A Xustiza dálle a razón á CIG-Ensino e obriga a Educación a ofrecer recoñecemento médico periódico ao profesorado

A CIG-Ensino interpuxera unha demanda de conflito colectivo por negarlle este dereito a máis de 30.000 traballadores/as do ensino

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de darlle a razón á CIG-Ensino na demanda de Conflito Colectivo presentada e sentencia que o persoal funcionario e laboral docente dependente da Consellaría de Educación da Xunta ten dereito a recibir os recoñecementos médicos anuais que regular o artigo 22 da Lei de Prevención de Riscos Laborais. A sentencia establece ademais que deben ser dispensados coa mesma periodicidade anual que goza o persoal funcionario e laboral das outras Consellarías da Xunta e condena á Administración a ofrecer o servizo no presente ano 2012.

A CIG-Ensino fai unha valoración positiva desta sentencia pero lamenta a actitude dos responsables da Consellaría que obrigaron a ter que recorrer a xustiza para que se cumpra a Lei de Prevención de Riscos Laborais. “Que a CIG-Ensino se vexa obrigada a presentar unha demanda de conflito colectivo ante o TSXG para que se posibilite o exercicio deste dereito é unha mostra máis da desconsideración e o desprezo co que esta Consellaría trata aos seus traballadores e traballadoras ao negarlles, durante todo este tempo, un dereito, o da revisión médica- que, desde hai 17 anos, a lexislación laboral obriga a cumprir a todas as empresas e administracións -sinala Anxo Louzao. A CIG-Ensino esixirá que se cumpra esta sentencia que implica que  o profesorado que o desexe poida facerse revisión médica neste ano”; engade.

A CIG-Ensino xa tiña esixido a cobertura deste dereito en repetidas ocasións á Consellaría de Educación sen que até o de agora fose atendida esta demanda. Por esta razón, no ano 2008, o sindicato presentou no Valedor do Pobo unha queixa. Daquela  Educación respondeu que estaba a avaliar os custes e a catalogar os riscos pero despois de 3 anos e medio desde a contestación ao Valedor do Pobo, Educación seguía sen prestar a cobertura deste dereito recollido na Lei 31/1995 de Prevención de Riscos Laborais, dispensando, desta maneira, un trato discriminatorio a un colectivo de aproximadamente 33.000 traballadores/as.

Volver