As patronais da ensinanza concertada néganse, unha vez máis, a asinar as táboas salariais para o ano 2023

Incumprindo deste modo o V convenio actual do sector e dous Reais Decreto Lei cos que se lles incrementaron a elas os módulos do concerto

A CIG-Ensino xunto coas demais organizacións sindicais denunciamos nun comunicado conxunto dita actitude patronal irresponsable e que ven a darnos a razón de que a solución pasa por negociarmos un convenio colectivo a nivel galego.

Na mesa de onte, mércores 21 de febreiro, as patronais da ensinanza concertada, unha vez máis e xa van varias mesas perdidas, negáronse a asinar as táboas salariais para 2023, incumprindo non só o actual convenio, senón tamén Reais Decretos Lei que recoñecen a subida do 0,5% aprobada en outubro de 2023 e outro 0,5% aprobado en febreiro de 2024, para que poidan cobralo as categorías máis precarias salarialmente e que lles corresponde ás patronais aboar, como son o PAS, persoal complementario e docentes sen pago delegado. Ademais están pendentes tamén de asinar as táboas de 2023 dos docentes en pago delegado no que se refire ao incremento salarial do 2,5% aprobado nos orzamentos xerais do estado para ese ano, máis os incrementos do 0,5%.

A patronal argumenta que a Disposición Adicional Terceira do Real Decreto Lei 8/2023, que establece o mecanismo para que as administracións competentes en materia educativa recalculen os módulos para 2023, incluíndo o MEI, e as dúas subidas salariais en todas as partidas, non lles dá seguridade xurídica. Consideran que o Ministerio debe publicar novos módulos no BOE e, xunto á negativa para asinar táboas en tanto non exista esa publicación, propuxeron que a Mesa Negociadora dirixísemos un requirimento ao Ministerio de Educación para que proceda á publicación dos módulos.

As organizacións sindicais rexeitamos esta proposta porque consideramos que a disposición adicional 3ª do Real Decreto Lei 8/2023 (BOE 27-12-23) estabelece de forma clara o mecanismo a seguir para o recálculo dos módulos do 2023, que dá garantía xurídica e non vemos necesario realizar ningún requirimento ao Ministerio por parte da Mesa Negociadora.

Ademais os incrementos aprobados polo goberno do 0,5% de outubro de 2023 e do 0,5% de febreiro de 2024 prodúcense en todas as partidas dos módulos dos concertos e deben aplicarse aos salarios do persoal docente en pago delegado ( como o están a facer as CCAA) e tamén ao PAS, persoal complementario e docentes de niveis non concertados.

Tamén se propuxo axilizar a negociación e que estudar outras opcións e accións (como demandas en dereito, ver de abrir negociacións nas CCAA -tal e como sempre propuxemos dende a CIG e que as demais organizacións estatais sempre rexeitaron- e outras medidas de presión) se non había avances nas próximas semanas. Ao final fixouse a próxima reunión para o 12 de marzo, esperando que a patronal rectifique ou tome as medidas legais que entenda precisas.

Dende a CIG-Ensino non somos asinantes deste convenio, nin dos acordos salariais miserentos das demais OO.SS coa administración, pois sempre reivindicamos maiores subas salariais, así como que haxa negociacións reais nestas mesas e non só reproducir nas táboas o que aproba o goberno, que xa son de mínimos e de obrigado cumprimento. Aínda así, compartimos este comunicado conxunto cos sindicatos estatais para que se cumpran estes mínimos co persoal ao que representamos, para dar resposta a este despropósito e irresponsabilidade das patronais e para que academos unha reivindicación histórica da CIG, que non é outra que a de traer estas negociacións ao marco galego de negociación que é onde se teñen as competencias. Esta reivindicación estivo nesta mesa de onte, pero unha vez máis non foi compartida por patronais e sindicatos maioritarios. Seguiremos pelexando por esta vía dun futuro convenio galego no sector e porque a presión social e a loita son o único camiño.

Comunicado conxunto das OO.SS, rexeitando actitude patronal

Volver