Desbloqueadas e asinadas as táboas salariais 2020 e 2021 de Ed. Infantil 0-3 para adaptalas ao SMI “tarde, mal e arrastro”, pois non se acadou o pretendido diferencial salarial para as educadoras/es

A Mesa Estatal Negociadora de infantil 0-3 queda unha vez máis en cuestión ante a falta de negociación, ao asinarse un “acordo miserento” polas OO.SS estatais, cinco meses despois e case nos mesmos termos do acordo no SIMA promovido pola CIG-Ensino

O pasado 1 de xullo, logo de 5 meses e doutras tantas Mesas Estatais de “Negociación” de infantil etapa 0-3, posteriores ao acordado e asinado o 25 de xaneiro no Servizo Interconfederal de Mediación e Arbitraxe (SIMA) tras a denuncia feita pola CIG-Ensino, asinouse un acordo global miserento, polas OO.SS estatais e todas as patronais, case nos mesmos termos do acordo do SIMA promovido pola CIG-Ensino para adaptar táboas do 2020/21 ao SMI.
Este acordo de desbloqueo e sinatura das novas táboas salariais de 2020 e 2021 adaptadas ao SMI (950€), para a CIG-Ensino chega tarde, mal e arrastro; tarde, porque chega 5 meses despois do acordo do SIMA e que os mesmos sindicatos que agora asinan, non o quixeron facer en febreiro; mal e arrastro, porque non acada o pretendido diferencial salarial para as educadoras/es, que na 1ª mesa negociadora de febreiro reivindicaron os sindicatos asinantes do convenio e o sindicato maioritario para asinar as táboas, e só engade dúas miserias, a maiores do acordo do SIMA, polas que se xustifican os asinantes:
1º - Declaración de recoñecemento dun diferencial salarial para educadoras, que non recolle nin asegura cantidades ningunhas, nin para o período dos atrasos a aboar (xaneiro de 2020 a agosto de 2021, que irá sen diferencial para educadoras e que todos reivindicaban) nin para o futuro. O diferencial para educadoras futuro pode ser 0,01€, 1€, 10€, 30€..., polo que só consiste nunha declaración de intencións, un auténtico brinde ao sol. Accede aquí ao recoñecemento do diferencial salarial para educadoras, proposto por CCOO, cando decidiu “petar na mesa negociadora” levantándose dela. O triste foi que petou para condicionar o resto da bancada social, cedendo tamén; logo acordou por detrás da mesa coa patronal ACADE e xustificouse de cara a súa demanda na Audiencia Nacional (sen base legal, ao noso entender). A verdade é que a este sindicato maioritario pouco lle durou o papel reivindicativo e combativo amosado neste XII convenio, que outros temos como sinal de identidade e que mantemos sen vacilacións.
2º - Incrementar 10€ só ás educadoras das táboas xerais o diferencial a partir de setembro de 2021, pasando de cobrar 958,09€ a 968,09€. Proposta da patronal, que nas dúas mesas anteriores todas as OO.SS rexeitamos por insuficiente e insultante. Nas actas das mesas recóllese a oposición total de todos os sindicatos a esta miseria, reivindicando textualmente: “o diferencial con cantidades calendarizado a varios anos”,“os salarios das educadoras deben acadar 1200€ nos próximos 3 anos”. Dende a CIG-Ensino fomos máis concretos no diferencial das educadoras, cunha proposta de máis de 100€ de diferencial (que xa había nas táboas salariais anteriores a este XII convenio e que haberá nas táboas de xestión indirecta a partir de setembro), chegando a eles de forma progresiva a negociar. Compartiamos o chegar a 1200€ en 2 ou 3 anos e mirabamos polas categorías superiores.
A verdade é que para esta viaxe sobraban as alforxas!! Trátase dun desprezo e dunha tomadura de pelo a todo o persoal traballador e reivindicativo deste sector, en especial ás educadoras. Dende a CIG-Ensino lamentamos profundamente e denunciamos a actitude irresponsable destes sindicatos estatais asinantes e sobre todo a evolución deste despropósito de “negociación”, non asinando o mesmo que asinaron agora, en febreiro, cando incluso nós nos ofrecemos a asinalo co fin de que cobraran atrasos canto antes as traballadoras, introducindo unha declaración de parte. Só se beneficiou á patronal retrasando o cobro dos atrasos, que é o que pretendían.
Nunca se debeu chegar nin ás nosas denuncias, ao vir recollido no XII convenio e no R.D. do SMI, normativa de obrigado cumprimento para facer a adaptación das táboas polas patronais e polas OO.SS asinantes. Isto foi motivo polo que dende CIG-Ensino non asinamos as táboas logo da sinatura no SIMA, non querendo ser cómplices de quen asinou estes salarios no convenio e debía asumir responsabilidades.
A CIG-Ensino non se parará aquí na loita pola defensa dos dereitos salariais deste colectivo, o obxectivo será seguir reivindicando a mellora e dignificación do XIII convenio, que esperemos o denuncien xa!!, tal e como o pedimos na mesa ante a actitude inmobilista da patronal. Seguro que tomaron nota os sindicatos maioritarios que ultimamente nos dan un papel central nestas mesas estatais a CIG, falando de nós, o cal quere dicir que estamos facendo ben as cousas para quen representamos e lles molesta.

Todo o persoal cobrará de salario base como mínimo o S.M.I. dos 950€, acadándose o obxectivo mínimo marcado pola CIG-Ensino.
Como xa dixemos na CIG-Ensino ao emprendermos as denuncias, 1º na paritaria en novembro do 2020 e logo no SIMA en xaneiro do 2021 previo á Audiencia Nacional, “todo o persoal que tivese un salario por debaixo dos 950€, terá que cobrar de salario base, como mínimo, ese SMI (950€ sen incluír o CPP)”. Ben, pois ese obxectivo está acadado e as empresas están obrigadas a pagar todos os atrasos correspondentes dende xaneiro de 2020 ate o 31 de agosto de 2021. O prazo para facelo será como máximo dun mes despois de publicar as táboas adaptadas ao SMI de 2020 e 2021 no BOE.
Comparativa entre táboas do convenio que estiveron e están a cobrar a maioría de traballadoras e a legalidade do que deben cobrar polo SMI e reclamar atrasos. Serán publicadas no BOE:

   
SEGUNDO TÁBOAS SALARIAIS XII CONV.

SEGUNDO ADAPTACIÓN SMI 
XESTIÓN DIRECTA

EDUCADORA PAS EDUCADORA PAS
SALARIO 2020

XANEIRO-AGOSTO 930 € 900 € 950 € 950 €
SETEMBRO 948,60 € 950 € 950 € 950 €
As demais categorías deberán cobrar segundo as táboas salariais do XII convenio.
   
SEGUNDO TÁBOAS SALARIAIS XII CONV.

SEGUNDO ADAPTACIÓN SMI
XESTIÓN INDIRECTA

EDUCADORA PAS EDUCADORA PAS

SALARIO 2020
XANEIRO-AGOSTO 910 € 900 € 950 € 950 €
SETEMBRO 923,65 € 950 € 950 € 950 €

No 2021 seguirase cobrando os 950€ ate 31 de agosto, logo segundo táboas XII convenio, agás educadoras das táboas xerais que terán os 10€ a maiores, cobrando 968,09€.
Para calquera dúbida ou cálculo contacta con nós nos teléfonos e enderezos que tes máis abaixo, sabendo que de non aboarche os atrasos a empresa en prazo, tes un ano para demandar dende a publicación das ditas táboas no BOE, tendo que aboarche a empresa xuros a maiores.

Marco Galego de Negociación: único camiño para dignificar o sector.
Dende a CIG-Ensino non podemos facer máis do que xa fixemos nun ámbito estatal de negociación no que non cremos e aos feitos nos remitimos unha vez máis, quedando este marco de negociación totalmente en cuestión logo de nin dar cumprimento ao recollido no convenio acordado e asinado na mesma Mesa Estatal Negociadora de Infantil etapa 0-3, tendo que denuncialo nós no SIMA. Logo incúmprese coa sinatura do acordo de dito SIMA, ate que faltaban uns días para chegar ao xuízo na Audiencia Nacional, que estaba datado para o 6 de xullo, retrasando o abono da adaptación das táboas sen acadar un mínimo diferencial a cambio.
É por iso que defendemos un Marco Galego de Negociación como única vía de negociación real, na que non se suplante as traballadoras/es e onde se defendan os seus intereses, non se vendan e intercambien, sendo vós os que decidades para poder dignificar o sector cun convenio galego xusto e digno. Para isto precisamos máis representación sindical, para reforzar o noso modelo sindical reivindicativo e combativo, fronte ao pactista e entreguista das demais OO.SS estatais.


Ligazón as táboas salariais adaptadas ao SMI para 2020 e 2021. 

Ligazón táboas xerais despois de setembro de 2021.

CIG Informa sobre as táboas salariais asinadas de Educación Infantil

Documento


Volver