Anúnciase o inicio de accións legais para reclamar a paga extra do ano 2012

A Área Pública da CIG, que rexeitou o decreto na súa totalidade, actuará en todos os ámbitos nos que teña capacidade de actuación

As organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT e CSI-F compareceron este luns para anunciar o inicio de accións legais conxuntas para reclamar a paga extra do ano 2012. A Área Pública da CIG subliña que actuará en todos os ámbitos nos que teña capacidade legal e agarda que coas accións xudiciais que se poñen en marcha en Galiza, tanto para o persoal laboral como funcionario, os gobernos central e galego “tomen nota e rectifiquen canto antes repoñendo o dereito constitucional de todas as traballadoras e traballadores a recibiren a paga extra”.

A Área Pública da CIG considera que os gobernos non deberían agardar a que os distintos xulgados ou organismos xudiciais vaian ditando sentenzas favorábeis nos distintos ámbitos no que se teñen que facer reclamacións.

Na rolda de prensa, as/os representantes sindicais das organizacións con presenza na Mesa Xeral de Negociación de todo o persoal da Xunta de Galiza, explicaron que o persoal laboral ten un ano para presentar as reclamacións por cantidades. En todo caso, subliñouse que conta co instrumento do Conflito Colectivo, que permite reclamar para todo o colectivo afectado e concede lexitimación para actuar aos sindicatos.

Por iso, e para utilizar a fondo todos os instrumentos posíbeis, anunciaron a presentación de conflito colectivo no ámbito do V Convenio Colectivo Único da Xunta de Galicia, salientando que neste momento existe xa a providencia  da Sala da Audiencia Nacional onde valora a posíbel inconstitucionalidade da Lei 20/2012 e unha sentenza da Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid na que se repón parte da paga extra. “Esa non é a sentenza que nós queremos, pero supón en todo caso un avance”, avaliou María Carme López Santamariña, portavoz da Área Pública da CIG.

No resto dos ámbitos estarán á espera de ver como van evolucionando as cousas en función dos pronunciamentos xudiciais que se vaian obtendo.

Máis complicado para o persoal funcionario

Para o persoal funcionario e estatutario a situación é moito máis complicada e os prazos máis longos, xa que se poden presentar reclamacións por un período de 5 anos. Porén, sinalaron que “os sindicatos non temos lexitimación para actuar en nome dos empregados e empregadas en reclamacións por cantidades. Isto pode facer que calquera acción desenvolta polas organizacións sindicais podería resultar non admitida por falta de lexitimación para actuar en nome dos recorrentes”.

Xunto a isto explicaron que están, por unha banda, os problemas das costas, que poden significar un grave castigo para o recorrente no caso de non ver aceptada a súa reclamación e, pola outra, o problema de que calquera reclamación terá efectos xeneralizábeis só para o ámbito territorial da sala que se pronuncie.

Por iso acordaron interpor demandas referidas a persoal funcionario da Xunta, SERGAS e Ensino nos distintos ámbitos. Serán presentadas, a título persoal, por representantes das catro organizacións sindicais, das que se fará constar a súa condición na presentación da demanda. Neste caso, primeiro presentarase unha reclamación previa e, esgotada a vía administrativa, irase ao contencioso. Intentarán que unha vez haxa unha sentenza favorábel, esta se estenda ao conxunto do persoal.

López Santamariña explica que a CIG, ausente da plataforma estatal, “adherirase aos conflitos colectivos que se vaian presentando e nos que teñamos presenza”.

Volver