CIG-Ensino, STEG e CSIF-Ensino suman forzas de cara a convocatoria da folga de profesorado do 24 de outubro

As tres organizacións, que suman o 59% da representación do profesorado, rexeitan o acordo polo que se renuncia á recuperación de dereitos e chaman o profesorado a secundar a folga e a manifestación nacional en Compostela

Na mañá de hoxe comparecemos en rolda de prensa as tres organizacións sindicais que non renunciamos ao compromiso de defender a recuperación dos dereitos do profesorado que durante todos estes anos guiaron as nosas reivindicacións e que nos levaron a convocar mobilizacións e folga no ano 2019, daquela aínda coa apoio dos tres sindicatos (CCOO, ANPE e UGT) que claudicaron diante da Consellaría co pésimo acordo asinado o pasado 11 de outubro. Lamentamos non só a división que provoca o acordo entre o profesorado, tanto no tema de horarios como nas ratios ou nas retribucións, senón tamén entre as propias organizacións sindicais, até hai menos de 15 días firmes na convicción de que no se podía ceder en cuestións tan fundamentais como os horarios lectivos ou as ratios. Como xa definimos desde a CIG-Ensino, houbo que preferiu borrar as liñas vermellas para poñerlle unha alfombra vermella á Xunta para escenificar un acordo inasumíbel.

O compromiso electoral da CIG-Ensino, así como o de todos os sindicatos con representación, aínda expresado novamente nas eleccións sindicais de decembro de 2022, era claro especialmente no referido á recuperación dos horarios lectivos de 21 horas en infantil e primaria e de 18 no resto das ensinanzas. Renunciar a ese mandato que nos deron as urnas a todos os sindicatos só se pode interpretar como unha renuncia que implica vender o profesorado. 

Desde a CIG-Ensino alegrámonos de que sexamos hoxe tres forzas sindicais con representación as que, sumando o 60% dos votos e o 59% das delegadas e delegados, digamos que non tragamos cun acordo que renuncia a defender o compromiso de recuperar os nosos dereitos e a asumir unha melloras reais froito dunha negociación real, non condicionada por intereses electorais do señor Rueda e que dea cumprida resposta a estes catro puntos que os tres sindicatos, CIG-Ensino, STEG e CSIF-Ensino, asumimos como compromisos irrenunciábeis.

  • Recuperación dos horarios de 18 e 21 horas nun máximo de 2 cursos.
  • Redución das ratios en todas as ensinanzas, comezando no 2024/25 e con aplicación como máximo no remate de cada etapa.
  • Aplicación de medidas inmediatas (curso 2024/25) para a redución da burocracia: aumento das horas de liberación para cargos directivos, de coordinación e titoría e aumento de persoal administrativo.
  • Reparto lineal da masa salarial comprometida pola Consellaría entre todo o profesorado.

Lembra que a CIG-Ensino pon a disposición de todo o profesorado un servizo de buses nos que te podes anotar neste formulario.

POR DIGNIDADE
POR COHERENCIA
POR COMPROMISO
POLA DEFENSA DOS NOSOS DEREITOS
POLA RECUPERACIÓN DOS HORARIOS LECTIVOS DE 21 E 18 HORAS
POR UNHA REDUCIÓN XERAL E DE RÁPIDA APLICACIÓN DAS RATIOS EN TODAS AS ENSINANZAS
POLA APLICACIÓN INMEDIATA DE MEDIDAS PARA REDUCIR A BUROCRACIA
POLO REPARTO LINEAL DA SUBA RETRIBUTIVA
CONTRA O ACORDO DA VERGOÑA
POLO PROFESORADO E O ENSINO PÚBLICO
APOIA A FOLGA XERAL DO PROFESORADO DO ENSINO PÚBLICO DO 24 DE OUTUBRO
ACODE Á MANIFESTACIÓN NACIONAL ÁS 12 HORAS NA PRAZA DE CERVANTES (COMPOSTELA) 

 

Volver