Información da Mesa Docente estatal: modificación do Real Decreto de concurso de traslados

O Ministerio, logo das críticas recibidas polo proceso da negociación, compromete unha revisión do texto e unha nova reunión a finais de mes

Ligazón ao borrador da modificación do RD

Consideracións previas.

  • Está fóra de todo lugar que non se tivese publicada a modificación que pasou pola Mesa Docente en setembro de 2022 e, sobre todo, que non se tivese convocado os sindicatos con representación nesta Mesa para darnos as explicacións pertinentes.
  • Vaise modificar agora cando está ás portas a aprobación da Lei de Ensinanzas Artísticas Superiores, que vai introducir novos cambios nos corpos docentes e obrigará a unha nova modificación deste Real Decreto. Tendo isto en conta o lóxico sería agardar e unificar todos os cambios.
  • Parécennos totalmente inapropiadas as formas nas que se conduce esta Mesa Docente, co envío cun prazo mínimo de tempo da documentación a debate, nun proceder que xa é habitual. Que aínda por riba se nos indique que mandemos as achegas que consideremos oportunas nun prazo de 24 horas xa é o superar todo. Levamos anos demandando que as Mesas teñan continuidade e que o Ministerio renda contas das decisións que adopta despois do debate que ten lugar na Mesa.
  • O lóxico é que o procedemento fose xusto ao revés do que acaba de facer (por enésima vez) o Ministerio: ante un tema desta entidade constituír un grupo de traballo dentro da Mesa Docente e traballar sobre propostas de cambio para, posteriormente, ter un texto sobre o que fixar posición sindical.

O Ministerio informou que este documento se está a negociar en paralelo na Comisión de Persoal (na que están representadas as direccións xerais de persoal de todas as CCAA) e que adquire o compromiso de, unha vez revisadas as propostas sindicais e das diferentes administracións, remitir un novo documento aos dous foros de negociación. A previsión é que esta reunión sexa na última semana  de abril.  

Sobre a proposta de modificación do Real Decreto

Eliminar a obriga de agardar dous cursos para poder concursar logo de obter destino definitiv 

Un anacronismo da normativa actual da mobilidade por concurso do persoal funcionario é termos que agardar dous anos para poder participar de novo logo de ter acadado un destino definitivo. A CIG-Ensino considera que debe eliminarse esa obriga e poder participar xa no seguinte concurso.

Puntuación do tempo traballado como funcionariado interino ou en prácticas.

Non imos reproducir o que xa dixemos en setembro de 2022 ao respecto do recoñecemento da antigüidade como funcionariado polo tempo traballado como persoal interino (de aplicación en Galiza desde o ano 2014 e ao que se negou o Ministerio até que se viu obrigado a facelo pola sentenza do Tribunal Supremo). En todo caso, a exposición de motivos parece un descargo da propia responsabilidade que tivo o Ministerio neste retraso inexplicábel en aplicar a directiva europea á baremación do concurso de traslados.

Participación do persoal funcionario en prácticas.

Consideramos que non ten sentido que se manteña a participación con cero puntos no concurso de trasladospara quen é funcionariado en prácticas. A adxudicación de destino, supeditada á superación da fase de prácticas, debería ser coa puntuación que lle corresponda polo total do baremo, como o resto do profesorado participante.

Criterios para os desprazamentos por perda de destino.

  • A principal novidade da modificación do RD está, por analoxía cos cambios vinculados co cumprimento da normativa europea, no cómputo de todo o tempo traballado como persoal funcionario (eliminando a condición “de carreira”) para telo en conta aos efectos de perder o destino. O Ministerio confirma que esta medida se toma por seguridade xurídica tendo en conta xurisprudencia europea e, agora tamén, estatal.
  • A disposición adicional segunda na que se regulan estes criterios non é normativa básica e só se aplica con carácter supletorio se a administración autonómica non o regula para o seu ámbito. Así se negociou en Galiza no ano 2006 un cambio que trouxo consecuencias moi positivas á hora de vencer certas inercias de non ofertar prazas nos centros de secundaria e ensinanzas de réxime especial e que contou co apoio da CIG-Ensino naquela negociación: aplicar como primeiro criterio para a perda de destino a menor antigüidade con destino definitivo na praza en vez da antigüidade no corpo. Aínda que a Galiza isto non lle afecta, desde a CIG-Ensino animamos ao Ministerio a adoptar este cambio. Non o facer iría en contra do propio criterio que expón o Ministerio nesta modificación do RD de primar a antigüidade no centro.

Garantía de mobilidade para o profesorado a extinguir do corpo de PTFP.

A proposta que agora presenta o Ministerio (pola que se regula que o profesorado declarado para extinguir no corpo de PTFP poderá participar no concurso de traslados ás prazas dos corpos ao que se adscribise a súa especialidade PES ou PESSFP) foi formulada pola CIG-Ensino e non se tivo en conta até agora. En Galiza xa se aplicou neste pasado concurso de traslados polo que non supón ningunha novidade, tampouco na falta de interese e reflexos do Ministerio para atender propostas de mellora que finalmente, tarde e arrastro, asume.

Incremento da antigüidade no apartado 1.1. (antigüidade no centro)

É unha das novidades máis relevantes da proposta do MEFP. Prima, aínda máis que na actualidade, a permanencia no centro, mantendo a proporcionalidade na puntuación co tempo de destino provisional, unha cuestión que, de non se ter incluído, sería motivo de rexeitamento para a CIG-Ensino. Esta modificación debe ser un motivo máis para apremar ás administracións a facer amplas ofertas de prazas no CXT, con todas as vacantes estruturais existentes, evitando as longas permanencias con destino provisional. 

1.1. antigüidade no centro

até agora

modificación RD

1º e 2º ano de destino definitivo

2 puntos

4 puntos

3º ano

4 puntos

6 puntos

4º e seguintes

6 puntos

8 puntos

destino provisional

2 puntos

4 puntos

Postos ou centros de especial dificultade

Non estamos de acordo coa redacción que se propón para a puntuación do apartado 1.1.3 (traballo en centros ou prazas de especial dificultade), xa que implica unha restrición ao respecto do que se aplica agora mesmo en Galiza e porque non se recoñece por igual o traballo feito, polo que propomos como alternativa o seguinte:

  • Que a puntuación non sexa consumíbel e que se lle recoñeza a todo o profesorado sen distinción (funcionariado de carreira, en prácticas e interino); isto é, que sempre se teña en conta o tempo traballado nestas prazas ou centros: se unha titoría, unha dirección ou unha xefatura de departamento nunca se deixa de puntuar, non ten sentido que o recoñecemento por traballar nun centro que se considere de especial dificultade se consuma unha vez que xa non se está no centro.
  • No caso de que non se acepte a nosa proposta, entendemos que como mínimo, debe respectarse o seguinte:
    • Que se lle puntúe as persoas que participen con destino definitivo na praza, posto ou centro de especial dificultade desde o que participa (tal e como xa figura na proposta do Ministerio)
    • Que se lle puntúe as persoas con destino provisional durante o tempo de provisionalidade que estivesen nunha praza, posto ou centro de especial dificultade aínda que xa non se estea no centro e con independencia de que prestasen servizos como expectativa de destino, en prácticas ou persoal interino (coa proposta do Ministerio unha mestra funcionaria de carreira que estivese nunha unitaria 5 cursos e no seguinte estea noutro centro, sendo aínda provisional, non tería dereito á puntuación especial por eses anos anteriores).
    • Que se lle puntúe as persoas que teñan concedida unha comisión de servizos nunha praza, posto ou centro que teña a cualificación de especial dificultade (isto xa se recolle na proposta do Ministerio)

Méritos académicos

Os cambios son os seguintes:

  • Non só se puntuará un doutoramento ou mestrado como até agora, ao se introducir que a puntuación será por “cada” unha desas titulacións.
  • Aumenta a puntuación por ter un doutoramento (de 5 pasa a 6 puntos)
  • Regulase que se un título de Grao se realiza a través doutras titulacións universitarias e se cursa un número inferior ao 50% dos créditos, a valoración do Grao será de 2 puntos (no canto dos 5 puntos por cursar un Grao completo).
  • Recóllese expresamente que non puntúan as diferentes mencións dunha mesma titulación.
  • Incorporase un apartado de dominio de linguas estranxeiras (de nivel C2 a B1) con certificacións de entidades acreditadas (en analoxía co que se fixo recentemente para as oposicións). O Ministerio afirma que toma esta medida por seguridade xurídica, tendo en conta o precedente da sentenza do Tribunal Supremo que obrigou a que se puntuara nas oposicións ao considerar que deben estar en pé de igualdade coas titulación obtidas nas EOI, algo que a CIG-Ensino considera un grave problema para os centros públicos pola competencia desleal que na maioría dos casos representan as entidades privadas e alerta dos efectos na demanda destes estudos nas EOI por parte de profesorado.

Neste apartado propomos:

  • que se eleve a puntuación dos segundo grao con menos do 50% dos créditos a 3 puntos, por analoxía coa titulación de primeiros e segundos ciclos
  • que se modifique o título para poder incorporar a puntuación por eses mesmos niveis de coñecemento de idiomas oficiais nalgunha das comunidades con lingua propia (galego, catalán, euskara).

Desempeño de cargos directivos e outras funcións

  • Na norma debe quedar claro que a puntuación máxima de 20 puntos se poderá acadar con todos e cada un dos cargos ou coordinacións. A día de hoxe tanto as normas procedementais como a convocatoria galega, que se axusta a esas normas, fixan un tope de 5 puntos para as coordinacións docentes. Todo docente debe poder completar a puntuación deste apartado polo recoñecemento ao seu traballo educativo e de coordinación docente e función titorial. É desproporcionado que unha persoa que exerce a dirección complete en 5 anos os 20 puntos e unha docente que é xefa de departamento ou coordinadora de ciclo só poida sumar 5 puntos.
  • Neste sentido, entendemos que se debería regular unha distribución da puntuación máis equilibrada, subindo a dos cargos docentes.
  • Solicitamos que se incorpore a responsabilidade de centros incompletos ao mesmo nivel que a vicedirección, subdirección, xefatura de estudos, secretaría e asimilados. Nestes tipo de centros, sempre vinculados con zonas rurais, non hai dirección e a persoa que se encarga de todas as tarefas de xestión debería ter un recoñecemento de 2,5 puntos por ano. 

Outros méritos 

  • O Ministerio non introduce ningún cambio neste apartado e desde a CIG-Ensino amosamos novamente o noso rexeitamento a que se puntúe o desempeño de postos na Administración
  • No RD fálase de méritos artísticos sen maior concreción e na orde de normas procedementais e nas respectivas convocatorias cítanse os méritos “artísticos e literarios” sen incorporar audiovisual, creación dixital ou artes escé Deben ser tidas en conta e citarse expresamente na relación do apartado 6 do RD.

A defensa do marco galego de negociación

Para a CIG-Ensino segue sendo preocupante que haxa organizacións sindicais (neste caso a práctica totalidade) que fagan propostas que implican unha centralización das competencias, pretendendo que haxa aspectos de son da única competencia das comunidades autónomas e, por tanto, das respectivas mesas sectoriais que pasen a regularse con carácter básico por parte do Ministerio. A única voz discordante nesta defensa do marco de negociación autonómico, no noso caso o galego, foi a da CIG-Ensino.

Volver