Concentración da comunidade educativa do IES Milladoiro en demanda de solucións en beneficio da convivencia

A CIG-Ensino apoiou esta mañá esta acción promovida polo profesorado e familias e insta a administración a tomar medidas para solucionar as problemáticas existentes.

Desde o sindicato considérase que a solución pasa por un incremento de persoal que permita desdobres, dotar de máis especialistas en atención á diversidade e apoio para levar a cabo actuacións en beneficio de toda a comunidade educativa.

Esta mañá celebrouse unha concorrida concentración diante do IES Milladoiro antes da entrada ás aulas na que participaron tanto profesorado do propio centro, como doutros centros próximos, así como familias e alumnado. No comunicado lido ante os medios de comunicación por parte dunha docente reclámase “o dereito de todos os traballadores e traballadoras a exercer o seu labor profesional en condicións dignas e do alumnado a unha educación inclusiva, libre e en paz, que é o principal afectado por un clima contrario á convivencia”. 

Tamén se pon de manifesto que “esta concentración nace dun profundo malestar entre unha maioría significativa do profesorado ante diversas anomalías que se veñen producindo desde o inicio do curso, relativas á organización e funcionamento do centro. A xestión do centro no referente á convivencia escolar trocou unha situación inicial de malestar nunha sensación xeneralizada de indefensión”.

Posicionamento da CIG-Ensino

Para o sindicato a solución ás problemáticas existentes pasan primeiro de todo por escoitar o profesorado que está no día a día nas aulas, por ter en conta a súa opinión e por non penalizalo, como desde a administración educativa, a través da inspección, se está a realizar. É preciso tamén dotar o centro de maiores recursos dado que, pola súa particularidade, precisa de máis persoal de apoio para a atención á diversidade, é dicir, tanto de especialistas de pedagoxía terapéutica como de persoal coidador como unha segunda persoa para o departamento de orientación. Así mesmo, é preciso tomar medidas directas para que se restableza un clima de convivencia no que o profesorado poida impartir clase libremente. 

A CIG-Ensino chama á reflexión tanto á dirección actual do centro como á inspección educativa e á xefatura territorial da Coruña, a onde xa levou esta problemática no marco da Xunta de Persoal, sobre a situación existente que fai que este mesmo curso até 26 docentes pediron traslado a outros centros.

Volver