Dous mil rapaces e rapazas participaron no Correlingua polas rúas de Compostela

Malia o mal tempo, o alumnado reivindicou animosamente a normalización da nosa lingua

Coa participación de dous mil rapaces e rapazas, Compostela acolleu esta mañá a celebración do Correlingua, actividade lúdico-educativa de reinvindicación da lingua galega, organizado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a Confederación Intersindical Galega–Ensino e a Mesa pola Normalización lingüística, xunto cos Concellos de Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. Na carreira pola lingua de Santiago participou alumnado procedente de 25 centros de ensino primario e secundario das comarcas próximas á cidade.

A organización agradece a participación do alumnado e dos centros que quixeron percorrer as rúas de Compostela no día de hoxe para reclamar a normalización do galego, pese a choiva e o mal tempo. “Queremos agradecer a participación do alumnado e a colaboración dos centros que queren berrar e cantar o amor a nosa lingua aínda que chova”, explica o docente do IES Lamas de Abade, Xepe Torres, coordinador do Correlingua en Compostela.

Na festa final da carreira pola lingua, que se celebrou na Praza da Quintana, o alumnado do CPI de Pontecesures foi o encargado de ler o manifesto, do que son autores e que foi o gañador nesta edición. No acto, que contou coa animación da charanga do IES Antón Fraguas,  participaron tamén a actriz Iria Sobrado, e o grupo gañador do concurso musical Cantalingua 2012, Xenderal.

Desde a organización tamén se lamenta a falta ade apoio do Concello de Santiago de Compostela, que este ano retirou a axuda económica e loxística, entre a que se atopaba o uso dalgunha instalación municipal cuberta en caso de choiva.

Desde a CIG-Ensino -unhas das entidades organizadoras- o seu Secretario Nacional, Anxo Louzao, denunciou a actitude do Concello que, coa retirada do seu apoio, fixo que “hoxe os rapaces e rapazas, nunca mellor dito, se mollen pola lingua. Ademais, o actual alcalde, Angel Currás pretendeu censurar o manifesto elaborado polo alumnado na medida en que non lle gustaba porque dicía que tiñamos un idioma propio e tiñamos que usalo”, lembrou.

O Correlingua  chegou  a Santiago o luns 7 de maio despois de pasar por Ourense, Narón e A Coruña. As carreiras pola lingua continuarán en Lugo, Pontevedra, Vigo, Tui, Moaña, Silleda, Monforte para remataren en Viveiro o 16 de maio.

CORRELINGUA, é a denominación que adoptaron de maneira común as diversas carreiras en prol do idioma que se convocan no país, e é unha proposta de carácter lúdico-educativo que pretende convidar a mocidade e os centros de ensino a participaren nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro.

O Correlingua, que xa vai pola súa decimo terceira edición, alcanzou ao longo destes anos unha alta participación dos centros de ensino e do alumnado, través das diferentes actividades que se propoñen ao longo do curso (concurso de Banda Deseñada, Manifesto, vídeo …), e a través da implicación directa en todas as actividades que rodean as festas finais do Correlingua.

Por vez primeira desde os seus inicios, o concello de Santiago non colabora con esta actividade malia ter sido recoñecida por unanimidade dos grupos do Concello de Santiago a súa importancia na dinamización lingüística do alumnado tal e como se recolle no Plan Xeral de Normalización Lingüística do Concello de Santiago.

Volver