Educación adianta de setembro a xullo o prazo para que os Ciclos de FP acaden a demanda necesaria para manterse abertos

A CIG-Ensino denuncia que é un novo mecanismo para pechar ciclos que se suma ao aumento do número de alumnado esixido aprobado por este Goberno

Nas normas do proceso de admisión a ciclos formativos para o curso 2012 2013, a Consellería ven de adiantar ao 13 de xullo a data para que os centros obteñan a demanda mínima de prazas nos ciclos formativos para permanecer abertos. Antes o prazo remataba en setembro, no período extraordinario de matrícula, pero agora precipítase a xullo, deixando fóra a todo o alumnado que, por exemplo, depende do resultado da selectividade, para escoller estudos.

Para a CIG-Ensino, o que fai a Consellaría de Educación con este cambio é introducir un novo mecanismo que facilita o peche de ciclos por falta de demanda. Os ciclos que non teñan o número mínimo establecido de solicitudes de primeira opción antes do 13 de xullo non serán adxudicados. A CIG-Ensino denuncia que esta medida súmase ao aumento do número de alumnado mínimo necesario para manter a oferta dun ciclo aprobado con anterioridade por este Goberno.

 

A CIG-Ensino vese na obriga de ter que denunciar novamente a política de privatización do ensino e de recortes sistemáticos que leva a cabo a Consellaría de Educación. A CIG-Ensino defende que non se supriman ciclos ata coñecer as notas de selectividade e en ningún caso aqueles que acaden unha matrícula mínima de 8 alumnos nas cidades e 5  no resto de Galiza.

 

Volver