CIG-Ensino e unha representación das asociacións e da patronal de atención a menores acordan facer fronte común para que a Xunta priorice este servizo e acadar un convenio galego de negociación

Esta semana celebrouse unha reunión entre o sindicato mariotario e 8 asociacións/federacións e a patronal AGACEME na que coincidiron en que é preciso máis investimento público nestes centros e melloras nas condicións laborais do seu persoal.

No encontro tamén se acordou solicitar unha entrevista coa conselleira de Política Social e Xuventude, para que os centros poidan contar con mellores recursos materiais e humanos, servizos básicos de calidade e axustar rateos ás necesidades do servizo; así como a implicación e colaboración, a través do CGRLs, na negociación dun Convenio Galego Digno para o sector.

A CIG-Ensino avalía como positiva a reunión celebrada esta semana coas Asociacións e Federacións galegas: Aclad-Alborada, Aldaba, Arela, Camiña Social, Dignidade, Faiben, Igaxes, Meniños (outras escusaron ausencia coma Agamme e Anxiños) e coa patronal galega Agaceme.

Nesta xuntanza, entre organizacións da Galiza no sector de atención a menores en risco ou exclusión social, en toda a súa diversidade de tipos de centros, atopáronse puntos de confluencia para unha fronte común de cara á administración galega para que poña os coidados de menores na prioridade das súas políticas públicas, comezando urxentemente con máis investimento nestes centros sen ánimo de lucro e co rumbo fixo cara a negociación dun Convenio Galego Digno, como garante dunhas mellores condicións laborais, salariais e sociais, así como dun mellor servizo de calidade aos usuarios e usuarias. 

A CIG animou as distintas asociacións, federacións e patronal a camiñar nesta dirección reivindicativa coa campaña comezada pola CIG-Ensino e a súa RLT maioritaria, “ Melloras salariais, laborais e sociais nos centos de menores: convenio galego xa!”, para dignificar, recoñecer e valorar os coidados a menores e as condicións de traballo, así como ofrecer un servizo de calidade, como sempre vimos defendendo desde a CIG neste sector, tanto en Madrid, na negociación do convenio estatal cando corresponde, como agora na Galiza, unha vez acadada a maioría sindical. Unha maioría que é preciso reforzar e incrementar como garante das negociacións, polo que anima a todos aqueles centros de traballo, que non están organizados sindicalmente (que son a gran maioría), a que o fagan coa CIG e garantan así a súa presenza nas mesas de negociación, trasladando as súas reivindicacións e necesidades, así como a participación nas asembleas de traballadores/as para tomar decisións consensuadas, seguindo un modelo sindical: participativo e asembleario, reivindicativo e combativo.

As conclusións ás que se chegaron na reunión foron as seguintes: 

- Necesidade de crear un marco galego de negociacións do sector na Galiza e acadar o I convenio galego de atención a menores.

- O actual marco de negociacións estatal non dá resposta ás reivindicacións e necesidades laborais e salariais do persoal traballador galego, nin ás características e situacións dos centros galegos. O IV convenio estatal de centros de reforma xuvenil e protección de menores é rexeitado por precario.

- As Asociacións e Federacións comprometéronse a organizarse como patronal galega ou patronais galegas para poderen participar nas negociacións, previa aprobación interna das súas organizacións. Así mesmo, queda pendente contactar con Asociacións que non asistiron á xuntanza, para autoorganizarse mellor.

- A patronal galega, Agaceme, sería partidaria de abrirmos negociacións canto antes, unha vez se implante o concerto social no sector, no que xa se está a proceder segundo se van rematando contratos e convenios de xestión dos servizos. Serían partidarios de negociar táboas salariais autonómicas, propias ou complementarias ás estatais, previas ao convenio galego se este se demorara no tempo, implicando á administración coa súa colaboración.

- Acordar e asinarmos un escrito conxunto, quen se queiran sumar, polas dúas partes, patronal e sindical, solicitando unha xuntanza coa conselleira de Política Social e Xuventude, e reivindicando que se incrementen os orzamentos para o sector, con máis subvencións aos centros e así poder dotalos de máis e mellores recursos materiais e humanos, servizos básicos de calidade e axustar rateos ás necesidades do servizo; así como a implicación e colaboración, a través do CGRLs, na negociación dun Convenio Galego Digno para o sector, que recoñeza a profesionalidade e mellore as condicións do persoal traballador evitando a fuga de talentos, porque tal e como este destacou durante as mobilizacións “só coa vocación non se pagan facturas”.

- A parte social volve facer un novo chamamento ás demais OO.SS con representación no sector e con capacidade de negociación na futura mesa, aínda que dixeran “non, ao convenio galego” antes da presentación da campaña da CIG. A RLT debería posicionarse de cara a esta unidade de acción, máis cando o persoal traballador afectado (arredor de 800 en total) asinou maioritariamente (62%) a campaña promovida polo  sindicato maioritario no sector en Galiza. 

 

Na semana que vén a CIG-Ensino manterá xuntanzas cos Grupos Parlamentares (BNG, PSOE e PP), para trasladarlles estas reivindicacións e para coñecer cales van ser os seus compromisos futuros, ás portas das eleccións autonómicas.

CIG Informa reunión patronal e asociacións sector atención menores

Documento


Volver