A Xunta négase a avanzar en dereitos para as empregadas e empregados públicos

O borrador da Lei de Medidas en materia de persoal confirma a falta de iniciativa da administración galega.

A proposta de modificación da Lei 2/2015 de emprego público de Galiza que a Dirección Xeral de Función Pública remitiu aos sindicatos para a Mesa Xeral celebrada esta semana non incorpora o permiso parental de 8 semanas (incluído no EBEP e pendente de desenvolvemento) nin promove ningún cambio na duración do permiso por nacemento, adopción ou acollemento para a outra persoa proxenitora, na liña da sentenza gañada pola CIG no TSXG e que a Xunta ten recorrido en casación perante o Tribunal Supremo. 

A CIG-Ensino formulou neste sentido propostas encamiñadas a incorporar ambas melloras: 

  • Incorporación do permiso parental de 8 semanas con carácter retribuído. Tal e como está recollido na modificación do EBEP, o permiso parental consiste en poder dispoñer de até 8 semanas para o coidado dunha filla ou fillo de 8 anos ou menor en acollida (se esta é por tempo superior a un ano). Esas 8 semanas poden ser continuas ou descontinuas, a tempo parcial ou total e pódeno gozar ambas persoas proxenitoras. A duración mínima, no caso de se fraccionar, debe ser dunha semana. Este permiso estaba pendente de desenvolver e a modificación da Lei do Emprego Público de Galiza é a ocasión precisa para facelo. A CIG defende que tamén se debe avanzar recoñecendo o seu carácter retribuído. 

O director xeral de Función Pública afirmou, en contra do que se trasladou desde o seu departamento á Consellaría de Educación, que entenden que o permiso tal e como está xa se pode aplicar ao ser normativa básica. O que se negan a facer é a recoñecer o carácter retributivo (o que será obrigatorio a partir de agosto por normativa europea. 

Esta afirmación do director xeral é totalmente contraditoria con resolucións dalgunha Xefatura Territorial que ten denegado este permiso. Desde a CIG-Ensino instaremos á Consellaría a que dea instrucións para que se autorice a súa concesión. 

  • Equiparación dos permisos de nacemento, adopción ou acollemento para ambos integrantes da parella. A CIG, na liña de aumentar progresivamente este permiso até as 52 semanas propón dar o paso de subilo até as 30 semanas xa no 2024. En calquera caso, sería unha falta de respecto que a Xunta ignorase o incumprimento da normativa europea de non discriminación por razón de xénero que implica ter unha duración menor (16 semanas) para a outra persoa proxenitora en relación á nai biolóxica (22 semanas) polo que, de negarse a avanzar, o mínimo que cabe agardar da Xunta é que se recoñeza unha duración de 22 semanas en ambos casos. 

Función Pública negouse a aceptar a nosa proposta e agardará a que o Supremo decida sobre o seu recurso de casación contra a sentenza gañada pola CIG. 

 

 

A CIG propuxo que se incorpore á persoa convivinte en todos os permisos nos que actualmente non aparece 

A recente inclusión no EBEP da persoa convivinte no permiso de accidente, enfermidade grave ou hospitalización (con independencia de que sexa cónxuxe, parella de feito ou non) e que agora se incorpora na normativa galega, deixa en evidencia todos aqueles permisos nos que non figura. A CIG entende que ter dereito a un permiso de 5 días pola hospitalización da persoa coa que se convive e que este permiso se negue se morre é un sen sentido. O único permiso no que xa se fai referencia a “parentes que convivan co traballador ou a traballadora”, é o de hospitalización prolongada, un permiso non retribuído. 

A central sindical identificou varios permisos a maiores do de falecemento no que se produce esta discriminación e demandou da Xunta a súa incorporación: 

Artigos nos que a CIG solicita incorporar á persoa convivinte: 

- 46 bis. Permisos por accidente ou enfermidade moi graves.

- 98. Adscrición por motivos de saúde ou rehabilitación

- 106. Reducións e adaptacións da xornada de traballo

- 114. Permisos para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ao parto

- 115. Permisos para a realización de tratamentos de fecundación asistida

- 116. Permisos por accidente ou enfermidade moi graves

- 175. Excedencia por agrupación familiar 

Tendo en conta que o EBEP marca os permisos mínimos mais que a Xunta ten potestade para superalos e partindo de que o Estatuto dos Traballadores e Traballadoras (ET) recoñece un permiso de 5 días tamén no caso de enfermidade en familiares de segundo grao, solicitamos que na modificación da Lei do Emprego Público de Galiza se igualen os permisos de 1º e 2º grao no caso de enfermidade, sendo ambos de 5 días, incluíndo sempre no 2º grao, como se fai no ET o familiar consanguíneo da parella de feito.

Lembremos que agora se divide en dous o actual permiso de falecemento, accidente ou enfermidade de familiar. O de falecemento queda como xa estaba e no de accidente ou enfermidade incorporan á persoa convivinte aínda que non exista relación de consanguinidade ou afinidade e deixa de depender da residencia da persoa. Os cambios son os seguintes

Accidente ou enfermidade de familiar

  • 1º grao ou convivinte: 5 días
  • 2º grao: 4 días 

Falecemento

  • 1º grao:
    • mesma localidade: 3 días hábiles
    • diferente localidade: 5 días hábiles
  • 2º grao:
    • mesma localidade: 2 días hábiles
    • diferente localidade: 4 días hábiles
Outras novidades nos permisos 
  • No permiso por adopción ou acollemento inclúese a asistencia a sesións informativas ou preparatorias previas á declaración de idoneidade. 
  • Na redución de xornada retribuída para o coidado dun fillo ou filla con cancro ou enfermidade grave amplíase en determinados supostos a idade do causante, podendo chegar desde os 18 até os 23 se o diagnóstico foi anterior á maioría de idade ou mesmo até os 26 anos se o causante ten un grao de discapacidade do 65% ou máis. Porén, non se elimina o requisito, como ten solicitado a CIG, de que ambos proxenitores traballen. 
A Xunta elimina a prestación de servizos como persoal interino para ter unha excedencia por interese particular 

Outro cambio importante que figura no texto é a eliminación da excedencia por interese particular no caso de prestar servizos como persoal interino ou laboral temporal nunha administración pública. De se manter esta redacción limitaríase a posibilidade de que funcionariado de carreira que presta servizos como interino o puidese seguir a facer baixo esta modalidade, na que até o de agora non se require ningún período de prestación de servizos previos. A intención da Xunta é clara: non conceder ningunha excedencia por interese particular ao persoal que supera un proceso selectivo e que quere seguir traballando como interino noutra administración.

A argumentación de Función Pública está no feito de que aproximadamente un 20% das persoas que aproban procesos selectivos na administración xeral na Xunta non toman posesión e piden esta modalidade de excedencia. 

Desde a CIG consideramos que esta medida é excesiva para evitar o que pretende Función Pública e que limita un dereito actual para o persoal interino. Ademais a Administración debe facer o esforzo de buscar fórmulas que aseguren que se cubran as prazas ofertadas de xeito efectivo facendo apetecible traballar na nosa administración e evitando a fuga de profesionais. 

No caso do persoal docente a CIG solicitou que a duración mínima para se poder reincorporar poida ser inferior a un ano, acomodándose ao comezo de curso. 

Polo tanto, a excedencia por interese particular, ao se eliminar este dereito, exixirá para ser concedida que a persoa solicitante sexa funcionaria de carreira e teña prestado servizos durante tres anos en calquera administración.

Volver