Continúa a difamación de La Voz de Galicia contra a CIG

MANIPULACIÓN ESCANDALOSA

Repetidamente “La Voz de Galicia” está a utilizar o nome da CIG para difundir calumnias sen se ter posto en contacto aínda, a día de hoxe, co sindicato nin ter a CIG nada que ver coas acusacións que se imputan.

Continúa a difamación de La Voz de Galicia contra a CIG

 

Repetidamente “La Voz de Galicia” está a utilizar o nome da CIG para difundir  calumnias sen se ter posto en contacto aínda, a día de hoxe, co sindicato nin ter a CIG nada que ver coas acusacións que se imputan.

 Hoxe, día 5 de febreiro de 2009, por exemplo, aparece na primeira páxina deste xornal difamacións que, supostamente, se basean en informacións recompiladas pola CIG para “identificar con nomes y apellidos a una treintena de candidatos del BNG que fueron colocados en servicios de la Xunta”. Isto é totalmente falso, xa que nin a CIG, no seu conxunto, nin as súas federacións de ensino e administración recolleron nunca ningunha listaxe deste tipo.

 Que fiabilidade pode ter un medio de comunicación que afirma que “la central nacionalista CIG, a través de su boletín de enero, se sumó a las críticas a los procesos selectivos...”, cando nin a CIG como Confederación, nin ningunha das súas federacións sacou ningún boletín en xaneiro no que poña nada disto.

 Como ben sabe este xornal, calquera tipo de organización ten os seus organismos e responsábeis das diferentes áreas. “La Voz de Galicia” non se puxo en contacto en ningún momento coa CIG, co que debemos supoñer que foron eles os que inventaron o dito boletín ou deron creto a calquera comunicación anónima que lles chegou, sen contrastala coa propia central sindical.

 Desde a CIG, levamos respondendo as falsidades que está a lanzar este medio contra a CIG e contra as traballadoras e os traballadores do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar que seguen sendo vilipendiadas/os, aínda que teñan aprobado unha oposición e se teñan que presentar e aprobar outra, para desempeñar o mesmo traballo e converterse en laborais fixas/os. Reiteradamente, fomos censurados, sen posibilidade de exercer o noso dereito á lexítima defensa, conculcándose o dereito dos galegos e das galegas á unha información veraz e rigorosa.

 Santiago, 5 de febreiro de 2008

Volver