Como reclamar a devolución das contías do IRPF pola prestación de maternidade

Consulta o procedemento e os modelos para presentar na Axencia Tributaria

O Tribunal Supremo (en sentenza do 3 de outubro) vén de confirmar que “as prestacións públicas por maternidade percibidas da Seguridade Social están exentas do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas”.  A resolución estabelece doutrina legal e, polo tanto, obriga a Axencia Tributaria a adoptar o novo criterio (contrario ao que viña facendo). 

Dende a CIG-Ensino animamos a solicitar a devolución das retencións do IRPF indebidamente cobradas e para iso pomos a túa disposición os modelos adecuados. Con todo, hai que ter en conta que con toda probabilidade nos vindeiros días a Axencia Tributaria disporá na súa web dun sistema telemático de recadación do IRPF das maternidades. É conveniente que, se estamos en prazo de reclamación, agardemos a que o faga e tramitemos as reclamacións por esa vía, porque os retornos serán máis rápidos aos feitos en papel. 

 A CIG-Ensino entende que a sentenza debe ser extensíbel ás prestacións de paternidade ou doutra persoa proxenitora e anima a presentar solicitudes para a devolución das retencións aplicadas como no caso do permiso de maternidade.

Toda a información facilitada está dirixida a obter a devolución das retencións de IRPF das prestacións por maternidade, non obstante, a CIG-Ensino entende que a sentenza do Supremo debería ser extensíbel ás prestacións por paternidade ou doutra persoa proxenitora. Nese sentido, consideramos que sería  oportuno presentar solicitudes para a devolución das retencións aplicadas a esas prestacións; sobre todo se temos en conta que a Seguridade Social está eliminando xa estas retencións (tanto no caso dos pais como das nais), sen agardar a que Facenda habilite a devolución.

Información práctica. Que facer?

No caso do ensino público, tanto universitario como non universitario, hai que diferenciar dúas situacións. Por un lado as profesoras interinas ou outras figuras docentes adscritas ao Réxime Xeral da Seguridade Social e por outro as funcionarias de carreira que son mutualistas de MUFACE.

CIG

Que acontece no caso das funcionarias de MUFACE?

A CIG ven de formular unha consulta vinculante perante a Axencia Tributaria para coñecer como vai actuar no caso dos descontos do IRPF practicados nas semanas do permiso de parto. 

Desde o punto de vista do sindicato está perfectamente claro que as retencións de IRPF practicadas ás funcionarias de carreira están afectadas pola sentenza do T. Supremo, xa que o permiso retribuído por parto regulado no Estatuto Básico do Empregado Público forma parte das situacións protexidas ao aparecer expresamente recollido na Lei Xeral da SS.  

Por tanto, desde a CIG-Ensino animamos a todas aquelas traballadoras vinculadas a MUFACE que tiveron descontos nas nóminas mentres estiveron de permiso a que presenten reclamacións ao igual que as traballadoras que son do Réxime Xeral.

En función da situación de cadaquén, estes serían os pasos a dar: 

1º.- Exercicios fiscais 2014 a 2017 (declaracións presentadas de 2015 a 2018):

As traballadoras ás que lle practicaran retencións de IRPF pola prestación de maternidade nos exercicios fiscais 2014 a 2017 (declaracións presentadas nos anos 2015 a 2018) teñen que formular, perante a Axencia Tributaria, nunha solicitude de rectificación da autoliquidación do IRPF do exercicio/s no que se declararan as prestacións por maternidade con retencións de IRPF (modelo de reclamación A). Téñase en conta que recomendamos agardar, mentres non haxa problemas de prazo, agardar polo sistema telemático que implante a Axencia Tributaria.

2º.- Exercicio fiscal 2018 (declaración a presentar en 2019):

As traballadoras ás que lle estean a practicar retencións de IRPF pola prestación de maternidade no exercicio fiscal 2018 (declaracións que se presentarán no ano 2019) teñen que formular, perante o INSS, unha solicitude de dereito á percibir a prestación íntegra sen retención de IRPF, no resto dos meses do 2018 (modelo reclamación B).

Aínda que temos constancia de que a Seguridade Social xa non está aplicando a retención nas prestacións de maternidade nin na de paternidade, é conveniente comprobalo antes.

3º.- Cuestións comúns para as solicitudes de rectificación e/ou devolución de ingresos que se presenten perante a Axencia Tributaria:

  • Se, transcorridos 6 meses desde que se formule a solicitude de rectificación e/ou devolución de ingresos indebidos, non existira resposta da Axencia Tributaria, entenderase desestimada por silencio.
  • Desestimada por silencio, quen o desexe disporá de 1 mes máis (tras os 6 meses sen recibir resposta) para interpor Recurso de Reposición ou Reclamación Económico Administrativa perante o Tribunal Económico Administrativo de Galiza (un ou outro, non nos dous) contra tal desestimación por silencio, a reclamar que se rectifique a Declaración da Renda na que se declararan as prestacións de maternidade ou se lle retornen os ingresos indebidamente realizados do 2018, alegando os razoamentos do TS. 
  • Se, pola contra, a Axencia Tributaria resolve expresamente a rectificación e/ou devolución de ingresos indebidos, desestimándoa, quen o desexe disporá de 1 mes máis (dende o día no que recibiu a resolución desestimatoria) para interpor Recurso de Reposición ou Reclamación Económico Administrativa perante o Tribunal Económico Administrativo de Galiza (un ou outro, non nos dous) contra tal desestimación, a reclamar que se rectifique a Declaración da Renda na que se declararan as prestacións de maternidade e/ou que se lle retornen os ingresos indebidamente realizados no 2018, alegando os razoamentos do TS.
O que di a sentenza do TS

A sentenza da Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior  fixa a seguinte doutrina legal en relación coa dedución do IRPF das prestacións de maternidade:

“Terceiro.- A interpretación sistemática. Real Decreto Lexislativo 8/2015, de 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei Xeral da Seguridade Social.

A prestación por maternidade é o subsidio que xestiona a Seguridade Social que trata de compensar a perda de ingresos da traballadora a consecuencia do permiso de descanso polo nacemento dun fillo ou filla, adopción, tutela ou acollemento, e durante ese período o contrato de traballo fica en suspenso interrompéndose a actividade laboral; e a teor do artigo 177 da devandita norma, considéranse situacións protexidas a maternidade, a adopción, a garda con fins de adopción e o acollemento familiar, consonte co Código Civil ou as leis civís das comunidades autónomas que o regulen.

En consecuencia a prestación por maternidade pode incardinarse no suposto previsto no parágrafo terceiro da letra h do artigo 7 da LIRPF, e por iso o recurso de casación ha ser desestimado e estabelecer como doutrina legal que “as prestacións públicas por maternidade percibidas da Seguridade Social están exentas do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas.”

CIG Informa sobre o procedemento para reclamar as contías do IRPF das prestacións por maternidade

Documento


Volver