As traballadoras das escolas infantís afrontan un día de loita crucial cunha gran manifestación mañá en Compostela xusto antes da reunión coa patronal o próximo luns

Despois de cinco xornadas de folga e múltiples accións reivindicativas, incluso esta mesma semana con manifestacións e concentracións na Coruña, Vigo e Compostela, o colectivo formado en Galiza por 2000 traballadoras volve mañá ás rúas con forza.

Se na negociación do luns 18 non hai avances está convocada outra nova xornada de folga nas arredor de 200 escolas infantís privadas ou de xestión indirecta que hai en Galiza.

Un dos conflitos laborais máis relevantes no sector educativo privado deste ano segue a intensificarse de cara a presionar a patronal española para que acepte as propostas da representación laboral das traballadoras que, nestes intres, están maioritariamente cobrando salarios por debaixo do SMI, o que para nada se corresponde coa enorme responsabilidade do seu traballo. Precisamente unha das reclamacións que mantén intacta a CIG-Ensino é que o novo convenio, que leva máis de un ano e medio bloqueado por negociacións estériles, recolla salarios dignos para as traballadoras. Neste sentido a actitude da patronal mesmo foi involucionando. Hai un ano súa súa proposta para as escolas de xestión indirecta, xa insuficiente daquela, fixaba as seguintes cantidades a cobrar en 2026: 1.660 € para a categoría de mestra, 1.360€ para as educadoras e 1.245 € para o resto das categorías.

Se se compara coas táboas propostas nas últimas reunions, para a categoría de mestra a cantidade baixa a 1.611,10 €, na categoría de educadora o salario descende a 1.236,43 € e para o resto de categorías preténdese negociar a 1.166,40, lonxe da cantidade inicial. 

Tamén hai retrocesos noutro tipo de dereitos laborais con respecto ás primeiras propostas, nun sector no que a conciliación laboral e familiar se volve practicamente imposíbel. Isto fai que as traballadoras do sector, no que ten a representación sindical maioritaria a CIG-Ensino en Galiza, consideren unha burla e un insulto que se manteña bloqueada a negociación coa intención de prolongar durante máis tempo a súa precariedade. Mañá está chamada a participar toda a comunidade educativa, tamén familias e alumnado, nunha manifestación unitaria de todas as organizacións sindicais que sairá da Alameda ás 11:30 e rematará na Praza de Praterías. 

De non producírense avances na reunión que terá lugar o luns está convocada unha nova xornada de folga, a sexta no que vai de ano, para o martes 19, día no que tamén están previstas manifestacións en Vigo e A Coruña, con saídas ás 11:30, do Museo Marco e da Praza de Pontevedra, respectivamente.

Volver