Centos de galegos e galegas súmanse á convocatoria da Alianza Social Galega contra as últimas medidas do Goberno

Baixo o lema “Por outra saída da crise” celebráronse concentracións en 11 cidades e vilas en rexeitamento ás políticas de recortes do PP

Centos de galegos e galegas mobilizáronse este xoves en distintas localidades do país atendendo á convocatoria da Alianza Social Galega, da que UGT, CCOO e CIG, xunto con máis de 60 organizacións galegas, forman parte. Nas distintas concentracións expresouse, de forma unánime, a oposición ás políticas do goberno do PP, nomeadamente á decisión do Executivo de non revalorizar as pensións; aos recortes na sanidade e no ensino públicos; á contrarreforma ideolóxica que representa a LOMCE e á Lei de taxas xudiciais, entre outras. Alén diso, esixiron reformar a normativa hipotecaria para pór fin ao drama dos desafiuzamentos e lograr a dación en pagamento.

Ao remate dos actos deuse lectura a un manifesto conxunto no que se denuncian as últimas medidas que vén de adoptar o Goberno de Mariano Rajoy. Respecto da decisión de non revalorizar as pensións, A Alianza Social Galega asegura que alén de incumprir a Lei Xeral da Seguridade Social, é unha medida “inxusta” cun dos colectivos máis vulnerables, o dos pensionistas, que se enmarca “na continuada política de axustes que está a intensificar os negativos efectos da crise, deprimindo a demanda interna e repercutindo intensamente na actividade económica e o emprego”. Segundo os cálculos da Alianza, esta decisión implica que unha pensión media en Galicia, de 700 euros, se reduciu en 260 euros o ano pasado, aos que hai que sumar os 260 que perderá este ano.

Xunto a isto, denunciáronse os retrocesos nos servizos públicos de ensino e sanidade, que se materializan nunha política de destrución do sistema educativo público, na que se avanza aínda máis coa nova reforma educativa (LOMCE). Reforma que a Alianza cualifica de “ideolóxica” porque supón “un retroceso na xestión democrática dos centros, impón reválidas para conseguir o título de ESO e Bacharelato, desbota a educación en valores e amosa un desprezo total polo galego e pola conformación plurinacional, plurilingüística e pluricultural do Estado”, alén de considerar que “combate os principios de comprensión, equidade e calidade, mentres potencia á privada concertada”.

Respecto á sanidade pública, o manifesto recolle a oposición das organizacións e colectivos integrados na Alianza á política de privatización de hospitais, o abandono dos novos centros de saúde e o desmantelamento das áreas sanitarias, en función dun modelo “privatizador enfocado ao beneficio económico empresarial, que deteriora a calidade da atención, dá cabo do dereito á asistencia universal e equitativa e conduce a unha sanidade de ricos e pobres”.

Canto ás reformas no sistema xudicial, saliéntase o recorte do acceso ao servizo público da xustiza que supón a Lei de Taxas Xudiciais. “Un claro retroceso do Estado de dereito ao limitar gravemente para amplos colectivos sociais, e en moitos casos deixalos fóra, as posibilidades reais de accederen á xustiza”.

Do mesmo xeito, denunciouse que son máis de nove mil as familias desafiuzadas en Galicia desde que comezou a crise. “Familias e persoas condenadas á exclusión social polos abusos das entidades financeiras e por un Goberno cómplice”. Unha situación que a Alianza Social Galega considera que só pode mudar cunha modificación da Lei hipotecaria e da Lei de axuizamento civil para “regular a dación en pagamento retroactiva, paralizar os desafiuzamentos e promover o alugamento social”.

Reclamáronse ademais solucións para as arredor de setenta mil persoas afectadas en Galiza pola estafa das preferentes e subordinadas. A este respecto recóllese no manifesto que resulta “inadmisible que nun Estado que se declara social de dereito rescaten á banca e deixen ao pairo as persoas, os mesmos que urdiron a trama e perpetraron o maior desfalco da historia do noso país en beneficio dos especuladores e incompetentes”. Por iso, a Alianza Social Galega demanda protección do aforro popular a través da creación dunha banca pública galega orientada ao desenvolvemento do tecido económico de maneira racional e sostible, que cumpra cos obxectivos sociais que nunca deberon abandonar as caixas de aforro de Galicia.

GALERÍA DE IMAXES

Volver