CIG-Ensino denuncia que con este borrador de Decreto o proceso normalizador retrocede a hai 30 anos

Rolda de prensa valorando o decretazo contra o galego

A CIG-Ensino presentaba esta mañá, en rolda de prensa, a súa valoración do novo borrador de decreto contra o galego que incumpre non só o mandato estatutario, senón tamén a lexislación vixente na materia. Para a CIG-Ensino, supón un retroceso de 30 anos no proceso normalizador e, alén de manter as eivas do anterior, porque non recolle ningunha das propostas realizadas no período de consultas, proscribe o galego das materias científico-técnicas e introduce, por vez primeira, nun decreto de normalización, a obriga de impartir certas materias en español.
O alumnado de Infantil podería non ter contacto co galego até a Primaria
CIG-Ensino denuncia que con este borrador de Decreto o proceso normalizador retrocede a hai 30 anos

Rolda de prensa de valoración do Decretazo contra o galego from cig-ensino on Vimeo.


A CIG-Ensino presentaba esta mañá, en rolda de prensa, a súa valoración do novo borrador de decreto contra o galego que incumpre non só o mandato estatutario, senón tamén a lexislación vixente na materia. Para a CIG-Ensino, supón un retroceso de 30 anos no proceso normalizador e, alén de manter as eivas do anterior, porque non recolle ningunha das propostas realizadas no período de consultas, proscribe o galego das materias científico-técnicas e introduce, por vez primeira, nun decreto de normalización, a obriga de impartir certas materias en español.

O novo borrador de decreto contra o galego constata, segundo explicaba o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, a “obsesión enfermiza do PP contra o noso idioma”, porque retrotrae a lingua galega a tempos anteriores á aprobación da Lei Xeral de Normalización Lingüística e supón un retroceso respecto de todos os decretos aprobados até o de agora, co obxectivo de “botar abaixo todo o conseguido até o de agora co proceso normalizador”.

A fraude do período de consultas
Os contidos deste novo borrador tamén permiten constatar a “auténtica fraude”, dixo Louzao, de todas as consultas realizadas, porque non se recolle ningunha das recomendacións feitas polos sindicatos, o profesorado, os traballadores/as de normalización e mesmo institucións como a Real Academia Galega ou o Consello da Cultura Galega, explicou. Recomendacións que afondaban no desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización da lingua galega.

Do mesmo xeito, o secretario xeral de CIG-Ensino denunciou que o goberno do PP desoíu as demandas das miles de persoas que se mobilizaron e participaron nas masivas manifestacións e folgas convocadas, salientando que o único que conseguiu cos seus borradores “foi unificar a todos contra esta agresión e que se visualizara que quedou sen apoios –agás o do seu colectivo afín, Galiza Bilingüe, que xa amosou a súa satisfacción diante deste novo borrador-, nunha soidade absoluta na súa continua batalla contra o idioma”, afirmou.

Os contidos do borrador

No novo borrador presentado, prevalece a libre elección do alumnado por riba da recomendación pedagóxica á hora de elixir o idioma de uso nas distintas materias.

Incúmprese o Plano Xeral de Normalización aprobado por unanimidade do Parlamento de Galiza, que recolle que en primaria unha das materias a impartir en galego ten que ser matemáticas; en Secundaria as de Matemáticas, Tecnoloxía e Ciencias Naturais e en canto ao resto, cando menos un mínimo do 50%.

Para Louzao é obvio que con estas modificación preténdese “expulsar o galego, non só do ámbito científico e técnico, senón mesmo do ensino, porque nin sequera se garante que o alumnado reciba o 50% da súa docencia en galego”

Para a CIG-Ensino tamén é gravísimo que a decisión das familias siga sendo vinculante e que determine a lingua vehicular da Educación Infantil, porque deste xeito o galego desaparecerá da maioría das aulas. “Non pode ser unha potestade das familias”, explicou Louzao, quen engadiu que “a ordenación do sistema educativo, tanto respecto das materias, como do contido, dos horarios ou da lingua en que se vehiculiza correspóndelle á administración”. Por iso, advertiu que “será unha fonte de conflitos, alén de ser disparatada pedagóxica e cientificamente”.

Apoio ao profesorado que continúe a impartir as aulas en galego

Este borrador supón ademais unha desconsideración co profesorado, que procurou a súa formación e elaborou materiais para poder impartir as materias en galego. Pero sobre todo, é demencial que logo de 30 anos impartindo aulas de matemáticas en galego agora se abra a porta a posíbeis expedientes, ao obrigaren a impartir esta materia en castelán.

E é que este borrador introduce unha novidade respecto todos os decretos e normativas anteriores. “Por vez primeira fíxase, nun decreto de normalización a obriga de impartir certas materias en español”, nomeadamente as Matemáticas e Física e Química.

Por iso, Anxo Louzao reiterou o apoio da CIG-Ensino a todo o profesorado que siga a impartir as súas aulas en galego, demandou a retirada deste borrador e que o goberno volva ao consenso. “O PP persegue retirarlle ao noso idioma os poucos dereitos conquistados, facelo lingua estranxeira no seu propio territorio, impedir que a mocidade a use para gañar novos falantes e se asente como lingua normalizada, dereitos que lle corresponden como,lingua propia de Galiza. En definitiva, persegue eliminala e evitar o seu uso social. Mal que lles pese, nunca o conseguirán”.

Volver