Comezan as mobilizacións contra a paralización das oposicións no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade

Mobilizacións na defensa dos traballadores/as do Consorcio

A asemblea de traballadoras e traballadores do Consorcio de Igualdade e Benestar, convocada pola CIG, o sábado 28 de marzo, no IES Rosalía Castro, á que asistiron preto de 400 persoas; despois de rexeitar a situación actual de que se retrase a realización das probas e denunciar a actitude obstrucionista e boicoteadora por parte do PP, que vén de amosar unha total desconsideración co persoal do Consorcio, usándoo como carne de canón para intereses políticos espurios, acordaron levar a cabo unha serie de mobilizacións, co obxecto de que se convoquen inmediatamente as probas, tal e como estaba previsto, e para apostar polo mantemento do carácter público do Consorcio.
Primeiro día de Peche no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

Cúmprese o primeiro día de peche dos traballadores e traballadoras do Consorcio contra a paralización do proceso de selección. Ademais está a pronunciarse os diferentes centros de traballo con declaracións de adhesións que están a chegar aos que se atopan no acto. Este é o caso das GALESCOLAS de Ortigueira, Fene, Oleiros, Fonsagrada, Rianxo, Tomiño, Boiro, Xinzo da Limia, Cambre, Fene, Barrocás, etc. Estes manifestos amosan a solidariedade dos traballadores destes centros esixindo a realización das oposición.
Neste peche atópanse as presidentas dos Comités de Empresa do Consorcio que manifestaron a súa vontade de loitar por defender os postos de traballo e o carácter público do Consorcio, tanto agora como nun futuro, fronte ao novo goberno; e que en calquera caso o cambio político non debe influír nin condicionar a continuidade de aplicación dos acordos asinados e o desenvolvemento das convocatorias en marcha.
O secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, informou aos traballadores e traballadoras pechados sobre as argumentacións que os actuais responsables do Consorcio alegan para paralizar os trámites do proceso selectivo con motivo do boicot á constitución dos tribunais que está a facer o PP. Anxo Louzao considera inadmisible a extorsión e a chantaxe dos alcaldes do PP e entende que Vicepresidencia non debe ceder a esa presión pois entrementres non se constitúa o novo goberno, é a eles quen compete xestionar os procesos que están en marcha.
Acordouse presentar un manifesto para recoller sinaturas na defensa dos traballadores e traballadoras do Consorcio e do seu carácter público. Texto do manifesto que se achega con esta nota e sinatura que se pode levar a cabo no seguinte enderezo web: http://www.cig-ensino.com/sinaturas.php

Volver