Concentración o venres 29 contra a supresión do contrato de verán ao persoal substituto

Ás 11:30 horas diante da Consellería de Educación en San Caetano

A CIG-Ensino ten convocado ao profesorado a participar nunha concentración mañá venres 29 de xuño ás 11:30 horas diante da Consellería de Educación en San Caetano contra a decisión de suspender o dereito de nomeamento nos meses de xullo e agosto para o persoal docente substituto que teña prestado servizos á administración durante polo menos cinco meses e medio durante o curso 2011-12. Esta suspensión esténdese tamén ao próximo curso 2012-13.

A CIG-Ensino considera esta decisión un novo “ataque” ao profesorado que foi  comunicado de xeito “indecente” no día de onte pola tarde e por fax, seis días despois de que o Consello da Xunta adoptara este acordo sen facelo público. É inaceptable que a Consellaría agarde ata unha data tan avanzada do curso académico para anunciar unha medida tan dura para o profesorado substituto. Trátase dunha evidencia máis do desprezo que esta Consellaría ten polo ensino público e polos docentes.

Ante a gravidade desta noticia, a CIG-Ensino fai un chamamento a todo o profesorado afectado para que participe nesta concentración co obxecto de que o Conselleiro retire esta circular, que non pasou pola mesa sectorial (órgano de negociación onde deben ser tratados todo os asuntos que teñen que ver co profesorado) da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galiza

Estamos a falar dun profesorado ao que se lle retira parte do salario malia a precariedade absoluta que  padecen, con contratos de incluso 5 días, con cambio constante de domicilio e a disposición da Administración de xeito continuo. 

 

 

Volver