As XXI Xornadas das Mulleres contarán coa directora do documental “Xeración Porno” e amosarán o traballo pola igualdade realizado nos centros galegos

Como antesala do 8 de marzo, a CIG-Ensino e a AS-PG celebran estas xornadas dirixidas ao persoal docente para reflexionar sobre a necesidade de traballar a coeducación nas aulas a través da opinión de especialistas e de experiencias realizadas nos centros

Un ano máis desde a CIG-Ensino e a AS-PG organízanse as Xornadas das mulleres que chegan xa á súa vixésimo primeira edición co obxectivo de que o ensino contribúa a sensibilizar o alumnado e a toda a comunidade educativa nunha verdadeira transformación social para acadar a igualdade entre homes e mulleres. Dado que a igualdade e a coeducación deben ser traballadas de forma transversal nas aulas e que é imprescindíbel a implicación de todo o profesorado, a súa formación e concienciación, as entidades organizadoras queren facer a súa contribución con esta actividade de formación na que destaca a presenza da directora vasca, OIANE SAGASTI, coñecida polo documental “Xeración Porno” que está tendo moita difusión social e no que se reflexiona sobre o impacto que ten a pornografía online na mocidade e tamén sobre o papel que desempeñan as administracións educativas neste sentido. A matrícula, que é gratuíta, está aínda aberta e as xornadas están homolgadas para oposicións, concursos de traslados, sexenios...

Nestas Xornadas que se levarán a cabo o vindeiro día 2 de marzo no IES As Fontiñas de Santiago, participará tamén a sexóloga e xornalista LAURA VEIGA que ofrecerá unha palestra sobre como falar de sexualidade co alumnado. Á súa vez, a profesora da especialidade de Soldadura EDITA ÁLVAREZ falará sobre as profesións masculinizadas como unha realidade tanxible, nomeadamente nos centros de FP, e como o profesorado pode incidir na reversión dos estereotipos de xénero asociados ás profesións Así mesmo, tamén se abordará a igualdade nunha materia na que moitas veces pode pasar máis desapercibido o traballo neste eido, como a Educación Física, coa presenza da docente especialista na mesma, MARÍA BERINI.  

Malia o pouco apoio da Consellería sobre o traballo da igualdade e a coeducación nos centros, grazas ao empeño de moito profesorado,  á súa implicación e esforzo, contamos como moitos exemplos de boas prácticas do que son mostra as experiencias que tamén se analizarán durante estas xornadas levadas a cabo no IES Castelao de Vigo e no IES Félix Muriel de Rianxo. Presentarán o traballo realizado as docentes  SILVIA IGLESIAS e MARÍA XESÚS FERRÍN, así como as alumnas UXÍA SOBRADELO, NOELIA FERNÁNDEZ, PAULA SOMOZA E ANTÍA GARCÍA.

Como colofón destas XXI Xornadas, ANA MARÍA MONTEAGUDO e OLAIA SENDÓN, ambas profesoras na Escola de Imaxe e Son falarannos da reinvención da historia da fotografía en clave de igualdade a través do proxecto Perpetuando.

 

Volver