A Xunta adebédalles aos centros públicos escolares preto de 4 millóns de euros para o funcionamento dos comedores escolares

A Consellaría de Educación segue sen pagarlles aos centros os orzamentos correspondentes aos meses de outubro, novembro e decembro de 2012

A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación lles adebeda aos centros públicos escolares aproximadamente preto de 4 millóns de euros en concepto de comedor escolar correspondente aos meses de outubro, novembro e decembro do ano 2012. Isto supón que os centros non poidan facer fronte o pagamento aos distintos provedores.

Esta actuación evidencia unha vez máis o desleixo da Consellaría de Educación co ensino público que non dubida en malgastar diñeiro público para atacar a nosa lingua recorrendo sentencias ao Tribunal Supremo, facer publicidade innecesaria, destinar 3 millóns de euros a centros que segregan alumnado por aula, aportar 250 millóns de euros ao ensino privado concertado, entre outros. Ao tempo, a Consellaría non asume as súas obrigas cargando sobre as costas dos centros as incompetencias e as consecuencias dos múltiples recortes que está aprobando e aplicando.

A CIG-Ensino esixe o pago inmediato das cantidades que se lle adebedan aos  centros, xa que do contrario obrígaos a non facer fronte aos provedores ou ben a  facer fronte aos pagos mediante partidas destinadas a outras funcións. Con este comportamento a Consellaría incita aos centros a que teñan que usar mecanismos inapropiados para manter o funcionamento do comedor.

Baixo ningún concepto imos aceptar que a Consellaría de Educación deixe de pagar esta cantidade aos máis de 409 centros que dispoñen de comedores de xestión directa, xa que suporía a imposibilidade de funcionar os  comedores nos próximos meses. Ademais o atraso nos pagos pode levar consigo que a calidade do servizo empeore.

Volver