Cero incremento de profesorado: os Orzamentos da Xunta condenan o ensino público á parálise

As contas de Educación seguen na deriva de anos anteriores, por debaixo da media do medre das contas da Xunta e perdendo relevancia

30.424. Esta é a cifra que figura nos orzamentos xerais da Xunta de Galiza como tope de persoal docente para o ano 2024. Nin un só posto de traballo máis dos que xa figuraban nas contas do ano 2022, así como nas do presente exercicio 2023. As cifras de profesorado para o ano próximo implican que nin sequera se superen as que existían cando Feijóo chegou á Xunta no ano 2009. A cifra é mesmo menor á do ano 2012 (xa con Feijóo no poder), con 509 docentes menos que naquelas contas. 

Polo tanto, nin o acordo vendido como de “melloras” e que, especialmente no apartado da redución de horario, é unha vergoña de pacto polo que implica “de renuncias”, nin a oferta pública de emprego anunciada no último Consello de goberno da Xunta, van ter ningún efecto nos fondos destinados á contratación de persoal docente. Os únicos cambios en materia de persoal están relacionados coas recentes modificacións no profesorado de Formación Profesional, ao se incrementar o número de docentes do corpo de PES (pola integración de quen procede do corpo de PTFP). 

Neste sentido as contas da Consellaría en materia de persoal confirman o nulo efecto da redución de 25 a 23 horas lectivas ao profesorado de infantil e primaria, xa que no caso do corpo de mestras hai unha conxelación de efectivos, o que evidencia o que vimos denunciando desde a CIG-Ensino: cuns cadros de persoal deseñados para impartir 21 horas lectivas (tras o acordo asinado pola CIG-Ensino e outros sindicatos no ano 2007) non se van ver afectados polo cambio de horas lectivas pactado, xa que aínda que puntualmente poida haber algún incremento, este dáse por descontado nas contas aprobadas polo PP. 

Menos diñeiro real para educación que en 2022 

A suba do 2,8% que experimentan as contas da Consellaría de Educación está por debaixo da suba do IPC (3,2% neste momento), polo que se pode afirmar que Educación terá menos fondos para afrontar as necesidades do sistema educativo, sendo un 0,5% a redución real de recursos.  

Esta suba por debaixo do incremento do IPC contrasta coa suba media das contas da Xunta que chegan ao 5%, o que implica un ano máis unha evolución negativa dos investimentos en educación en contraste coas contas xerais do goberno galego. 

A suba dos prezos de todo tipo de materiais para a reforma de centros educativos, dos alimentos, dos combustíbeis ou do material funxíbel e non funxíbel vai implicar, por tanto, que se dispoñan de menos fondos reais para afrontar o día a día dos centros. Esta e non outra é a realidade das contas da Consellaría de Educación. 

Educación perde (aínda máis) relevancia nas contas da Xunta 

Os fondos destinados a Educación mantéñense para o ano 2024 moi por debaixo das porcentaxes previas á chegada do PP á Xunta: serán o 22% do total das contas autonómicas cando os máximos (durante o goberno bipartito) chegaron a ser do 26%. Esta perda de relevancia dos fondos destinados a Educación sobre o conxunto das contas da Xunta vén, por tanto, sendo unha constante nos anos de goberno de Feijóo e Rueda.

Volver