Continúan os peches para esixir que a Consellaría non aplique o RD Lei 14/2012 e o recorra por invadir as competencias educativas

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público inicia hoxe un novo peche no IES San Tomé de Freixeiro en Vigo

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, entre as múltiples mobilizacións que está levando a cabo en contra dos recortes no ensino público, continúa cos peches que se iniciaron o pasado 14 de maio e que se estenden por todo o país. Hoxe, 21 de maio, o peche vai ser no IES San Tomé de Freixeiro, en Vigo.

Co obxectivo de que a Consellaría de Educación non aplique o RD Lei 14/2012 e que o recorra por invadir as competencias educativas da Xunta de Galiza, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino  Público manterá o seguinte calendario de peches: Coruña (22 de maio), Pontevedra (23 de Maio), Lugo (24 de Maio), Burela (25 de Maio), O Morrazo (29 de Maio), A Guarda (30 de Maio), Carballo (31 de Maio), Ourense (1 de Xuño). 

 

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público rexeita os recortes propostos, denuncia que con eles se ataca gravemente o ensino público, a súa calidade e o dereito de igualdade de oportunidades do alumnado, que aumentará o fracaso escolar e despedirá máis de 2000 profesores/as. Por todo isto, esixe que o Goberno galego actúe como tal e non se someta a decisións que van en contra do ensino galego, que se negue, rotunda e publicamente, a aplicar calquera das medidas contidas no RD Lei 14/2012 e que presente recurso por invasión de competencias.

 

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, da que a CIG-Ensino forma parte,  fai un chamamento a participar tamén na manifestación en defensa dos servizos públicos convocada para o 3 de xuño en Santiago.

Volver