Delegadas da CIG das escolas infantís 0-3 anos presentan preto de 6.000 sinaturas en demanda de salarios dignos, baixada de rateos e melloras laborais

A campaña de recollida de sinaturas tivo un amplo apoio das familias e culminou hoxe coa entrega na Confederación de Empresariado de Galiza onde se solicitou unha reunión coa patronal galega

Despois de dous anos de negociación do convenio estatal bloqueado polas patronais do sector denuncian que a practica totalidade das máis de 2000 traballadoras galegas cobran menos do SMI, un salario conxelado desde hai dous anos, sen sequera beneficiarse das subas legais que houbo neste período, e que teñen rateos de 8 por educadora de 0 a 1 ano, de 13 de 2-3 anos e de 20 de 2-3 anos cunha xornada de atención directa ás crianzas de 38 horas semanais, ademais de que apenas teñen permisos nin medidas para a súa conciliación.

Unha vintena de delegadas da CIG-Ensino que traballan nas escolas infantís privadas e de xestión indirecta celebraron esta mañá unha asemblea previa á concentración que tivo lugar ás 12 diante da sede da patronal galega na Rúa do Vilar en Compostela. En declaracións aos medios tanto o responsábel deste sector da CIG-Ensino, Henrique García, como unha das traballadoras dunha escola de Arteixo, Ana Rodríguez, destacaron a indignación e impotencia que sente este colectivo, conformado por máis de 2000 traballadoras en Galiza, ante o inmobilismo das negociacións do convenio estatal deste sector. Despois de 15 mesas de “negociación” nos últimos dous anos e do bloqueo patronal a ceder ante ningún avance nestes intres o conflito está no Servizo de Intermediación e Arbitraxe ( SIMA) no que un xuíz ten que mediar, o 1º será decidir se se aplica con retroactividade algunha suba salarial, conxelada, como o incremento do Salario Mínimo Interprofesional que as traballadoras, a maioría delas, aínda non están cobrando xa que seguen coa cantidade correspondente a 2021 (1018 euros), ano de vixencia das últimas táboas salariais.

Os representantes sindicais consideran que a situación en Galiza é diferente á do resto do Estado dado que aquí a matrícula en todas as escolas infantís é gratuíta, o que fai que as empresas ao ter esa subvención por parte da Xunta, teñan máis marxe de beneficio para mellorar as condicións das súas traballadoras e aplicar cando menos esta actualización salarial. Con todo, as súas reclamacións son “soldos dignos e acordes á súa responsabilidade, a atención directa e continua en xornadas semanais de 38 horas de crianzas de 0 a 3 anos, con subas retributivas acordes ao IPC”. Dada a situación peculiar de Galiza piden que a Consellaría de Política Social interveña directamente na situación dado que ten competencias para facelo, ao depender dela este sector. Ademais, por exemplo, a fixación das ratios é algo que lle atinxe directamente ao departamento da Xunta. A traballadora da Escola de Arteixo puxo como exemplo a súa situación indicando que ten ao seu cargo a 20 nenos e nenas de 2 a 3 anos, unha ratio coa que é imposible que estes poidan estar atendidos como se merecen. No resto de etapas a situación é igualmente precaria, xa que de 0 a 1 anos a ratio por educadora é de 8 e de 1 a 2 anos de 13. “Nestes momentos poucos sectores teñen peores condicións de traballo ca nós e a complexidade do noso traballo leva aparellada unha responsabilidade moi grande. Todo o traballo de programación educativa témolo que facer fóra do centro e as titorías coas familias tamén”, indicou Ana Rodríguez.

Ao remate da concentración entregáronse no rexistro da CEG as preto de 6000 sinaturas recollidas en só tres semanas e que contaron co apoio das familias usuarias das escolas, en solidariedade coas súas traballadoras. Ditas sinaturas tamén lle serán remitidas á mesa de negociación do convenio estatal e á conselleira en funcións de Política Social. Se finalmente non hai ningún avance nese marco, porque do SIMA non agardan nada relevante, propoñen que se abra unha negociación a nivel galego coas empresas que xestionan estas escolas para avanzar en melloras reais para as traballadoras pero tamén a calidade do servizo educativo. Recordan que o ano pasado levaron a cabo 6 xornadas de folga, aínda que con moitas limitacións polos servizos mínimos abusivos. Neste sentido indicaron que o argumento das administracións (Consorcio, concellos...) e das empresas era que o seu traballo era esencial, “máis ese carácter esencial non se ve recoñecido de ningunha outra maneira”.

Por último aproveitaron a presentación das sinaturas para solicitar unha reunión con representantes das patronais galegas que, de partida, non se negaron a mantela.

CIG-Informa entrega sinaturas campaña infantil 0-3 anos

Documento


Volver