Concentración, 28 de abril, ás 16:30 h. e Folga e manifestación, 29 de abril por outro Decreto de Bacharelato

Por un bacharelato compensado, laico e de calidade

Estas mobilizacións e outras accións que estamos a realizar son para abrir unha nova canle de negociación para acadar outro Decreto de Bacharelato que teña en conta as propostas da CIG-Ensino, apoiadas polo profesorado afectado, entre as cales están as seguintes:
Concentración, 28 de abril, ás 16:30 h

Por outro Decreto de Bacharelato

Folga e manifestación, 29 de abril
 
A CIG-ENSINO convoca a concentración que vai ter lugar o vindeiro luns, día 28 de abril, ás 16:30, diante do Consello Escolar de Galiza (Rúa de San Roque, nº 2, Santiago).
 
Ao mesmo tempo lembramos a convocatoria de folga, feita pola CIG-Ensino, para o martes, 29 de abril, e a manifestación ese mesmo día, ás 11:30, con saída da Praza do Toural até a Consellaría de Educación.
 
Estas mobilizacións e outras accións que estamos a realizar son para abrir unha nova canle de negociación para acadar outro Decreto de Bacharelato que teña en conta as propostas da CIG-Ensino, apoiadas polo profesorado afectado, entre as cales están as seguintes: 
  • Reclamar o incremento dunha hora na carga lectiva prevista das materias de Filosofía e Cidadanía (3 horas), Educación Física (2 horas) e Historia (4 horas) mantendo a distribución horaria que ten na actualidade; do contrario privaríase ao alumnado dunha formación axeitada, impediríase o desenvolvemento do currículo, non se podería abordar o ensino desde unha perspectiva galega e comportaría graves prexuízos para a calidade do ensino e para as condicións laborais do profesorado.
  • Exiximos un ensino laico, polo tanto que a materia de relixión non forme parte do currículo. En todo caso, requirimos que estea fóra do horario lectivo ordinario dos centros. (Deste xeito, todo o alumnado tería 32 horas lectivas en 1º e 2º, agás o que opte por recibir relixión que o vería incrementado en 2 horas, pero á marxe do horario ordinario do centro).
Entrevista da CIG-Ensino cos portavoces de Educación do BNG e do PSdeG no Parlamento galego. 

Hoxe, a CIG-Ensino, a través do seu Secretario Nacional, Anxo Louzao, e Xoán Carlos Garrido, reuníronse cos  portavoces de Educación do BNG, Manuel Parga, e do PSdeG, Guillermo Meijón, no Parlamento galego para trasladarlles as inquedanzas do profesorado diante do proxecto de Decreto de Bacharelato que presentou a Consellaría de Educación.

A CIG-Ensino presentou as súas alternativas a este Decreto. Na entrevista co grupo parlamentar do BNG, este manifestoulles que comparte a necesidade de manter as cargas horarias de Filosofía, Educación Física e Historia e buscarlle acomodo á relixión fóra do horario ordinario. Tamén nos indicaron que xa se dirixiran á Consellaría de Educación neste sentido e que tratarán de levar a cabo algunha iniciativa parlamentaria para mudar esta situación. Na entrevista co grupo parlamentar do PSOE, aínda que non coincidiu connosco, escoitounos e tomou nota das nosas propostas, indicándonos que tratarían de facilitar vías de encontro e negociación coa Consellaría de Educación.
 

Volver