Alzar a voz, tomar a palabra

O profesorado, protagonista de novo na defensa dos seus dereitos

Bota a andar unha campaña de sinaturas para a recuperación do horario lectivo e a mellora efectiva das condicións de traballo docente.

Para o sindicato maioritario no ensino público galego “é moi sintomático que non se publicara no DOG aínda o texto do acordo entre Educación e unha minoría sindical, ao contrario do que aconteceu co asinado por unanimidade no SERGAS o 20 de abril e publicado o 30 de xuño e en Política Social, neste último caso nun breve lapso de tempo, dado que foi asinado por todos os sindicatos o 5 de decembro e publicado o 29 dese mesmo mes”. A CIG-Ensino considera que isto responde ao desprezo absoluto da Xunta polo departamento de Educación e ao fracaso da estratexia de Rueda e Rodríguez “que quixeron comprar o profesorado cunhas medidas esmola nunha falsa negociación pechada en 5 días e que acabou literalmente estoupándolles na cara co maior conflito laboral do persoal da Xunta dos últimos anos”.

CIG
Ligazón ao prego de sinaturas.
Ligazón ao pdf do cartaz da recollida de sinaturas.
Ligazón ao repositorio das mobilizacións
Tras o intenso calendario de mobilizacións posterior á sinatura do acordo que implicou unha importante renuncia na loita pola mellora das condicións laborais docentes e que levou ás rúas a miles en novembro e decembro, a CIG-Ensino dá un novo paso no seu compromiso de dar todo o protagonismo ao profesorado na loita polos seus dereitos e pola mellora do ensino público galego.

Fronte ao inmobilismo, desprezo e desconsideración tanto do conselleiro de Educación como do presidente Rueda, o sindicato que conta coa maioría na Mesa Sectorial docente, xunto con STEG e CSIF, bota a andar unha intensa campaña en todos os centros educativos cunha recollida de sinaturas ás portas das eleccións autonómicas do día 18 de febreiro.

O obxectivo desta campaña é poñer de novo o foco no profesorado, dándolle a palabra e a oportunidade de alzar a voz fronte á negativa do goberno galego a asumir o rexeitamento maioritario ao acordo que unha minoría sindical (CCOO, ANPE e UGT) subscribiu coa Consellaría de Educación o pasado mes de outubro e que, nun acto insólito nos últimos 20 anos, contou coa rúbrica de Rueda. Porén, e malia que o profesorado galego deu boa mostra da súa dignidade e amosou o seu fondo rexeitamento a este acordo que non responde en absoluto ás súas demandas, o actual presidente da Xunta non se moveu neste tempo da negativa do conselleiro a encetar unha nova negociación que, superando o pactado, mellorase as importantes renuncias e eivas que ten. Con todo, a CIG-Ensino fai unha análise deste inmobilismo e “mesmo da ocultación” do acordo por parte dos responsábeis da Xunta. Segundo reflexiona o seu secretario nacional, Suso Bermello, “é un claro síntoma de que fracasaron no seu intento de comprar o profesorado por unha esmola. Pensaron que tiñan un colectivo dócil e manso diante porque leva aguantado máis de unha década de recortes e mantén a calidade do ensino de forma admirábel, pero desde o mesmo momento en que pecharon a negociación en 5 días, coa presencia insólita do presidente Rueda na súa sinatura o 11 de outubro, e que a aprobación no Consello da Xunta se produciu o 7 de decembro, día non lectivo no medio dunha ponte, sen darlle ningunha publicidade nin por parte da administración nin dos sindicatos cómplices está claro que o colectivo docente gañou fronte ao desprezo da administración polo Departamento de Educación e por toda a comunidade educativa”. “Todo isto, engadido a que aínda non se publicou no DOG, o que contrasta cos dous acordos asinados polas Consellarías de Sanidade e Política Social con todos os sindicatos, demostra que todos os actores implicados nesta farsa son conscientes do fondo malestar do profesorado e que, ao igual que no seu momento quixeron utilizar o acordo electoralmente, despois de enfrontarse ao maior conflito laboral dentro da Xunta nos últimos anos, agora ocúltano intencionadamente”, salientou.

Unha mensaxe clara e contundente ao próximo goberno da Xunta

A convocatoria de eleccións autonómicas poucas xornadas após os peches en San Caetano protagonizados por representantes sindicais da CIG-Ensino, STEG e CSIF, e silenciados tamén por moitos medios de comunicación baixo as ordes da Xunta do PP, marca un novo obxectivo: trasladar unha mensaxe clara e contundente ao goberno que saia das urnas da xornada electoral do 18 de febreiro. Este fin é o que levará á CIG-Ensino a percorrer de novo dun xeito intenso os máis de 1000 centros educativos do país para recabar o apoio do persoal docente.

O lema que acompañou as mobilizacións e folgas dos meses de outubro, novembro e decembro, O PROFESORADO NON SE VENDE, segue a ser e será o mesmo goberne quen goberne a Xunta: o profesorado galego non pode seguir sendo o que peor horario ten no Estado (e no noso caso cun acordo sindical de por medio) nin pode agardar un tempo inasumíbel para reducir as ratios nin pode aceptar que non se tomen medidas reais para eliminar a burocracia innecesaria e reducir aquela que non lle corresponde asumir ao profesorado. O profesorado galego non vai permitir que lle pasen a man polo lombo e lle neguen dereitos e dignificación profesional.

CIG
Ligazón ao prego de sinaturas.
Ligazón ao pdf do cartaz da recollida de sinaturas.
Ligazón ao repositorio das mobilizacións
 

Volver