Conseguimos reunirnos co xerente e que este se comprometera a iniciar a negociación, como moi tarde en xaneiro

Peche e concentracións nos centros de traballo esixían a apertura de negociacións do convenio

Delegadoas e delegados da CIG do Consorcio Galego de Igualdade péchanse na sede central do organismo en demanda da aplicación do convenio laboral da Xunta de Galiza. Simultaneamente houbo concentracións diante dos centros de traballo do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar. AO FINAL DESTA NOVA TES UNHA LIGAZÓN Á GALERÍA DE FOTOS DO PECHE E CONCENTRACIÓNS.

Delegados/as da CIG pecháronse esta mañá na sede central do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar (Galiña Azul, I+B, Centros de Día, Servizos centrais...) en demanda, entre outros, da aplicación do convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galiza. O peche, que comezou contra as 12:00 horas, mantívose até que foron recibidos polo xerente do organismo. Tras da xuntanza, na que participaron as/os representantes das/os traballadoras/es xunto a representantes da CIG-Ensino e CIG-Administración, deron por finalizada a concentración. O xerente comprometeuse a iniciar unha negociación, como moi tarde en xaneiro.

Arredor de 70 delegados/as do Consorcio e representantes da CIG pecháronse este mércores na sede central do organismo co obxectivo de ser recibidos polo xerente para exixir o inicio inmediato dun proceso negociador para aplicar a todo o persoal do Consorcio no Convenio único de persoal laboral da Xunta de Galiza.

Paralelamente a este peche de delegadas e delegados houbo concentracións diante dos centros de traballo apoiando este peche e esixindo o comezo das negociacións.

Xunto a isto, demandaron que se resolvan todas as irregularidades que se están a dar na actualidade no que ten que ver coa xestión de listaxes, substitucións, cobertura das baixas, modalidades de contratos, falla de recursos materiais e humanos, despedimentos e oferta formativa suficiente, entre outros.

Do mesmo xeito, demandaron que se mellore e se faga pública a xestión das listas de contratación e substitución, aplicando os criterios que rexen para o resto do persoal da Xunta; que se atenda en tempo e forma as demandas das diferentes necesidades dos centros e que se estabilicen os cadros de persoal, para o que entenden que é necesario negociar o acceso á condición de laboral fixo.

Estes foron os puntos expostos ao xerente na entrevista que mantiveron as/os representes das/os traballadoras/es e representantes da CIG-Ensino e CIG-Administración, logo de manifestarlle o seu malestar por ter que recorrer a un peche para seren recibidas/os. Na xuntanza expuxeron que é totalmente inxustificábel que logo de dous anos os responsábeis non se moveran un ápice para mellorar as condicións de traballo de máis de 1.000 traballadoras/es que conforman o cadro de persoal do Consorcio. Máis se temos en conta que cando tomou posesión este goberno había un acordo de convenio asinado pola representación sindical e a anterior dirección do consorcio e referendado unanimemente polos catro comités de empresa.

Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino, lembra que “o PP o que fixo foi non ratificar ese acordo de convenio, o que supón que este colectivo de traballadores/as estean totalmente en precario, cunhas retribucións dun 30-40% menores que o resto dos colectivos da administración autonómica realizando o mesmo traballo e desenvolvendo as mesmas funcións”.

A CIG exixiu, na reunión, fixar un calendario de negociacións co obxecto de aplicar inmediatamente o V Convenio Colectivo Único para a o Persoal Laboral da Xunta de Galiza.

Ao remate da xuntanza deron conta aos concentrados da posición do xerente. Segundo explicaron, este entendeu que “nos sobraba a razón, xa que compromisos anteriormente acordados non se efectivizaron, pero que, desta volta, asumía como compromiso firme o inicio da negociación en decembro ou, como moi tarde, en xaneiro”. Negociación que pretendía vincular ao traspaso do Consorcio á Axencia Galega de Servizos Sociais e a súa posta en marcha. Unha proposta que non foi aceptada pola CIG, que conseguiu que se comprometera a que, con independencia do futuro desta, no mes de xaneiro iniciaríanse as negociacións.

En relación coa xestión transparencia das listas de agarda e da posibilidade de mobilidade e estabilidade das/os traballadores/es do Consorcio manifestou que estaba imposibilitado para atender as demandas presentadas por limitacións de persoal e de loxística.

A CIG, logo dos precedentes nas actuacións da consellaría de Traballo e Benestar, que malia este nome non ten problemas para despedir traballadores/as e precarizar até límites insospeitados as condicións laborais do persoal e o incumprimento dos acordos acadados vai estar vixiante e continuará coas mobilizacións até que se efectivice e se aplique en toda a súa amplitude o convenio para melloras as retribucións, antigüidade, condicións laborais, mobilidade... co que conta o resto do persoal laboral da Xunta de Galiza.

Podes ver as fotografías das concentracións e dos peches nas seguinte galería de fotografías

  • Conseguimos reunirnos co xerente e que este se comprometera a iniciar a negociación, como moi tarde en xaneiro
  • Conseguimos reunirnos co xerente e que este se comprometera a iniciar a negociación, como moi tarde en xaneiro

Volver