Continúa o ataque permanente da Consellaría de Educación ao ensino público coa supresión de 199 postos de infantil e primaria

Nova denuncia da CIG-Ensino fronte aos continuos recortes do goberno Feijoo no ensino público

A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación continúa coa súa política de ataque permanente ao ensino público. Hoxe trátase da redución de 132 unidades e 199 postos de traballo en Educación Infantil e Primaria, non deixa de ser casual que, unha vez máis, todo o que ten que ver coa redución de postos de traballo se faga público en agosto.

Hai dous días a CIG-Ensino denunciaba que a adxudicación de Secundaria se traducía nunha redución de 993 profesores e profesoras menos, 993 persoas que, se non se corrixe a situación na adxudicación definitiva, van deixar de traballar no curso que vén. 993 profesores e profesoras que non van ter os centros de Secundaria para atender as necesidades educativas do alumnado ou os programas educativos en que aínda estaban inscritos. Onte a CIG-Ensino tivo que denunciar as 49 supresións de postos nas Escolas Infantís da Galiña Azul.

Hoxe temos que sumar a eses datos as supresións de 132 unidades e 199 postos de traballo en Educación Infantil, Primaria e Educación Especial. Mesmo se pechan centros enteiros, maioritariamente de Infantil, exactamente 12 centros (2 na Coruña, 3 en Lugo, 1 en Ourense e 6 en Pontevedra) que acaban de se facer públicos mediante a publicación no DOG de hoxe 3 de agosto da Orde do 20 de xullo de 2012 pola que se modifican as unidades e os postos de traballo docentes dos centros públicos de educación infantil, primaria e educación especial. Para levar a cabo estas reducións a Consellaría impón as rateos máximas de alumnado por aula e obrigan a realizar agrupamentos de alumnado de diferentes idades até 20 alumnos por aula, tal e como denunciabamos en xuño pasado. Neste momento son 113 as unidades que van escolarizar alumnado de diferentes idades por mor deses agrupamentos.

Anxo Louzao, Secretario nacional da CIG-Ensino declarou que: “o presidente Núñez Feijoo, que alardea de que o seu goberno é un exemplo de austeridade, é o campión do desemprego, a súa lexislatura pasará á historia como a do presidente que destruíu máis unidades de ensino público e canda a elas máis postos de traballo. O que ía rematar co desemprego está sendo o responsábel do incremento do paro no sector público. Mais tamén, porque son medidas que van parellas, o campión dos ataques ao ensino público, mediante a redución de unidades, a imposición de rateos elevadas que dan lugar á masificación das aulas, a ampliación do horario lectivo do profesorado, o incremento dos agrupamentos de alumnado de diferentes idades, a redución dos departamentos de orientación e dos seus responsábeis, a redución do profesorado de atención ao alumnado con necesidades educativas, etc. Mentres, mantenlles os concertos aos centros privados, entre eles centros que segregan o alumnado por sexo e son vinculados ao Opus Dei.

Esta é a política do actual goberno: o deterioro e a privatización dos servizos públicos esenciais.”

Os datos:

Unidades suprimidas

Postos de traballo suprimidos

A Coruña

26

37

Lugo

40

54

Ourense

38

68

Pontevedra

28

40

Galiza

132

199

Volver