Constitúese a Alianza Social Galega para dar resposta ás nefastas políticas da Xunta e do Goberno central

Máis de sesenta organizacións sindicais e sociais adheríronse ao manifesto fundacional

Este mediodía presentouse publicamente a Alianza Social Galega, cuxo manifesto fundacional está apoiado por máis de sesenta organizacións sindicais e sociais, entre elas UGT, CCOO e CIG. O obxectivo da Alianza é dar resposta ás «nefastas políticas antisociais» da Xunta e do Goberno central, aseguraron os secretarios xerais dos tres sindicatos.

As organizacións que integran a Alianza Social Galega apuntan que este tipo de políticas antisociais comezaron a ter especial virulencia desde maio de 2010 e que o PP as intensificou desde que chegou ao poder no Estado. Denuncian que estas actuacións «atenden só aos intereses dos mercados» —a banca e o capital financeiro internacional—, que mediante o seu «neoliberalismo depredador» pretende minguar o noso estado do benestar.

Entre as medidas antisociais que o PP impuxo nos poucos meses que leva a gobernar cabe destacar a suba do IRPF ás clases traballadoras, a conxelación do SMI e do IPREM —que serven de referencia para moitos salarios e prestacións sociais—, as restricións para o acceso á renda de emancipación e ás prestacións da dependencia, recortes salariais e de dereitos de traballadores e traballadoras públicos, así como unha reforma laboral que desmantela o actual modelo de negociación colectiva, abarata e facilita o despedimento e deixa os traballadores e as traballadoras expostos á arbitrariedade das empresas.

O proxecto de orzamentos xerais do Estado de 2013 será un novo golpe, xa que os principais recortes minguarán aínda máis os recursos destinados aos servizos públicos, agravando as consecuencias que provocaron os recortes de 2012 e provocando máis paro e recesión.

En Galicia, a estas políticas de recortes de dereitos, de deterioración e privatizacións dos servizos públicos e dos servizos sociais, promovidas desde o Goberno español e aplicadas aquí con dureza polo Goberno galego, temos que engadirlles o incremento das desigualdades sociais; a destrución dunha parte fundamental do noso tecido produtivo (naval, leiteiro, conserveiro, pesqueiro, téxtil), así como a entrega dos recursos endóxenos ás multinacionais sen xerar valor engadido, nin para o territorio nin para as poboacións que os xestionan, o que está a provocar que teñamos os maiores índices de desemprego da nosa historia (preto de 300.000 persoas desempregadas); o abandono do Goberno galego da esixencia de dotar de novas competencias o noso Parlamento en beneficio do noso autogoberno, ou mesmo algo peor, como a súa colaboración na recentralización promovida polo PP estatal; ou un ataque sen precedentes ao idioma galego, na teima de eliminar o noso principal sinal de identidade nacional.

Non existe ningún colectivo nin ámbito social e cultural que se libre das consecuencias destas políticas, agás os poderes económicos e as elites que os representan. Por este motivo, desde a Alianza Social Galega afirman que se está ante unha «agresión ás clases populares» que non ten precedentes na nosa historia democrática. Ten, ademais, consecuencias laborais, sociais, económicas e políticas «moi negativas», tanto desde o punto de vista democrático como da xustiza social, coa única finalidade de favorecer os intereses e incrementar os beneficios do capital.

Por todo isto, e diante da perspectiva de que a situación empeore nos próximos meses, como consecuencia destas políticas promovidas polo BCE, a CE e o FMI, e postas en práctica en Galicia e o Estado polos gobernos do PP, as organizacións e entidades reunidas hoxe promoverán mobilizacións para expresar o rexeitamento da sociedade galega ás políticas que se están aplicando.

Neste sentido, anunciaron que o calendario se decidirá nunha nova xuntanza convocada para o día 31, na que tamén se definirá a forma de funcionamento da Alianza.

Eleccións 21-O e folga xeral

A preguntas dos xornalistas, respecto da convocatoria de mobilizacións ou de folga xeral para o vindeiro día 14 de novembro, Suso Seixo lembrou que a Executiva Confederal da CIG xa se ten pronunciado a favor da convocatoria. En todo caso matizou que a central sindical ten previsto tomar esa decisión, de forma definitiva, o día 27 no máximo organismo da central sindical. Fronte a isto, CCOO e UGT manifestaron que agardan a decisión que adopten as súas cúpulas este venres en Madrid, aínda que a UGT-Galiza adiantou que defenderá esa convocatoria.

Ante a pregunta de por que presentar este manifesto en plena campaña electoral, os secretarios xerais coincidiron en afirmar que aínda que a Alianza se constituíu agora, víñase traballando nela desde hai tempo. Porén, matizaron que efectivamente tamén era importante lembrar a importancia do voto.

A este respecto o secretario xeral da CIG incidiu en que “a experiencia demóstranos que gobernando o PP aplícase con todo o rigor e a dureza esas políticas que emanan do capital financeiro”. Por iso apostou por mudar a correlación de forzas no parlamento para que haxa forzas políticas que sexan “realmente receptivas ás demandas da maioría social e que estean dispostas a ter unha actitude de confronto co que son estas políticas neoliberais”, subliñando que “o voto ten moitísimo valor”, porque despois “son os parlamentos quen aproban, ou non, as políticas que promoven a UE e o capital financeiro”.

MANIFESTO DA ALIANZA SOCIAL GALEGA

Hoxe, diferentes organizacións e entidades que representamos a sociedade civil galega constituímos a ALIANZA SOCIAL GALEGA para darmos unha resposta colectiva ás nefastas políticas antisociais que, seguindo os ditados da Unión Europea, están desenvolvendo os Gobernos de Galicia e o Estado, con consecuencias moi graves para as condicións de traballo e de vida da maioría social.

Referímonos ás políticas que se veñen aplicando, especialmente desde maio de 2010, que atenden só aos intereses dos mercados ou, o que é o mesmo, da banca e do capital financeiro internacional, que mediante o seu neoliberalismo depredador pretende minguar o noso estado do benestar. Políticas que o PP está intensificando desde que chegou ao poder no Estado.

Un PP que subiu o irpf das clases traballadoras, mentiu dicindo que incrementaban as pensións cando o incremento era absorbido polo irpf, conxelou o smi e o iprem —que serven de referencia para moitos salarios e prestacións sociais—, limitou o acceso á renda de emancipación e ás prestacións da dependencia, recortou salarios e dereitos de traballadores e traballadoras públicos, pero non fixo nada para reactivar a actividade económica, crear emprego e reducir o paro.

Ratificou unha reforma laboral que desmantela o actual modelo de negociación colectiva, abarata e facilita o despedimento, non contribúe á creación de emprego e individualiza as relacións laborais, deixando os traballadores e as traballadoras indefensos e expostos á arbitrariedade das empresas.

Decidiu, aos poucos días de aprobar os orzamentos xerais do Estado de 2012, un novo recorte nos recursos destinados á sanidade e ao ensino públicos. Estableceu, o copagamento dos medicamentos (un medicamentazo que recae sobre aquelas persoas con menos medios, fundamentalmente sobre as persoas maiores), o repagamento polo transporte non urxente (moi importante para Galicia, onde o medio rural e a dispersión de poboación son grandes), anunciou un catálogo restritivo de servizos e prestacións sanitarias (o que obrigará os usuarios a pagar moitas delas) e a privatización do financiamento e xestión dos centros de saúde, dándollelos a concesionarios privados. Incrementou o custo dos estudos, dificultándolles aos fillos e fillas das clases traballadoras o acceso a eles, ao tempo que favoreceu a privatización do ensino fronte á súa universalización. Privatizou servizos públicos, vulnerando os principios de universalidade, suficiencia e igualdade de acceso e cobertura que deben garantir eses servizos. Aplicando criterios economicistas e de austeridade, non fan máis que destruír a rede pública existente, xa de seu escasa como se pode ver no informe especial do Defensor del Pueblo de 2007, que denunciaba a falla de servizos especializados.

En xullo deste ano, apertou de novo as caravillas con medidas que afectan ás persoas en paro (recórtanselles prestacións xusto cando máis as necesitan), ás persoas pensionistas, ás que traballan como autónomas (sóbenlles as retencións), aos traballadores e traballadoras do sector público (criminalizados logo de eliminarlles a paga extra de Nadal), á mocidade coa nova modalidade de contratos para a formación, ou promovendo a suba indiscriminada do ive que repercute de forma máis grave nas rendas máis baixas, o que, unido á falta de financiamento  e de acceso ao crédito, termina de darlles o réquiem aos autónomos  e autónomas, que son un dos motores da nosa economía. Máis medidas que non nos sacarán da crise porque contraen o consumo e con el a actividade económica, o que xera aínda máis desemprego.

Decisións todas elas que supoñen unha agresión ás clases populares sen precedentes na nosa historia democrática, con consecuencias laborais, sociais, económicas e políticas moi negativas, tanto desde o punto de vista democrático como da xustiza social, coa única finalidade de favorecer os intereses e incrementar os beneficios do capital, como xa se fixera antes con medidas como a redución da tributación das rendas máis altas e das rendas de capital e cunha xenerosa amnistía fiscal, que se completa cunha baixada de dous puntos nas cotizacións sociais das empresas, para falar, a seguir, de que non se pode garantir a viabilidade do sistema público de pensións.

O penúltimo recorte vén da man dos orzamentos do Estado para 2013, que van traer máis paro e recesión, pois só prevén recortes no investimento e no gasto social co fin de obter recursos para financiar a débeda contraída polo rescate ao sistema bancario. Redúcese a protección por desemprego —máis alá dos recortes de xullo—, ao non incorporar nin a prórroga do PREPARA nin a reposición de prestacións nos expedientes temporais de regulación de emprego; só recolle un incremento do 1% para as pensións e diminúen as partidas para dependencia, servizos sociais, medio ambiente, desenvolvemento rural, cooperación ao desenvolvemento (con consecuencias directas sobre as persoas máis vulnerables e sobre as políticas de loita contra a pobreza) e os programas destinados á loita contra a violencia de xénero e a promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Ademais, coa modificación da lei do aborto anunciada polo Goberno español, retrocederase máis de vinte anos no recoñecemento dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres.

O último recorte aínda está por chegar e será o mal chamado rescate que negocia o Goberno español. De se levar a cabo, suporá novas condicións e, por tanto, novos recortes, que ameazan con desbaratar o sistema de pensións e as prestacións por desemprego.

En Galicia, a estas políticas de recortes de dereitos, de deterioración e privatizacións dos servizos públicos e dos servizos sociais (sirva como exemplo disto último o peche de centros de menores e a amortización de prazas de educadoras/es sociais, a redución de recursos como a risga ou a desaparición do programa Preescolar na Casa), de precarización das condicións de traballo e baixadas nos salarios dos empregados/as públicos e privados, de desmantelamento do actual modelo de relacións laborais, de diminución dos programas e recursos destinados aos traballadores e traballadoras autónomos tanto para accións individuais como para as organizacións que os representan, promovidas desde o Goberno español e aplicadas aquí con dureza polo Goberno galego, temos que engadirlles o incremento das desigualdades sociais; a destrución dunha parte fundamental do noso tecido produtivo (naval, leiteiro, conserveiro, pesqueiro, téxtil), así como a entrega dos recursos endóxenos ás multinacionais sen xerar valor engadido, nin para o territorio nin para as poboacións que os xestionan, o que está a provocar que teñamos os maiores índices de desemprego da nosa historia (preto de 300.000 persoas desempregadas); o abandono do Goberno galego da esixencia de dotar de novas competencias o noso Parlamento en beneficio do noso autogoberno, ou mesmo algo peor, como a súa colaboración na recentralización promovida polo PP estatal; ou un ataque sen precedentes ao idioma galego, na teima de eliminar o noso principal sinal de identidade nacional.

Non existe ningún colectivo nin ámbito social e cultural que se libre das consecuencias destas políticas, agás os poderes económicos e as elites que os representan. Traballadores e traballadoras do sector privado, do público, desempregados e desempregadas, mozos e mozas, pensionistas, persoas inmigrantes, autónomas ou comerciantes… estamos a padecer as consecuencias dunhas políticas que nos levan a un cambio de modelo social, que nos empurran a unha sociedade máis inxusta e menos igualitaria.

Diante de todo o exposto e da perspectiva real de que a situación empeore nos próximos meses, como consecuencia destas políticas promovidas polo BCE, a CE e o FMI, e postas en práctica en Galicia e o Estado polos gobernos do PP, as organizacións e entidades reunidas hoxe promoveremos mobilizacións para expresarmos o rexeitamento da sociedade galega ás políticas que se están aplicando. Porque a saída da crise no pode recaer sobre os máis débiles nin facerse á custa do empobrecemento da poboación.

Estamos firmemente decididos a defender uns dereitos e unhas condicións de vida que se conseguiron tras moitos anos de loita e sacrificios das xeracións pasadas e presentes. Estamos firmemente decididos a loitar para que os nosos fillos e fillas poidan vivir nunha sociedade galega máis xusta, libre, democrática e sustentábel social e ambientalmente.

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2012

ENTIDADES QUE, ADEMAIS DE CIG, CCOO E UGT, ASINARON O MANIFESTO FUNDACIONAL DA ALIANZA SOCIAL GALEGA (ORDENADAS ALFABETICAMENTE)

  1. ACSUR Galicia
  2. ADEGA
  3. AGAMAR
  4. Asemblea de Cooperación pola Paz
  5. Asociación Fuco Buxán
  6. Asociación Galega de Historiadores
  7. Asociación Monte Pindo Parque Natural
  8. Asociación Sócio-Pedagóxica Galega
  9. Colexio de Educadores/as Sociais de Galicia
  10. Comités
  11. Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña
  12. Confraría de Pescadores da Pobra do Caramiñal
  13. CONFAPA Galicia
  14. Coordinadora Galega de ONGDS
  15. Escola Viva
  16. FADEMUR
  17. FAPACEL (Fed. Provincial APAS de Lugo)
  18. Fed. ANPAS de Compostela
  19. Fed. de Asocs. Culturais de Galicia "Galicia Cultura"
  20. Fed. Galega de Bandas de Música Populares
  21. FEGAMA
  22. FESGA (Fund. para o Estudo e Divulgación da Cuestión Social na Galiza)
  23. FRUGA (Fed. Rural Galega)
  24. Fundación 10 de Marzo
  25. Fundación Castelao
  26. Fundación Galiza Sempre
  1. Fundación Luís Tilve
  2. Fundación Paz e Solidariedade de Galicia
  3. FUNDECO
  4. Iniciativa Galega pola Memoria
  5. Instituto Galego de Historia
  6. SCOD Galicia (Instituto de Coop. ao Desenv.)
  7. Liga Estudantil Galega
  8. Mesa pola Normalización Lingüística
  9. Movemento polos Dereitos Civís
  10. Namentras
  11. Nova Escola Galega
  12. OAP Galicia (Fed. de Profesionais e Autónomos)
  13. Plataforma en Defensa do Ensino Público
  14. Plataforma en Defensa do Sistema Público de Servizos Sociais
  15. Plataforma Galega Defensa do Ensino Público
  16. Plataforma Queremos Galego
  17. Plataforma polo Emprego
  18. Seminario Galego de Educación para a Paz
  19. Sindicato de Estudantes
  20. Sindicato de Xornalistas de Galicia
  21. Sindicato Labrego Galego
  22. STEG
  23. SOS Sanidade Pública
  24. UNIATRAMC Galicia
  25. Unións Agrarias
  26. UPTA Galicia
  27. USTG
  28. Xustiza e Sociedade

Volver