Convenio de Educación Infantil 0-3: as patronais porfían no inmobilismo na negociación nunha clara provocación cara o persoal

A CIG-Ensino rexeita a nova proposta das patronais na mesa negociadora do 7 de xullo ao ser aínda peor que as anteriores, nun claro acto de prepotencia e autoritarismo da patronal

Na 10ª mesa “negociadora” celebrada o pasado 7 de xullo (a primeira dende as mobilizacións e folgas levadas a cabo no pasado mes de xuño pola parte social), as patronais do sector de Educación Infantil 0-3 non só mantiveron o bloqueo das negociacións co seu  inmobilismo, que levou ao conflito aberto no sector, senón que botaron un novo pulso á parte social facendo unha nova proposta máis miserenta que as anteriores, tanto para centros de xestión directa (privados) coma para centros de xestión indirecta (públicos).

NOVA PROPOSTA SALARIAL DA PATRONAL

Ligado a estas dúas táboas salariais, privadas e públicas, irían as seguintes propostas laborais do resto do articulado e adaptadas a cada tipo de xestión:

  • Incapacidades temporais, recortando máis as compensacións ao 100%.
  • Flexibilidade na xornada, sacando referencia máxima semanal, quedando só anual.
  • Gratuidade por fillo/a, limitándoa a que se encarguen as administracións.
  • Cláusula de descolgue salarial, poder acollerse a ela as empresas durante o curso.
  • Adaptación Reforma Laboral e novas normas en vigor, obrigado xa por lei.

Accede á proposta anterior feita pola patronal nesta ligazón

A CIG-Ensino rexeitou esta actitude e resposta da patronal, especialmente logo das mobilizacións masivas levadas a cabo en Galiza, con moita diferenza as de maior participación de todo o Estado, nas que se lles esixía ás patronais un cambio de rumbo e desbloquear as negociacións, denunciando que este feito supón un claro acto de provocación irresponsable cara o persoal traballador do sector.

A CIG-Ensino rexeitou enerxicamente esta proposta patronal por insuficiente, inxusta e inxustificada, ao querer seguir mantendo a precariedade salarial e afondar na involución de dereitos sociais e laborais do persoal traballador e máis logo do esforzo que fixeron        na pandemia, que non se recoñece.

Desde o sindicato denunciamos que esta actitude das patronais é inaceptable e esiximos unha vez máis un cambio de rumbo ás patronais, instaladas no inmobilismo e involucionismo, coa finalidade de gañar tempo e alongar negociacións para evitar a retroactividade salarial no 2023, nun claro acto de mala fe negociadora.

Logo dun receso para valorar a situación e buscar posibles saídas e solucións ao conflito, as patronais propoñen acudir a un SIMA ( sistema de mediación e arbitraxe para resolver conflitos) para que un arbitro/a medie e propoña unha saída.

Dende a parte social, trasladóuselle á patronal por parte dos sindicatos maioritarios que podía ser unha posible saída, pero que se respondería en setembro. Dende a CIG-Ensino, trasladamos que non compartiamos esa solución do SIMA, deixando que un 3º decida por todos e todas nós, cando temos a capacidade de acadar melloras coa Negociación Colectiva empregando a presión e a mobilización. Desde a CIG, como sindicato maioritario en Galiza, rexeitamos está vía de “mediación preventiva de conflitos” que UGT e CCOO acordaron no 5º acordo, pois entendemos que non é o camiño para que a patronal acabe cedendo.

A CIG, neste sentido, aposta por incrementar as mobilizacións no sector e manterlle o pulso a unha patronal que se nega a recoñecer os dereitos das traballadoras e traballadores. Os sindicatos reunirémonos a primeiros de setembro e desde a CIG agardemos que sexa para darmos continuidade ás mobilizacións con máis forza e intensidade, dada a actitude da patronal.

Por un marco galego de relacións laborais

Desde a CIG-Ensino constatamos novamente que o único marco de negociación colectiva válido é o galego. A resposta tan maioritaria nas mobilizacións e na folga que houbo en Galiza, con respecto ao resto do estado, amosan novamente que para acadar un convenio digno a negociación ten que estar próxima aos centros de traballo, evitando un marco estatal que xa ten demostrado que só serve para retroceder en dereitos ou para acadar, no mellor dos casos, melloras absolutamente afastadas das demandas do persoal. 

Dende a CIG-Ensino defendemos un Marco Galego de Negociación como única vía de negociación real, na que non se suplante as traballadoras e traballadores por cúpulas sindicais e patronais e onde se defendan os seus intereses, non se vendan e intercambien, sendo directamente o persoal que decida para poder dignificar o sector cun convenio galego xusto e digno.

Volver