AMICOS retira unha sanción a unha delegada da CIG por “darlle un golpe a unha máquina expendedora” mentres fóra dos xulgados unha protesta pedía a fin da represión

Nestes momentos hai varios xuízos pendentes por despedimentos inxustificados e denuncias á inspección por incumprimentos da normativa e dereitos laborais entre outras irregularidades

Este é un exemplo máis do ambiente laboral de persecución e conculcación de dereitos que se vive na empresa boirense tanto contra as representantes sindicais da CIG-Ensino como contra o conxunto das traballadoras. Finalmente onte non se celebrou o xuízo previsto porque a avogada do sindicato conseguiu que a empresa retirara a sanción “totalmente inxusta” e coa que persegue amedrentar o persoal. O sindicato lamenta a actitude de UGT que, lonxe de apoiar as compañeiras do comité de empresa, desmarcáronse desta acción e mesmo redactaron un escrito desvinculándose da solidariedade que requiriría unha situación deste tipo.

A CIG-Ensino congratúlase pola decisión tomada onte nos xulgados de Compostela despois de que AMICOS retirara a sanción “totalmente inxusta” contra unha delegada sindical desta central. A avogada do sindicato forzou esta retirada lembrando que, do que se lle acusaba a esta traballadora, era de “golpear unha máquina expendedora que hai nas instalacións da empresa para poder retirar un produto da mesma”. Este tipo de sancións é un exemplo máis do clima de represión laboral que se vive na empresa boirense que nestes intres está denunciada por outros traballadores e traballadoras por despedimentos inxustificados e tamén polo sindicato ante a inspección laboral por incumprimentos da normativa e dereitos laborais, entre outras irregularidades.

Desde a CIG-Ensino instamos á xerencia desta empresa a deixar estas actitudes e cesar coa conculcación dos dereitos do seu persoal, unha estratexia que non debera ter cabida no século XXI e que empana o labor social que realiza a empresa e a atención aos seus usuarios e usuarias. Tamén lamenta a actitude servil cara á dirección e insolidaria da UGT que non só non apoiou a concentración levada a cabo no exterior dos xulgados en apoio á compañeira represaliada senón que mesmo enviou un escrito desmarcándose desta acción e abandonando ás súas compañeiras de comité de empresa.

Volver