AEDIS e o resto de patronais do XVI Convenio Estatal de centros de Atención a Persoas con Diversidade funcional “quebran as negociacións” ao se erguer da mesa negociadora

A CIG-Ensino denuncia o acontecido, tanto pola gravidade dos feitos e polas formas da patronal, co obxecto de limitar a liberdade de expresión e desprezando o traballo e o tempo das OO.SS da mesa, como pola pasividade da parte social maioritaria

AEDIS, patronal maioritaria, xunto co resto de patronais do sector “romperon as negociacións” do XVI Convenio Estatal de centros de Atención a Persoas con Discapacidade erguéndose da mesa negociadora o 27 de marzo de 2023. Esta decisión foi en resposta-censura á publicación dun vídeo reivindicativo feito por un comité de empresa de Cantabria, no que se denunciaba a precariedade tanto laboral coma salarial que padece o persoal deste sector.

Desde a CIG-Ensino non se entende que un acontecemento alleo á mesa de negociación condicione un comportamento, por parte da patronal, inaceptábel ao fuxir da súa responsabilidade nunha mesa de tanta relevancia para o sector.

A vaga xustificación dada polas empresas, máis propia dun actitude inmadura e irresponsábel, para a CIG-Ensino ten en realidade agochada outra, que é a de pechar o XVI convenio sen máis avances que o “acordo Parcial” asinado en decembro. Xa o adiantamos no seu día: o que non se amarrase nese acordo logo non se acadaría coa “vontade da patronal”, que xa afirmara no anterior “preacordo quebrado”, segundo recollen as actas: “as melloras sociais e laborais pactadas só se darían se a suba salarial non acadase o recollido no art. 32.1”.

Ademais un dos puntos que ían á mesa negociadora, o da Aprobación e sinatura do escrito de resposta á Fundación Sima, notificando que seguimos negociando, non debía ser do seu agrado senón que prefiren que actúe unha arbitraxe na solución de conflitos, logo de máis dun ano de negociación sen acordo, tal e como recolle a nova redacción do artigo 86.4 do Real Decreto Lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores/as, no canto de continuar coas negociacións. A CIG-Ensino non pode máis que rexeitar calquera procedemento que anule a Negociación Colectiva, dereito do persoal traballador que a reforma laboral quere recortar evitando así situacións confltivas (medidas de presión, protestas, mobilización ou incluso folgas), como único camiño posíbel para acadar melloras reais e significativas que dignifiquen os convenios. Esta situación non se dá nas negociacións no marco estatal e os feitos  dannos a razón (na Galiza os salarios nos convenios subiron de media perto dun 5% e no estado o 2,8%).

Marco de negociación estatal inexistente de cara á mellora en dereitos da clase traballadora.

Mais unha vez, as “negociacións” deste XVI convenio estatal son estériles, mesmo involutivas, alén de se  demorar no tempo para a clase traballadora, pois ou se moven ao ritmo que marcan as patronais ou non van.  Despois de máis de 20 mesas de negociación en máis dun ano (comezaron en marzo de 2021), e logo de asínarse un “Acordo parcial” do XVI convenio estatal de centros de atención a persoas con discapacidade,(que recolle o que di o XV convenio no artigo 32.1 ratificado e obrigado na súa contextualidade pola Audiencia Nacional en sentenza, as táboas salariais para 2022 dos centros educativos con perda de poder adquisitivo, a aplicación do SMI con absorcións de complementos e a adaptación á reforma laboral do XVI convenio) segundo os intereses da patronal, estas evitan por todos os medios posibéis o camiñar cara a mellora de dereitos da clase traballadora. A última, ate erguéndose da mesa, sen esta comezar, o que nos supón ademais de perda de tempo, altos custes a algúns, que ás patronais nada lle importa, pois só miran polos seus propios intereses. O peor de todo é que xa o tiñan decidido con anterioridade (varios días) e calárono ate o día dos feitos, actuando de moi mala fé, máis cando 24h antes se lles solicita a posibilidade de facela telemáticamente.

A CIG-Ensino considera un insulto e un desprezo á parte social da mesa e ao persoal traballador en particular estas actitudes inxustificadas, dañinas, impositivas e represivas, contra as que estamos dispostos a actuar e respostar con presión social coma sempre propuxemos, nas distintas mesas estatais nas que estamos presentes como sindicato maioritario na Galiza, e as demais OO.SS estatais rexeitan, máis dispostos ao pacto e entreguismo coas patronais, que logo actúan deste xeito sen miramentos.

Marco galego de relacións laborais: convenio galego no sector da diversidade funcional.

Vistas as cativas negociacións  mais unha vez a nível estatal, por patronais que actúan como “empresas privadas” no canto de “asociacións” e sindicatos estatais entregados e pactistas, desde a CIG-Ensino seguiremos loitando por un marco galego de relación laborais como a única vía real de dignificación dos dereitos laborais e salariais do sector, abrindo negociacións por un Convenio Galego, con quen ten as competencias ( Xunta) e coas patronais galegas.

Defendemos a participación dos traballadores/as do sector nas negociacións, evitando que as cúpulas dos sindicatos estatais os suplanten e decidan por eles. Para iso temos que seguir aumentando a nosa representación sindical, sendo maioritarios na Galiza. Apoia o noso modelo sindical reivindicativo, asembleario e combativo como única vía para presionar e forzar negociacións reais que nos encamiñen cara un Convenio Digno. Só coa mobilización social do sector se pode avanzar, pois ninguén dá nada por dar. Exemplo disto son as traballadoras de Inditex, que copiaron logo fóra.

CIG-Informa sobre a quebra das negociacións do Convenio de atención a persoas con diversidade funcional por parte da patronal

Documento


Volver