Campaña de recollida de sinaturas polas melloras salariais, laborais e sociais nos centros de reforma xuvenil e protección de menores: Por un Convenio Galego

O sindicato, maioritario nun sector que aglutina a arredor dun milleiro de traballadores e traballadoras que traballan en máis de medio cento de centros deste tipo, toma esta iniciativa ante a deixadez da administración e das entidades que os xestionan.

Nos últimos anos, o persoal dos centros de traballo, privados e de xestión indirecta, que atenden a menores en risco e/ou en conflito social, está a sufrir unha involución drástica das súas condicións salariais, laborais e sociais. A situación vén derivada do precario dos contratos-convenios coa Consellería de Política Social, da falta de recursos nas Leis de Orzamentos da Xunta de Galiza e do Estado español, dos recortes nas reformas laborais, dos acordos regresivos e de contención salarial do “ Pacto Social” e da perda de dereitos continuada en salarios, asi como da falta de avances laborais e sociais nos últimos convenios de Ámbito Estatal de Centros de Reforma Xuvenil e Protección de Menores. 

Estes recortes e involucións afectan negativamente ás condicións salariais e laborais do seu persoal, algúns deles con conxelacións salariais de case 10 anos; á prestación dun servizo de calidade aos seus usuarios e usuarias, con rateos abusivas doutras épocas e con plantillas moi xustas nas que non se cobren moitas das veces baixas laborais, por vacacións,...; e á supervivencia ou continuidade das entidades que os xestionan, que na súa case totalidade, son entidades sen ánimo de lucro (Federacións, Asociacións…) e que non poden facer fronte a estas necesidades do sector.

Algunhas consecuencias de todo isto son:

- Conxelacións das nóminas do persoal e acumulación de perdas de poder adquisitivo de dous díxitos. Hai situacións de traballadores/as con case unha década co salario conxelado e a gran maioría con incrementos salariais anuais por debaixo do IPC, empobrecéndose, máis cando se padecen inflacións disparadas.
- Modificacións substanciais nas condicións de traballo, cada vez con máis carga laboral e
responsabilidades, dificultando as conciliacións laborais e familiares do persoal traballador.
- Endebedamento ou busca doutros recursos dalgunhas Asociacións que xestionan este servizo.
- Incumprimento de rateos para prestar o servizo con garantías de calidade. Débese modificar o Real Decreto 329/2005 porque non se axusta ás necesidades dos servizos. Na práctica o números de usuarios/as menores por traballador/a supera a rateo estabelecida ao non computala polas actividades feitas para unha inserción laboral e social adecuada (formación, talleres pre-laborais, asistencia sanitaria..) e unha intervención individualizada atendendo aos perfiles dos e das menores (P.P.S., situacións de inestabilidade,….).
- Instalacións en mal estado por falta de mantemento, así como falta de medios de transporte axeitados.
- Escasos recursos materiais e humanos, que limitan as actividades do día a día e complementarias.
- Carencia de servizos complementarios, algúns tan básicos como a alimentación.

Desde a CIG-Ensino, como sindicato maioritario na Galiza neste sector de atención a menores, en asemblea de delegados/as, decidiuse levar a cabo esta campaña reivindicativa de sinaturas coa finalidade de avanzar cara uns servizos públicos galegos de calidade na atención aos menores, cunhas condicións salariais e laborais dignas para todo o persoal traballador, recollidas nun I Convenio Galego de Menores. Podes descargar o cartaz desta campaña na imaxe anexa.

Estas son as demandas recollidas na táboa reivindicativa:

• Exiximos que a Xunta de Galiza asuma na súa totalidade a xestión dos servizos destes centros como centros públicos para todos os efectos así como o mantemento dos postos de traballo do persoal actual.

• Mentres isto non se leve a cabo, demandamos o incremento das partidas orzamentarias para o sector e que os centros reciban as subvencións necesarias para prestar o servizo cun mínimo de calidade, mellorar a situación dos usuarios e usuarias e as condicións de traballo do persoal: dereitos salariais, laborais e sociais. Así mesmo, que a Administración galega poña en marcha os mecanismos necesarios para facer seguimento das subvencións recibidas por este tipo de centros.

• Denunciamos as condicións precarias que sofren os traballadores e traballadoras dos centros galegos afectados polo IV Convenio colectivo estatal de reforma xuvenil e protección de menores, e que a nosa administración toma como referencia de cara aos pregos de licitación destes servizos (dándose situacións de perdas de poder adquisitivo de dous díxitos e incluso de conxelacións salariais e de dereitos de até case 10 anos). Esta precariedade laboral conduce a un deterioro da calidade dun servizo que debería procurar a mellora dos seus recursos materiais e humanos, en vez de centrarse en criterios economicistas e mercantilistas. Exiximos modificar e actualizar por
obsoleto o decreto 329/2005, para axustar as rateos ás necesidades reais dos servizos.

• Rexeitamos o actual convenio estatal, xa que as súas condicións impiden que os traballadores e traballadoras poidan realizar o seu labor dun xeito digno. Consideramos que non se están a ter en conta as características específicas destes centros na Galiza nin, consecuentemente, as condicións laborais propias dos traballadores e traballadoras galegas que ven así limitada a súa capacidade de influír no proceso negociador.

• Dado que as competencias sobre as subvencións coas que se financian estes centros están transferidas á Xunta de Galiza, demandamos da Consellería de Política Social a súa implicación e colaboración para o inicio dunhas negociacións nas que participen as patronais do sector (maioritariamente asociacións e fundacións sen ánimo de lucro) e as organizacións sindicais, en función da súa representatividade, que nos permitan acadar un convenio galego digno para o sector ( como xa teñen noutras CCAA como Valencia, Navarra,...), que mellore substancialmente as condicións laborais, sociais e salariais recollidas no convenio estatal e por conseguinte o financiamento destes centros.

• Estamos dispostos e dispostas a iniciar un proceso de mobilizacións para exixirmos o
cumprimento destas demandas.

CIG

Participa coa CIG-Ensino na defensa dos teus dereitos salariais, laborais e sociais, para forzar a negociación dun convenio galego digno no camiño dun servizo público galego de calidade na atención e protección aos menores na Galiza.

Descarga aquí o documento de recollida de sinaturas. Ligazón.

 

CIG-Informa sobre a campaña de recollida de sinaturas pola melloras laborais nos Centros de Menores

Documento


Volver