle asignaron aos centros nos cursos 2009-2010 e 2010-2011, a Consellaría reduce a partida orzamentaria para este curso a 300.000 €, unha redución do 62,5%, que acada o 70% de comparármola coas partidas asignadas aos Equipos de Normalización antes da chegada do PP á Xunta de Galiza.

Por outro lado tamén reduce a contía que poden percibir os centros nunha media dun 55% respecto do curso 2010-2011, como podemos ver no seguinte cadro, co que os centros verán diminuídos os seus recursos para a promoción da lingua:

 

curso 2010-11

curso 2012-2013

redución

Valor porcentual da redución

Centros con matrícula superior a 50 alumnos/as

2000

800

-1200

-60

Centros con matrícula de 25 a 50 alumnos/as

500

300

-200

-40

Centros con matrícula inferior a 25 alumnos/as

350

150

-200

-57,14

Proxectos de innovación en normalización lingüística

  A orde que convoca estes proxectos foi publicada o pasado 8 de xaneiro, rematando o prazo para a presentación de proxectos o vindeiro 9 de febreiro.

A CIG-Ensino critica a falta de apoio da Consellaría á nosa lingua, pois mantén a redución do numero de proxectos premiados, unha vez máis cinco, en lugar dos dez convocados en 2008, ou os sete de 2009. Tamén temos que denunciar que a Consellaría reduce o orzamento global dos premios, que neste curso non superará os 10.000 €, cantidade que, desde a chegada do PP á Xunta de Galiza se reduciu case un 65%.

Na seguinte táboa pódense comprobar a drástica redución de orzamentos para estes proxectos.

Ano

2009-2010

2010-11

2011-12

2012-13

contía

27.500 €

15000

12.500 €

10.000 €

De novo a nosa lingua sofre os recortes. A CIG-Ensino esixe da Consellaría que se absteña de respondernos a través do portal web oficial da Administración e que dirixa os seus esforzos a manter os recursos económicos para promover o uso do noso idioma, se realmente é unha Consellaría que merece o apelativo de galega.

A CIG-Ensino esixe do Conselleiro de Educación que abandone as ladaíñas coas que adoito responde cando lle sinalamos a súa obsesión contra a nosa lingua, obsesión que se traduce e obxectiviza nestes recortes continuados e incrementados, unha vez máis contra os Equipos de Normalización, unha vez máis contra o profesorado máis sensíbel e implicado coa necesidade de promover o noso idioma entre as máis novas e os máis novos. No canto de lles recoñecer o esforzo, de procurar apoialos na súa tarefa, este Conselleiro atácaos permanentemente, poñendo atrancos ao seu traballo.

Volver