Berro unánime contra o “reaccionario, privatizador, recentralizador e antidemocrático” proxecto de reforma educativa do PP

Máis de 2.000 persoas participan nas mobilizacións contra a LOMCE convocadas pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino

“Elitista, españolizadora, privatizadora e antidemocrática” foron os adxectivos cos que a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público cualificou o anteproxecto de reforma da lei de educación que prepara o Goberno español, durante as multitudinarias mobilizacións celebradas na tarde deste xoves nas sete cidades galegas, O Barco, Lalín e Carballo. Dende a Plataforma, impulsada pola CIG-Ensino, esixiuse a retirada proxecto e a apertura dunha negociación na que se atendan as demandas de todos os sectores implicados e respecto ao carácter público, galego e laico do sistema educativo na Galiza.

Galería de imaxes das Concentracións

Para Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino, a LOMCE caracterízase polo seu “centralismo e españolismo máis atroz e por ser totalmente antigalega”. Por iso, xa se levaron a cabo numerosas mobilizacións e a CIG-Ensino anuncia que as celebradas esta tarde-noite tampouco serán as últimas. “Estamos dispostos a recorrer a todos os mecanismos ao noso alcance para paralizala, porque non é posíbel sequera ningún tipo de negociación, consenso ou debate. O Ministerio está instalado no autoritarismo e así o demostrou no Consello Escolar do Estado”.

A CIG-Ensino leva máis de un trimestre convocando asembleas –van xa máis de 1.000- para explicar o alcance e as consecuencias que terá a LOMCE se chega a aplicarse e xa adiantou que apoiará as mobilizacións estudantís galegas, convocadas para o día 6 de febreiro, cunha folga en todos os centros de ensino público. Louzao advirte que estamos ante a reforma educativa máis nociva e involucionista que se pretende levar a cabo desde a transición política. “Sitúanos mesmo antes de 1970 en aspectos como a introdución das reválidas”. A isto engade que no seu articulado concentra toda unha serie de medidas que son “clasistas, selectivas e que apostan polo ensino confesional, reforzando aínda máis a presenza da relixión nos centros”.

Retroceso para a lingua

Na súa pretensión recentralizadora, introduce un modelo lingüístico que “leva ao exterminio da nosa lingua como lingua vehicular do ámbito no ensino”, explica o secretario nacional da CIG-Ensino, quen denuncia que  mesmo “chega a garantir que aquel alumnado que queira ser obxector a coñecer a nosa lingua teremos que sufragalo todos/as nós para que vaia a un centro privado”. Do mesmo xeito, subliña que alén de negarnos como galegos/as, afástanos da nosa realidade cultural, histórica, económica ou xeográfica e para iso invade as poucas competencias  que temos.

Louzao non salva ningún aspecto e asegura que a LOMCE impregna o sistema educativo dunha ideoloxía neoliberal, mercantilista e privatizadora. “Semella que foi planificada e elaborada polo ensino privado-concertado e pola igrexa católica”, afirma. Nese sentido asegura que quen sae gañando é o ensino privado concertado. “Responde á ideoloxía máis extrema do PP, que pretende crear persoas non formadas de maneira integral, senón atendendo a criterios como empregabilidade ou competitividade en función unicamente dos resultados académicos e sen ter en conta nin os antecedentes, nin a procedencia socioeconomia”. Unha lei que, en síntese, imposibilita un ensino “laico, crítico, galego, público e democrático”.

Manifesto

Ao remate das mobilizacións leuse o manifesto que polo seu interese pasamos a reproducir á integra:

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público estase a mobilizar contra o anteproxecto  de Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa, para amosar o seu total rexeitamento a unha lei reaccionaria, españolizadora, privatizadora, clasista, antipedagóxica, antidemocrática,  e confesional, que liquida a igualdade de oportunidades e expulsa do ensino os sectores  sociais máis desfavorecidos  da sociedade.

Trátase dunha lei que pretende trasladar ao ensino público un modelo neoliberal, que afonda nas diferenzas sociais, no canto de contribuír a que todas e todos teñamos acceso en igualdade de condicións a unha educación pública de calidade.

É un anteproxecto recentralizador e españolizador, que lle facilita ao alumnado, se é necesario, a matriculación nun centro privado, pagado por todos e todas nós, para evitar a súa escolarización no noso idioma. Procura o máximo control dos contidos a través do Goberno central, uniformiza mediante as reválidas, desterra a nosa lingua ao rango inferior na clasificación que prevé para as materias, situándoa por detrás da Relixión ou dunha segunda Lingua estranxeira, negándolle así o lugar que lle corresponde nas materias troncais, entre as que están a Lingua española ou Inglés. Impón  un modelo lingüístico que elimina o ensino en galego e invade as cativas competencias que temos coa intención de afastar totalmente o ensino da nosa realidade social, histórica, cultural e lingüística.

Medidas como estas non só van repercutir negativamente no ensino público, senón que van fortalecer o ensino privado concertado que se verá favorecido coa creación de centros de excelencia, mediante a  selección do alumnado. Blíndanse os concertos económicos cos centros privados, mesmo con aqueles que segregan o alumnado por razón de xénero, malia existir sentenzas que ditaminan a súa ilegalidade.

Unha vez máis, estamos ante unha lexislación que reforza a confesionalidade e impide o ensino laico. O anteproxecto mantén o ensino da relixión no currículo escolar, contemplando unha materia alternativa en Primaria e na ESO, que computarán no expediente académico, converténdose así nun efecto chamada para que o alumnado se matricule en Relixión.  No Bacharelato, a materia de Relixión ten a consideración de materia específica, isto é, está situada entre as que o alumnado cursará un máximo de 3 e un mínimo de 2. A Relixión ten neste proxecto un rango superior á nosa propia lingua, o galego.

É un anteproxecto profundamente antidemocrático, que traslada o sistema de xestión empresarial ao ensino. Elimina o Consello Escolar como órgano de goberno. A dirección será elixida pola administración e terá plenos poderes para tomar unilateralmente decisións de transcendental importancia para os centros e para propor ou rexeitar o profesorado  que sexa proposto pola administración. 

Liquida a igualdade de oportunidades ao impor un sistema de continuas barreiras selectivas para que só unha minoría acceda aos estudos postobrigatorios e universitarios. É unha lei elitista, clasista e segregadora, xa que estabelece reválidas para poder acceder á titulación correspondente en 4 de ESO e en Bacharelato. Impón un sistema máis selectivo  mediante itinerarios que  condena, prematuramente, o alumnado a optar a titulacións diferentes no ensino obrigatorio, condicionando  de maneira temperá  o seu futuro académico e laboral.  

Pretende crear, mediante os programas de calidade e especialización curricular, diferentes categorías de centros e atender, con máis recursos e medios, aqueles que mellor resultados acaden, previa selección do alumnado, no lugar de procurar que todos os centros conten cos recursos necesarios para que todos e todas, con independencia da súa procedencia social ou xeográfica, reciban unha  formación de calidade.

Este anteproxecto de lei desautoriza, desconfía e xerarquiza o profesorado. É profundamente antipedagóxico, xa que a consecución da titulación do alumnado vai depender do resultado azaroso dunha única proba ao rematar o ensino obrigatorio e postobrigatorio. A isto hai que lle engadir a desvalorización da Formación Profesional e o desvío do alumnado cara a unha FP Básica, que nin sequera conduce á mínima titulación, baixo a escusa de favorecer a empregabilidade.

É unha anteproxecto que reflicte as posicións ideolóxicas máis extremas e reaccionarias do PP. Un anteproxecto de lei ao servizo da patronal do ensino privado concertado e da mercantilización da educación que confirma os actuais concertos educativos, legaliza os centros que segregan alumnado por razón de sexo, facilita a planificación escolar en función do ensino concertado, reproduce un sistema xerárquico e empresarial  para o funcionamento dos centros, impide o acceso das clases populares á educación e impón unha educación baseada na competitividade, na exclusión social e na desigualdade, e non nun ensino equitativo, inclusivo e integral, cuxo obxectivo principal debe ser a formación de persoas críticas e responsábeis.

Por todos estes motivos, porque significa un retroceso de décadas e porque elimina a igualdade de oportunidades, volvendo a unha sociedade na que o valor das persoas está en función do que posúen e na que o futuro depende de onde e en que familia se nace, a Plataforma Galega para a Defensa do Ensino Público esixe a retirada deste anteproxecto, unha verdadeira negociación na que o goberno atenda as demandas de todos os sectores implicados e, ante todo, un ensino público galego, laico e democrático.

Galería de imaxes das Concentracións

Volver