CIG-Ensino critica a absoluta falta de vontade das tres universidades para avanzar na negociación do pagamento dos trienios ao persoal temporal

Malia o recoñecemento expreso do dereito a percibir trienios polo persoal investigador dos programas de RRHH e de abrir este pagamento a outras figuras contractuais temporais, a reunión da Comisión Paritaria pechou sen ningún tipo de avance

A Comisión paritaria do Convenio Colectivo do PDI laboral mantivo na tarde do 7 de abril unha segunda reunión negociadora logo do acordo acadado entre a CIG-Ensino e as demais organizacións sindicais coas tres universidades para estender o pago dos trienios ao persoal investigador dos programas de Recursos Humanos (predoutorais e posdoutorais).

Na reunión a CIG-Ensino puxo enriba da mesa as seguintes cuestións: 

  • Aprobar na propia reunión unha data de efectividade e de aplicación para o pago dos trienios a todo o persoal investigador dos programas de RR.HH. (pre e posdou).
  • Acordar a extensión deste dereito a todas as figuras temporais que a día de hoxe non perciben trienios, con independencia de que sexa do capítulo I (profesorado asociado) ou do Capítulo VI (vinculado a proxectos de investigación).
  • Pactar no marco temporal de 3 meses acordado na reunión do mes de marzo os temas que se deben incluír na negociación, entre os que deben estar a extensión do pago dos sexenios, quinquenios e outros complementos ao maior número posíbel de modalidades de contratación. 

A CIG-Ensino lamenta profundamente o cambio que se produciu por parte da representación das tres universidades entre a reunión no Consello Galego de Relacións Laborais (forzada polo escrito presentado pola CIG e outros dous sindicatos) e esta xuntanza. Así, malia que non negaron en ningún momento que todas as figuras de contratación pre e posdoutorais en cuestión teñen dereito ao cobro de trienios (algo que figura expresamente na acta da primeira reunión1) non se moveron da posición de non formular ningunha proposta de datas efectivas para recoñecer o dereito nin de cando se faría efectivo, poñendo como escusa que non fixeran os cálculos económicos do que esta medida implicaría.

Diante do peche en banda das tres universidades e logo de máis de tres horas de reunión, as catro organizacións sindicais presentamos unha proposta para poder avanzar con paso firme na negociación:

Os representantes das Universidades de Santiago, A Coruña e Vigo, unha vez recoñecido o dereito ao pagamento da antigüidade ao persoal investigador dos programas de RRHH (pre e pos), acadan coas organizacións sindicais o compromiso de presentar unha memoria económica dos efectos deste recoñecemento e unha proposta das datas de efectividade e aplicación deste dereito. Esta proposta presentarase na vindeira reunión da Comisión Paritaria. 

Os representantes das Universidades de Santiago, A Coruña e Vigo recoñecen o dereito de todo o persoal vinculado ao Convenio Colectivo a percibir a antigüidade, comprometéndose a presentar unha proposta sobre o persoal afectado, así como unha memoria económica dos efectos do recoñecemento deste dereito.

A representación dos equipos de goberno rexeitou acadar o compromiso de presentar xa unha proposta con datas e limitouse a confirmar que remitirán á representación sindical un informe económico para unha futura reunión. Para a CIG-Ensino a postura dos equipos de goberno das Universidades, así como algunha táctica sindical difícil de entender, deixan moi tocada a negociación e demostran unha mala praxe negociadora e unha nula intención de chegar a acordos que melloren as condicións retributivas do PDI. 

Con todo, a CIG-Ensino non dá por rotas as negociacións e fica á espera dunha rectificación dos e das responsábeis das tres universidades, deixando claro que nunca aceptaremos que o recoñecemento efectivo dun dereito (neste caso o pago de trienios) poida verse bloqueado polas tácticas dilatorias evidenciadas na reunión ou pola escusa do importante gasto económico que implica. Son dereitos e non imos renunciar a eles. 


1TEXTO INCLUÍDO NA ACTA DA COMISIÓN PARITARIA DO 17 DE MARZO DE 2021: Tras o oportuno debate e intercambio de pareceres, as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo recoñecen o dereito deste persoal a percibir o complemento de antigüidade e propoñen normalizar o funcionamento da Comisión Paritaria, dotándoa dunha sede e nomeando unha presidencia e unha secretaría, en orde a resolver o exercicio efectivo deste dereito, tal e como se regula no artigo 15.6 do Estatuto dos Traballadores, así como para negociar unha serie de temas relacionados coas condicións laborais e retributivas do persoal temporal ao que lle é de aplicación o II Convenio Colectivo do PDI Laboral das tres universidades galegas. 

Volver