Cen persoas participan no peche no IES Ánxel Fole en Lugo

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público chama a sumarse a estas accións e á manifestación en Santiago o 3 de xuño

Cen persoas –pais e nais, estudantes e docentes- quixeron sumarse ao peche no IES Ánxel Fole de Lugo para esixir que a Xunta non aplique máis recortes no ensino público. Como aconteceu nos outros encerros, convocados pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público e realizados, nas dúas últimas semanas, en diferentes vilas e cidades do país, os participantes amosaron o seu rexeitamento a aplicación do RD Lei 14/2012. Os peches rotativos trasládanse o venres ao IES Monte Castelo de Burela e o martes continuarán no IES Johan Carballeira de Bueu. A Plataforma esixe da Consellaría de Educación que non aplique en Galiza ningún dos recortes que recolle o RD Lei 14/2012 e que o recorra por invadir as competencias que en materia educativa ten a Xunta de Galiza. GALERÍA DE FOTOS DOS PECHES NO INTERIOR.

O calendario de peches da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público ata o 3 de Xuño, data na que está convocada unha manifestación que confluirá coa convocada en defensa da sanidade pública, é o que segue: Lugo (24 de Maio), Burela (25 de Maio), O Morrazo (29 de Maio), A Guarda (30 de Maio), Carballo (31 de Maio), Ourense (1 de Xuño).

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público rexeita os recortes propostos, denuncia que con eles se ataca gravemente o ensino público, a súa calidade e o dereito de igualdade de oportunidades do alumnado, que aumentará o fracaso escolar e despedirá máis de 2000 profesores/as. Por todo isto, esixe que o Goberno galego actúe como tal e non se someta a decisións que van en contra do ensino galego, que se negue, rotunda e publicamente, a aplicar calquera das medidas contidas no RD Lei 14/2012 e que presente recurso por invasión de competencias. A Plataforma esta integrada por diferentes entidades (organizacións sindicais, ANPAS, movementos de renovación pedagóxica , organzacións estudiantis, partidos políticos...) e permanece aberta e a novas adhesións individuais e colectivas. 

Volver